jueves, 8 de diciembre de 2022

Vías naturais como factor determinante dos asentamentos da Idade do Ferro

 

  • Estreliña vermella: As Travesas (Carral).
  • Aspa verde: Cruce de Sesmonde (Curtis).
  • Círculos marróns: castros. De esquerda a dereita (en letra verde os inmediatos á calzada): Castro de Virís (Queixas - Cerceda); Castro de Morgade (Ardemil - Ordes), e baixo el o Castro de Leira (Ordes) e o da Torre de Moscoso (Ardemil - Ordes); preto da estreliña vermella o Castro das Travesas (Beira - Carral), o Castro da Alcaiana (Vizoño - Abegondo) e o Castro de Castromaior (Vizoño - Abegondo); Castro de Vizoño (Abegondo); Castro dos Ricos preto de A Calzada (Visantoña - Mesía); Castro da Braña (Visantoña - Mesía); Castro de Castiñeiras (Mesía); recinto-torre de Churruchao (A Pobra Mesía) e Castros de Tamarín e de Monteiro (Bascoi - Mesía), doutro lado do río Samo; Castro de Borrifáns (Oza-Cesuras); no Cruce de Sesmonde, Castros de Ril e Parrando e baixo eles, Castro Mouro ou de Viladarcas e Castro de Estremil (Barbeito - Vilasantar); voltando á divisoria de augas e preto de Porto Carros, Castro de Fisteus e A Roda de Godulfes (Curtis); Castros de Vilarullo e Frádegas (Curtis); Castro de Santaia (Curtis); Castro de Foxado (Curtis); Castro de Sante (Grixalba - Sobrado), preto de Casa Camiño; Castro de Cumbraos (Sobrado); Castro da Lagoa (Codesoso - Sobrado); Castro dos Cotos (Roade - Sobrado).
  • Liña laranxa: divisoria de augas do Tambre (ó sur) e os ríos Mero, Mendo e Mandeo (ó norte).
  • Liñas azuis: divisorias de augas das cuncas fluviais dos ríos Mero, Mendo e Mandeo.
  • Distanza de Brea ó mosteiro de Sobrado: 50 kms.
As liñas de cumios das divisorias de augas son camiños naturais de circunvalación das bacías hidrográficas, conformados pola topografía fluvial do territorio e utilizados polas mandas dos grandes herbívoros e o ser humano dende a prehistoria nos seus desprazamentos. Cando aínda non existía a tecnoloxía que nos permitía facer pontes ou barcas, non quedaba máis remedio que arrodear a cunca do río nas longas viaxes, para así evitar atravesalo co risco de afogamento que conlevaría.

Na divisoria entre o Tambre e os ríos Mero, Mendo e Mandeo percíbese a súa función viaria na odonimia que recollemos ó longo dela: Brea, Calzada, Francés, Porto Carros, Arrieiros e Casa Camiño. Destaca o microtopónimo Os Franceses, que dá conta do encontro de dous camiños naturais nese punto preto do Cruce de Sesmonde: o da divisoria entre o Tambre e os ríos Mero e Mendo (liña laranxa) e o da divisoria entre o río Mero e O Mandeo (liña azul). Pola nosa parte remitimos a etimoloxía de Francés (Camiño Francés) ó étimo franchus, "liber, immunis ab oneribus et præstationibus servilibus" (Glosario de Du Cange), é dicir, que se usufructúa libremente sen necesidade de pagar cargas impositivas. Mais hai quen sostén que foi a sona do Camiño Francés a Santiago de Compostela dende Francia, a que xeralizou o uso do termo Francés como sinónimo equivalente de "camiño".

O feito de que moitos asentamentos da Idade do Ferro se sitúen xunto ó camiño natural da divisoria de augas, á súa beira ou con acceso inmediato á vía de comunicación, é ben chamativo e debe poñerse en relación co tipo de poboamento galego espallado ó longo das modernas vías de comunicación do que teñen tratado varios investigadores. Dentre eles seleccionamos un texto de Sánchez Pardo:

"Podemos hablar de las vías de comunicación y su lógica e importante relación con la estructura del poblamiento. Aunque inicialmente las vías de comunicación se establecerían para unir dos o más puntos de hábitat, una vez consolidadas pueden constituir un importante polo de atracción y articulación de nuevas entidades de poblamiento. Basta con observar la gran importancia que han adquirido en Galicia en los últimos 50 años las carreteras en la formación o alteración de núcleos de hábitat o, más antiguamente, la creación de pueblos, por ejemplo, a lo largo de rutas comerciales o religiosas como el Camino de Santiago. En todos estos casos el hábitat adopta una estructura lineal y alargada siguiendo el curso de la vía" (Territorio y poblamiento en Galicia entre la antigüedad y la plena Edad Media, tese de doutoramento, Universidad de Santiago de Compostela, 2008).

A diferenza do que sostemos aquí, vese que o investigador está a argumentar sobre vías de comunicación artificiais, relativamente recentes, e construídas polo ser humano para comunicar dous puntos (1). Nós partimos, para o caso que estamos a analizar, de vías de comunicación preestablecidas naturalmente pola topografía do territorio, que é a que conforma as bacías hidrográficas e as liñas das nascentes das augas. As vías de comunicación natural son, pois, previas ós asentamentos, e determinan a ubicación dos mesmos xunto delas.

Cremos, entón, que a situación destes castros na liña da divisoria de augas entre o Tambre e os ríos Mero, Mendo e Mandeo responde ás mesmas vantaxes estratéxicas económicas que hoxe proporciona a ubicación inmediata xunto dunha estrada pola que transitan persoas e mercadorías. Vantaxes que atinxen, por exemplo, ó acceso directo ós bens que se moven  por ela, á facilitación de achegarse a centros administrativos e de intercambio comercial sitos nalgún punto da mesma, como poden ser ferias de gando e mercados, ou a necesidade de prestar servizos ós viaxeiros (servizos de hostelería e hospedaxe).

Os castros seleccionados amosan, porén, os inicios na Idade do Ferro (non a partires da romanización) do hábitat lineal espallado ó longo dunha vía de comunicación, tan característico da Galicia actual; coa particularidade de que esa vía de comunicación é natural, non antrópica. As necesidades de intercambio, comercio, comunicación e relación a media distancia da sociedade galaica da Idade do Ferro, son as que promoveron a ubicación de lugares de habitación ó longo das vías de comunicación naturais. 


(1) V. a conferencia de Fermín Pérez Losada, "A interpretación da rede viaria romana da Gallaecia a partir dos núcleos agrupados (enclaves urbanos e aglomeracións secundarias)", Consello da Cultura Galega, 2017: https://youtu.be/M0mNpT9M5WA

No hay comentarios: