martes, 27 de diciembre de 2022

O Cadramón

 

O Cadramón. (C) M. Camba Gayoso, 2022.

O Cadramón é un orónimo híbrido celtolatino. Semella un aumentativo en -ón, mais é un superlativo céltico en -amo, declinado en caso acusativo (*Cádramo - *Cadramónem) o que promove o desprazamento acentual, como no caso de Segísamo (nominativo) - Segisamónem (acusativo) que vimos de ver na entrada Sésamo e Sesmonde

A base é o latín quadrum, estudado por Hubschmid ("Problèmes d'etymologie et de sémantique comparée. Roum. codru, alban. kodër et quelques représentants du lat. quadrum, quadra dans les langues romanes de l'Occident" (Nouvelle revue d'onomastique, 1985, nº 5-6, pgs. 120-141). No seu traballo expón as evolucións fonéticas dos derivados de quadrum na Romania, con diversas solucións do vocalismo wa e do grupo consonántico dr. Os significados que comprende o étimo quadrum van dende o codru rumano na súa acepción de "pedazo ou corteza de pan, corrosco" (v. latín quadra panis), ó que nós engadíramos as correspondencias galegas cadrozo, carozo e carolo, ata a acepción oronímica relativa ás elevacións do terreo, rumano codru, "outeiro", que debe porse en relación co noso orónimo "Monte Quadro" (orónimo histórico gallego - ano 1197, Toxosoutos: CODOLGA), ou Pedra do Cadro (orónimo de Muros), e cuxa existencia equilibra a tese de Hubschmid nos extremos da Romania.

O topónimo O Cadramón, segundo a nosa proposta, que ven sendo a de Hubschmid, sería "a montañísima", a "montaña descomunal". É por isto que aínda o sustantivo "cadramón" figura nos dicionarios como xenérico que designa un "animal ou persoa grande e deforme", contrafeita polo seu tamaño descomunal semellante ó dunha montaña.

Salientamos que o feito de se engadir un sufixo celta a unha base latina (*Quadramone) é un fenómeno característico das linguas pidgin ou crioulas, formadas en contextos coloniais pola combinación de dúas linguas sen que ningunha delas prevaleza, o que nos proporciona indicios do que puido ser a lingua galega na súa orixe.

No hay comentarios: