miércoles, 8 de julio de 2020

Sanghengho e Dún Aonghasa

Como non hai nada claro na etimoloxía do noso Sanxenxo, a pesares de que se constatan desde época moi temperá formas compatibles co haxiónimo San Xes ("in Sancto Geesio", ano 1155. Fonte: CODOLGA), e considerando que estas poden ser cristianizacións doutro haxiónimo anterior, imos ensaiar outra etimoloxía que vencella o topónimo co deus irlandés Oengus, o que deu nome ó Dún Aonghasa das illas Aran.

Oénaego, epíteto do deus Coso galaico, formado a partir do indoeuropeo *oinos, "un, único", sería o étimo que propoñemos para Sanghengho e o irlandés Oengus / Aonghasa.

Xa tiñamos comentado a peculiar evolución do -n a -ŋ velar cando vai seguido da semivogal wau (manuale > mangual, v. Mosteiro da Manguela), caso que se produce ó anteporlle o modificador San á forma con caída da vogal postónica: Oén(ae)go > San Wengo > Saŋ(w)engo > Sanghengho, con gheada, ou Sanguengo, sen ela.

O feito de ser a gheada un són fricativo velar moi antigo, alófono ou variante da pronunciación habitual oclusiva velar sonora do fonema /g/, penso que pode estar na base da disimilación gh-gh a gh-x, co emprego do outro són fricativo palatal que ás veces ten pronunciacións alofónicas que chegan ata o veo do padal e que case soan como iotas castelás. Isto explicaría a forma de 1155 "Sancto Geẽsio", que podería estar a reflectir unha pronuncia tipo Sanghenxo, da que xurdiría a variante normativa Sanxenxo, con nova asimilación regresiva.

Nesta liña hipotética, o feito de ser o deus Oengus irlandés o deus do amor (ie. *oinos, "unidade, unión") parece vencellalo co noso Sanghengho ou Sanghenxo / Sanxenxo polos rituais de fertilidade que se celebran na Lanzada, o famoso baño das nove ondas.


Dún Aonghasa. (C) Andregoto Galíndez, 2011.

1 comentario:

Andregoto Galíndez dijo...

Vaia ho! dinlle cun dediño ó botón equivocado na tablet e borrei o teu comentario d:D'
Grazas por dicir que che gustou :)