Corda ou Cordal son orónimos que deixaron escasa pegada na nosa toponimia: A Corda (Friol, Palas de Rei), A Corda da Ara (Sobrado dos Monxes), O Cordal de Montouto (serra entre Aranga e Guitiriz), O Cordal (Abadín, As Pontes, Vilalba). Designan unha serra ou cadea de montañas, ou a altura dun monte. Segundo Charles Rostaing poderían provir da base oronímica prelatina *COR (variante de *CAR). Mont de Cordon é un dos topónimos que menciona no seu Dictionnaire etymologique des noms de rivières et de montagnes en France. Semella evidente, pois, que o noso Cordón é herdeiro desta base indoeuropea: así o Monte Cordón (preto de Lapela - Coirós) e o lugar de Cordón (Santalocaia - Castro de Rei).
O profesor Porto Dapena ligaba o Cordón da vila de Cedeira ó eido da oronimia, mais facíao provir do latín chorda, "corda dun instrumento musical, feita de febras ou tendóns retortos" (Diccionario toponímico do concello de Cedeira, 2014). Nós preferimos tirar da base indoeuropea, polo feito de estar o topónimo vencellado á oronimia, o que é indicativo da grande antigüidade do nome e da súa precedencia, antes de que, por deriva semántica, evoluíse cara á designación de obxectos de forma semellante (cfr. o orónimo Serra, do que sae o nome da serra, "ferramenta dentada").
É significativo que cordón tamén designe unha especie de cobra, a víbora macho (dicionario de Aníbal Otero). Aínda que normalmente pénsase á inversa, que foron as cobras as que deron nome ás cadeas de montañas (Sierra de la Culebra, Serra da Cova da Serpe, Cordón), o mecanismo foi seguramente á inversa: coluber, serpe e cordón foron orónimos antes que nomes de réptiles. A orografía do referente designado polo oro-hidro-topónimo desencadeou a metáfora, que se aplicou a outros elementos, obxectos ou seres vivos semellantes.
No caso do topónimo Cordeiro e o composto Precordeiro / Percordeiro (As Pontes de García Rodríguez) ten bastante consenso a hipótese de que designa un lugar no que habitaba ou tiña o seu obradoiro un home que se adicaba ó oficio de facer cordas (Cabeza Quiles, Toponimia de Galicia, 2008; Encarna Domínguez Ramil, "Nullum est sine nomine saxum: Apuntes de toponimia", Hume. Revista de Estudios Históricos Locais, 2015). Sen negar que en certas ocasións poida facer referencia ó oficio, suxerimos ter en conta a posibilidade de que sexa un orónimo da familia de Corda, Cordal e Cordón, como parece no caso da elevación chamada Alto de Cordeiro (A Olga, Santa María de Álvare - A Pastoriza).
Para Percordeiro Rivas Quintas falaba dun topónimo antroponímico ("Fenomenoloxía toponímica de Galicia", 2006), é dicir, semella que quería derivalo do nome persoal Pero ou Pedro máis o apelido Cordeiro, que cecais aludise ó oficio antedito... Mais para nós a explicación antropotoponímica é sempre a última opción cando existen outras posibilidades que reflicten as motivacións esenciais dos topónimos, pola orografía do terreo ou pola actividade de aproveitamento desenvolta nel. Cecais un *Pedro Cordeiro (cun masculino analóxico procedente do femenino pedra), que designase un penedo senlleiro situado nun cordal (cfr. o topónimo Pedro Monteiro), ou un *Prae Cordeiro, como sinalara Domínguez Ramil, cunha preposición latina que indicaría a situación do lugar diante dun cordal.