domingo, 27 de noviembre de 2022

Dolmen do Curro de San Tomé - Recaré (O Valadouro). O ouro dos mouros

O dolmen de San Tomé de Recaré tamén é coñecido na bibliografía antiga (1) como do Padorno, por estar moi preto deste lugar, que localizamos na microtoponimia da folla catastral, e de cuxo significado, en relación cos megálitos, xa temos tratado neste blog (Padernelo, Padornelo, Paderne..., Arqueotoponimia, 2016).

Conxunto de cromlech (Prado das Chantas, na parte inferior esquerda da fotografía), túmulos e dolmen no lugar do Curro de San Tomé de Recaré (O Valadouro).

Na obra "Mitoloxía da Nai no Valadouro", de Xesús Pisón, recóllese o folklore vencellado ó ouro dos mouros deste megálito:
  1. "Un home que andaba coas ovellas no Chao do Padorno, sentindo que lle viña encima a treboada, gardouse debaixo dunhas penas, e como non paraba de chover, botou a noite enteira alí. Cando acordou, á mañanciña, viu que a auga lavara o acubillo, descubrindo un baño cheo de ouro. Axiña quixo facerse con el, mais o baño pesaba tanto que o home tivo que baixar á aldea e xunguir unha parella de bois para carretalo. Co ouro que tirou fixo un casal, que aínda hoxe lle chaman o Casal do Rico".
  2. Amáis, unha outra lenda: "O Día de San Xoán, os de Santa Cruz madrugan para ver a roupa tendida do Encanto do Padorno".
Arca do Padorno. (C) Andregoto Galíndez, 2022.

No blog Galicia pueblo a pueblo podemos ler na entrada sobre este dolmen que no seu interior as paredes atópanse tapizadas de schistostega pennata, un musgo bioluminiscente de cor verde-ouro, ou verde fosforito, que brilla na escuridade.

Pola nosa parte, vencellamos este feito coa primeira lenda recollida por Pisón; seguramente fora ó acordar o home refuxiado na cámara do Padorno que viu na escuridade do amencer a bioluminiscencia marela do musgo, o que lle levou a pensar que a cámara estaba feita de ouro pero que non se dera de conta antes porque aínda a chuvia non lavara os chantos.

O musgo schistostega pennata desenvolveu este tipo de folklore ó longo de Eurasia. Coñecido tamén como goblin's gold (ouro dos trasnos), o botánico austríaco Anton Kerner von Marilau dicía no século XIX: "Este fenómeno, que un obxecto só brillase na escuridade das fendas das rochas, e que inmediatamente perdese o brillo á luz do día, é tan sorprendente que se pode comprender como se formaron as lendas de gnomos e trasnos que habitan nas covas, os cales permiten que os cobizosos fillos da terra observen o ouro e as pedras preciosas, pero lle teñen preparado un chasco ó buscador do tesouro encantado, pois cando este baleira o saco co tesouro que recolleu na cova, ve rodar fora, non xoias brillantes, senón só terra" (fonte da cita, Wikipedia: Schistostega).

Velaí de onde ven a idea da riqueza dos seres mitolóxicos chamados mouros, elfos, goblins...

Corredor e entrada á cámara do dolmen do Padorno. No interior da mesma albíscase o musgo cubrindo as paredes. (C) AG, 2022.

(1) Villaamil y Castro: Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia (1873). Trátase segundo o autor dunha arca de xisto anfibolítico.

2 comentarios:

Isaac Ferreira (Isaac Pérez Blanco) dijo...

Mellor Curro de San Tomé de Recaré (que é o nome oficial desta parroquia do concello d'O Valadouro. NOMENCLÁTOR DE GALICIA. PROVINCIA DE LUGO. Xunta de Galicia, 2000.
Saúdos agradecidos, Isaac Ferreira (Isaac Pérez Blanco).
ferreiradovaladouro@outlook.es

Andregoto Galíndez dijo...

Grazas a ti Isaac! Queda corrixido o erro. Aproveito para preguntarte, se voltas por aquí, por estes dous contos que cito. Tamén están recollidos no libro "Contos do Valadouro", do que eres coautor? Non o teño e só puiden consultalos na obra "Mitoloxía da Nai no Valadouro", de Xesús Pisón.