domingo, 26 de febrero de 2023

"Branca, garrida e fidalga": Galicia en "Queixumes dos Pinos"

Como xa vimos nun apunte anterior (A patria violada) é necesario proceder a unha relectura e reinterpretación da obra de Eduardo Pondal, pois, como el mesmo indicara, é unha obra en clave, escura. Enlazaría, porén, co movemento simbólico dentro do romanticismo. Nas súas anotacións, fornecidas por Manuel Ferreiro, o propio autor deixárao ben claro:

"Los Rumores, los Queixumes de los Pinos son un símbolo, un símbolo que revela un gran propósito latente: el resurgimiento y la redención de su querida Galicia. Son, además, una queja, una protesta, una [...], una rebelión contra la abrasión y despotismo castellanos por haber intentado borrar la lengua, las costumbres, la poesía, el alma gallega y la vida ¿regional? de Galicia".

"La Sª Bazán sólo atendió a la parte soñadora y amorosa de los Queixumes, mas no dio en la clave de esos cantos".

Xa que logo, neste traballo revisaremos o significado denotativo asociado ás personaxes femininas na obra Queixumes dos pinos, pois hai evidencias, aínda que non doadas de advertir a primeira ollada, de que vai moito máis aló e trascende o referente da muller, entendida como ser humano. As nosas observacións conducirán inevitablemente a matizar os estudos que tratan da misoxinia na obra do poeta, nos que se poden ler consideracións escalofriantes: dalgún dos seus poemas amorosos tense dito que acada "un punto de baixeza moral inigualable en toda a literatura universal" (Manuel Forcadela, apud María Xosé Queizán: Misoxinia e racismo na poesía de Pondal, 1998). Evidentemente toda a obra do poeta vese contaminada por este discurso, xa que non é doado sustraela das conclusións sobre a súa misoxinia, certeiras dende a lectura literal e a perspectiva de xénero sobre as que se fundamentan.

Dixeramos que o bardo non descoñecía o tropo (alegórico), propio do romanticismo, da identificación da patria coa muller, e que incluso o tiña utilizado nalgúns poemas:
  1. "Oda" (publicado solto nun diario): "Como Virgen hermosa, que sin amor suspira, y yace como flor descolorida [...] así gentil Galicia tú yacías".
  2. "¡Desperta, Polska!": A sofrida Cincenta, / filla dos celtas boa, / [...] que garda de Santiago / a milagrosa tomba" (1).
Mais, hai algunha evidencia en Queixumes dos pinos de que se estea a utilizar esta mesma alegoría muller = patria, nación?

Galicia. A novia de Pondal


O ilustre Carvalho Calero, como se estivese a facer unha reportaxe para a revista Hola!, adicáralle catro ou cinco páxinas ó cotilleo de averiguar quen fora a novia de Pondal, da que supostamente a voz poética do bardo falaba no poema "Cando as doces anduriñas". Era unha moza fidalga nada ou residente en Santiago? Vivía na mesma casa na que se aloxaba o Pondal estudante? Non sería, mellor, a moza de Pontevedra á que lle adicara os versos "Yo recuerdo la niña hechicera / que en Helenes la dulce nació"? Logo, se era pontevedresa non podía ser "filla de Santiago", como dicía o poema das anduriñas... Tiña o cabelo preto ou louro? (Historia da Literatura Galega Contemporánea 1808-1936, 1963). Como volo conto. Incrible!

Mais efectivamente, no poema das anduriñas ven unha das chaves que permite revelar quen fora a novia de Pondal. O poema estrutúrase co recurso ó paralelismo máis absoluto, en dúas preguntas (en realidade son a mesma pregunta feita dúas veces) realizadas a dous seres que migran ou viaxan - velaí un dos temas centrais, o retorno á patria ou "A volta ó eido" (que fora o título orixinal do poema das anduriñas). As dúas respostas que se fornecen son, porén, equivalentes ou idénticas entre sí, como o son as anduriñas e o bardo, e gardarán relación co vello título:
  1. As anduriñas: "En que pensan? -Na sua pátria".
  2. A voz poética / o bardo: "En qu' iba pensando estonces? / Decide, ventos de Xallas: / -Sempre iba pensando néla / N' aquela doce rapaza / Q' era filla de Santiago / Branca, garrida e fidalga.
É dicir, a patria do bardo, Galicia, é glosada por extenso nunha metáfora: una doce rapaza filla de Santiago (Galicia nace poéticamente do culto ó Apóstolo), branca, garrida e fidalga (pura, fermosa e de estirpe noble). Non está a falar de ningunha muller, síntoo, senón do amor que sente pola súa terra, descrita como doncela segundo a alegoría ó uso no romanticismo. Velaí a tan traída e levada novia de Pondal, á que consagrou a súa vida.


Nun outro poema que fala da mesma "rapaza" vese a consideración coa que desexa sexa tratada, non quere que se lle faga ningún dano, o que contrasta, como veremos máis adiante, con como é prendida a fada Morpeguite polo Mouco.

Úces da terra de Xallas,
Úces, deixádea pasar;
Ela he filla de Santiago,
Non'stá afeita á vos tratar.
Úces da ponte Aranton,
Non toqué-l-ós seus vestidos,
Q' eles para vos non son.

O rapto. As lecturas colonialismo vs. soberanía céltica


Regla única: estatísticamente, se nun poemario calquera, como Queixumes dos pinos, inserido no romanticismo, de envoltura formal épica e mítica, cun tema central que expresa a subxugación da patria por un axente colonial alleo (Castela), mailo tema do soño ou visión de rexurdimento, no que aparece a muller como representación da terra (Galicia), utilízase o motivo ou tropo do rapto (violación) da muller, o tropo vai ser sempre unha alegoría da relación de subxugación e sometemento que impón o proceso colonial.

Hai miles de estudos adicados á violación como alegoría literaria do colonialismo. K.M. Moloney explicara por exemplo o poema de Seamus Heaney "Ocean's Love to Ireland" nesta liña; o proceso de ocupación é reflictido como unha violación (rape) do país representado como unha muller ("the ruined maid" = "the ground possessed" [a doncela estragada = o chan posuído sexualmente]). 

Moloney engade que no poema de Heaney "the identification of the female body with Irish landscape broadly suggests connection to the sovereignty motif". No antiquísimo mito indoeuropeo da soberanía céltica, lembremos, recréase a hierogamia ou matrimonio sagrado do rei coa deusa da terra, copulación pola que se acada a soberanía dun territorio (v. M. Alberro: "La diosa de la soberanía en la religión, la mitología y el folklore de los celtas y otros pueblos de la Antigüedad", Anuario Brigantino, 2003).

Certamente o rapto da muller-terra (proceso colonial, patriarcal, invasivo e violento) e o mito da hierogamia sagrada céltica (rito no que se sacraliza a apropiación lexítima do territorio) comparten o feito de utilizar a cópula e o corpo da muller como expresión erótica da posesión sobre o territorio, mais difiren no emprego dos métodos (2), violentos e sen consentemento no primeiro caso, rituais e sagrados no segundo. O reverso da posesión lexítima do territorio (hierogamia) é o violento despoxo das nacións (violación).

E o erotismo en Queixumes dos pinos é, nunha serie de poemas, moi violento. A violencia exercida contra a muller-terra ven reflictida en varios poemas, que, intercalados no poemario, admiten unha lectura continúa in crescendo na tensión. Neles cumpre suliñar que a voz poética que aparece neles non é a do bardo, o cal se identifica sempre con facilidade cando aparece. O opresor chámase Mouco (mouco = xordo, que non escoita - cfr. "non nos entenden, non").
  1. "Engañosa Morpeguite": a persecución do monstruoso Mouco que atrapa á fada, e as súplicas e promesas desta. "Mira, 'state queto Mouco, / Mouco non me fagas mal / Se me soltas che prometo, / [...] / Non me prendal' a faldra de brétoma, / Déixame, Mouco, vagar".
  2. "Correndo fui o arume": as consecuencias da violación. "Volvío descabelada, / Decaida y sin zolás; / [...] / Desde entonces tornóu alba, / Algo estantía quezáis".
  3. "Pilleina entre os pinos soa": a violación e o medo da muller. "Pilléina antr' os pinos soa, / Alba de medo tornóu; / Quixo fugir, mais non pudo, / (Que sabe que peixe eu son.) / Rogárame de rodillas, / De rodillas me rogóu; / Tembróu como á vara verde, / Q' estremece a virazon".
  4. "Abonda já d' oracion...": brevísimo poema que inserta o eco da voz do Mouco. "Porque de min non te libran, / Nin Dios nin o demo, non".
A análise que deles fixo María Xosé Queizán segue a ser en xeral válida coa condición de que proxectemos as conclusións da investigadora sobre un outro home, non sobre a personalidade ou psique do poeta. Ese outro home, que representa alegóricamente o colonialismo que someteu Galicia, é Castela: "os violadores buscan satisfacer cos seus actos necesidades de dominio, competitividade, masculinidade e poder"; a violación "está deseñada para traumatizar física, psicolóxica e moralmente á víctima"; "o obxectivo é aterrorizar, dominar, humillar e torturar" (Queizán: opcit.). Velaí a caracterización como violacións dos procesos coloniais de calquera índole en calquera lugar, pois como xa dixera Queizán o que en principio semellan distintas violencias (racismo, clasismo, sexismo, colonialismo) son efectos irmáns provintes todos eles da mesma causa, a concepción patriarcal da sociedade.

O tropo do rapto da doncella e as súas derivacións está moi presente na restante obra de Pondal. No poema "Envolta en seca veste" (3) realízase como un espolio: "Acercouse a soberbia / a falar con dureza acostumada / á virxe que dormía / desporcatada e cándida; / ¿Aún duerme la doncella / de Breogán delicada, / ceñida de verdura / y nieblas vagarosas de la gandra? / [...] / E roubáralle os fillos, / e o manto lle roubara, / cheo das ledas cores / de nacente alborada". Nótese o bilingüismo intencionado do poema.

A patria. Muller, terra e nai

 
Recentemente tivemos a oportunidade de asistir a un interesante seminario sobre Pondal, organizado no local de Espiral Maior en Carballo, coordinado por Xavier Canosa e Paula Cousillas, onde o filósofo Luís García Soto expuxo algunha das ideas fundamentais do seu último estudo sobre Queixumes dos pinos. Concretamente comentara que as personaxes das fadas pondalianas representaban á natureza.

Tralas evidencias e argumentos que acabamos de expor nos apartados anteriores, non podemos máis que darlle a razón ó profesor Soto, engadindo e matizando pola nosa conta que nas fadas, mais tamén noutras mulleres pondalianas que aparecen en Queixumes dos pinos, como a guerreira Maroñas, a muller é símbolo da natureza, si, mais trascendida en paisaxe > territorio > eido > terra > patria ou nación.

Nunha nota do poeta a un verso do seu poemario bilingüe Rumores de los pinos, constátase a tendenza á personificación feminina do eido: "Ou bardo de nobre andar, / [...] / Os suidosos recordos / Canta da doce Fungar". Na nota o poeta indica que Fungar é "tierra verde y hermosa a la vista [...] con cuyo nombre designaban a Galicia los celtas nuestros antepasados".

A utilización da toponimia local bergantiñá para formar o corpus de antropónimos femininos que levan as fadas e as guerreiras de Queixumes dos pinos xurde desta identificación muller-terra ou terra-muller: Maroñas, Morpeguite, Bergantiños... Trátase dun mecanismo de tradición céltica que tivo nas dindshenchas irlandesas o seu maior esplendor, asunto ó que adicaramos recentemente un estudo detallado (Revista dixital da SAGA, nº 4, 2022).

Mais o noso bardo non só utiliza a identificación da muller coa terra-nación. No poema "Vámos, mi buena Rentar," a muller representa á terra como nai nutricia, prisioneira en Madrid. O poema orixinal, deliberadamente bilingüe, publicado inicialmente en Rumores de los pinos, levaba o título, precisamente, de "La Nodriza". A persuasión mentireira do colonialismo (personificado nos condes de Sansueña) albíscase no falso xuramento e na parella opositiva amiga / dueña do verso que Pondal modificou así para a edición de Queixumes dos pinos:

De abandonar á Madrid,
Rentar, la idea desecha;
Y por tu dulce Galicia,
No truéques la mansión régia
Que habitas, donde te juro,
Ser tu amiga, no tu dueña.

A influencia de MacPherson. "El rapto"


Todo o que temos visto ata aquí sobre a alegoría do rapto en Queixumes dos pinos viríase abaixo, aínda sendo unha exposición coherente axustada a diversos criterios literarios, como é o da unicidade da obra que se analiza, se non tivésemos en conta o poema "El rapto" da obra previa Rumores de los pinos. Este poema fora desbotado por Pondal, que non o incluíu en Queixumes dos pinos, aínda que o tropo colonial do rapto latexe continuamente no seu último poemario.

Para Carvalho Calero (op. cit.), que atende, como tantos outros críticos, a unha lectura literal e non literaria da poesía pondaliana, "El rapto" ven sendo o manual de amor de Pondal onde o poeta expresa a súa doctrina erótica de depredador sexual: "ceibe de toda compricación estética ou ética, [...] como un cazador cuaternario, como un guerreiro feudal, [...] o home pon a súa garra sobre a doce presa femenina latexante e vizosa, [...] pouco importa a vontade da muller; [...] asombra ista franqueza primitiva, [...] por iso lembramos sempre istes poemas cando queremos caracterizar o seu erotismo. [...] Nun poema de Rumores formulará sen andrómenas a doutrina":

A Natureza consente que o home tome pola forza á muller: "Toma lo que es para ti: / La virgen, tu dulce presa / De guerra, sea servil: / Yo bendeciré tu crimen, / Impune raptor feliz".

Amáis desta especie de introducción doctrinaria ou xustificativa, á súa vez precedida dunha versión poética dunha noticia de prensa dun rapto sucedido en Madrid, o poema de "El rapto" ten unha parte narrativa na que se produce un diálogo entre o home e a muller raptada. Neste diálogo reaparece o motivo do colonialismo cando se sinala o destino ó que o amante conduce á "bella de blondos cabellos": á patria do home, Galicia, que se define como nación sometida, "sierva melancólica de los reyes".


Así pois, tanto o rapto como a súa xustificación teórica (a suposta doctrina amorosa de Pondal), aparecen neste poema vencellados estreitamente ó tema colonial formando un todo indisoluble, e así hai que entendelos. Mais aquí na alegoría da violación / rapto os papeis do home e da muller aparecen invertidos, agora o home lígase á nación serva, á patria sometida, co que o rol da muller non é doado de entender. Trátase, cecais, dun rescate da soberanía pola forza? As implicacións que imos ver na obra de MacPherson aclararán o rexeitamento do poema por parte de Pondal.
  
Moito teñen falado os críticos literarios sobre a influencia de MacPherson en Pondal, mais semella que ningún leu a MacPherson... visto que non existen traballos extensos sobre ela. Como avanzaramos na entrada anterior do blog (A patria violada), fora o poema "Oithona", do escocés, o que lle servíu a Pondal para estruturar este o seu primeiro rapto colonial, logo desbotado.

Anna Bugajska en "Tales of the Times of Old”: Britons in the Poems of Ossian" (Études Écossaises, 2015) comenta sobre o poema "Oithona" que "Macpherson in this tale employs and completely inverts the metaphor of rape, so common in the discourse accompanying the discussion of the Anglo-Scottish union. Here, Morven/Scotland is represented by the masculine principle, whereas Dunlathmon/England is assigned the feminine one".

Con que obxecto presenta MacPherson, ó que segue Pondal en "El rapto", os principios masculino e feminino invertidos na metáfora da violación, metáfora común na discusión do problema político da unión anglo-escocesa, tan semellante ó noso? A verdade é que resulta complicado comprendelo; unha outra posibilidade é que MacPherson estivese a valorar a opción do unionismo, polo que tería deseñado á personaxe de Oithona como "British princess, the marriage with whom could have secured a cease-fire". Certamente, o unionismo con Castela non foi unha opción politica que barallara Pondal, de aí que desbotase o poema de "El rapto" unha vez madurada a idea e comprendidas as implicacións políticas de seguir fielmente o modelo macphersoniano.

Queixumes dos pinos como aisling


Pondal confírmase como un poeta simbólico, escuro, o noso William Blake en moitos aspectos: o tema da colonización de América que desenvolvería no inconcluso Os Eoas tamén está presente en Blake, o cal tratara, como máis tarde fixera Pondal, o tema do rapto de "Oithona" de MacPherson no seu Visions of the Daughters of Albion.

O malo dos poetas escuros é que ás veces só se entenden eles, e así un poema descontextualizado sobre o tropo colonial do rapto pode ser interpretado como un poema amoroso no que a voz poética expresa unha sexualidade masculina primaria e impulsiva (Carvalho Calero), ou como unha apoloxía da violación (Queizán). 

A qué xénero poético pertence Queixumes dos pinos? Consideramos que a obra se encadra nos aislingí celtas. O aisling é un xénero poético irlandés dos séculos XVII-XVIII no que a protagonista é unha muller sobrenatural que personifica a patria e a soberanía céltica. Nel nárranse en forma de visión ou ensoñación as desgrazas acaídas pola colonización inglesa, feitos gloriosos do pasado, así como o futuro rexurdimento da nación. Tamén pode lamentar o falecemento dun heroe. Nos aislingí o proceso colonial adoita aparecer coma un rapto (4). A libertade que se toma Pondal ó crear o seu propio aisling en Queixumes dos pinos é únicamente a de tomar a voz narrativa como bardo, mais sempre acompañado da deusa da soberanía, coa que espera empreder o voo. 

Detén un pouco,
Na escura terra,
O teu gracioso paso fugaz.
E m' apreixando,
Dos teus garridos,
Graciosos velos de ledo tul,
Nos perderémos,
Do van collidos,
Dos pátrios ceos no brando azul.


(1) Os cantos eran da patria (120 poemas), ed. de Manuel Ferreiro, 2017, poema 99.
(2) Agradezo ós profesores Rosa Brañas e Marcial Tenreiro o pequeno debate no meu Facebook que serveu para asentar esta diferencia esencial.
(3) Os cantos eran da patria (120 poemas), ed. de Manuel Ferreiro, 2017, poema 104.
(4) S. Mathews: Irish Poetry, 1997, px. 119.

No hay comentarios: