viernes, 25 de abril de 2025

Rapsodas: costureiras de mitos

A orixe da literatura occidental hai que procurala, literalmente, na costura de retallos orais, é dicir, no ensamblaxe de contos marabillosos e proto-mitos previos, para formar unha nova obra de retallos ou patchwork.

Hesiodo e Homero foron, antes que aedos ou cantareiras, rapsodas, isto é: costureiras de tradicións orais (grego ráptein = coser). "Eu [Hesiodo] e máis Homero fomos os primeiros que cosimos os retallos xuntos para formar un novo himno, facendo a Febo o protagonista das nosas composicións" (Nagy, Homer the Preclassic, 2017). Imos desenvolver un pouquiño máis esta novedosa idea.

Quilt de patchwork feito por Harriet Powers (1895-1898). American Folk Art Museum.

Que cosían estes homes? A opinión máis extendida é que Hesiodo e Homero cosían frases, versos, temas... Pero para nós está moi claro que cosían outra cousa, pois está demostrado que basearon os seus traballos de patchwork na recompilación de contos marabillosos e mitos preexistentes, creando unha nova forma expresiva (a literatura) xuntando cun fío argumental ficticio e orixinal os distintos retallos. Vese na explicación de Hesiodo que o feito de facer a un único personaxe o protagonista de tódolos retallos é un xeito de lograr a unidade da composición. O feixe das aventuras que lle ocorren a Ulises no seu retorno a Ítaca unha vez rematada a guerra de Troia (fío argumental) dá para xuntar e coser entre si vellos contos tradicionais supoñendo que foron vivencias que lle aconteceron ó protagonista: o do cíclope (ATU 1137), o da volta ó fogar do heroe xusto no momento que vai casar de novo a muller (ATU 974), o do heroe na casa da maga (Circe como ogresa - ATU 327), etc. As aventuras do que poderiamos chamar o Ulises inuit, o xamán Kiviuq, tamén forman ciclos épicos distintos nos que se cosen tradicións previas co fío do retorno ó fogar do protagonista.

Lenda de Kiviuq bordada por Victoria Mamnguqsualuq. Encontro do xamán cuns seres mariños que lembran ás sereas da Odisea.

Mesmamente As mil e unha noites usa tamén outro fío argumental como marco e pretexto para coser antigos relatos da tradición oral, aínda que máis basto, pois os contos quedan fóra da narración sen integrarse nela: o da muller que conta 1.001 historias deixando ó rei sempre en suspenso para evitar que a decapite. Esta antiquísima forma literaria do cosido de retallos, a cal sostemos que é a orixe da literatura, podémola ver ata no Lazarillo de Tormes ("O Lazariño galego: Óleme o gruño", Arqueotoponimia, 2025).

Entre outros, Lowell Edmunds xa amosara que a Odisea, amáis de estar composta (cosida) de motivos procedentes do conto popular tradicional (como a aventura do cíclope), tiña unha estrutura organizativa ou fío condutor baseada no conto tipo "The Homecoming Husband". No caso de Hesiodo o investigador repasou a técnica que este empregara na Teogonía, comparándoa coa de Homero: "o mito central na Teogonía ten unha filiación no folklore, aínda que a obra non teña unha estrutura organizativa baseada nun único conto popular [...]. O desenvolvemento do mito [do nacemento de Zeus] ten influenzas de varios motivos procedentes do conto popular: o pai que intenta eliminar os seus fillos para evitar o cumplimento dunha profecía que vaticinaba que un deles ía derrocalo, [...]; o home que é tragado por un monstruo e logo é rescatado do seu bandullo vivo e enteiro; o ogro que non pode ser vencido pola forza, senón por un truco" (Stealing Helen, 2020). 

Vemos, polo tanto, que era o que cosían os dous rapsodas, retallos do folklore. A afirmación de Hesiodo de que tanto el como Homero foron os primeiros que xuntaron pezas para crear algo novo só pode entenderse como un cosido de mitos e tradicións populares previas, non como se ven interpretando (xuntar frases e versos para crear un poema) sen se fixar na etimoloxía de rapsoda e no patchwork de retallos da tradición oral que conforman as obras destes autores. Tanto nos ten que a estrutura ou fío narrativo con que cosen sexa, á súa vez, un conto popular ("The Homecoming Husband") no caso de Homero e a Odisea, ou un fío narrativo provinte da imaxinación* do autor e da súa habilidade para enfiar os retallos, no caso da Teogonía de Hesiodo. A técnica é a mesma, coser pezas procedentes da oralidade dotándoas de coherencia interna na súa disposición ó longo do discurso: así naceu a literatura, feita das composición orais do pobo, o auténtico cantor (aedo / rapsoda).


_______________________________________________

* Convertinme en rapsoda sen sabelo cando cosín o conto de Xaniño Pelica de Ovella e o do O Rapaz e o Xigante, atribuíndo ámbolos dous ó mesmo protagonista e facendo un continuación do outro polo motivo da pelica de ovella que viste o rapaz nos dous contos. Este sería o sistema de Hesiodo, non o de Homero. Velaí unha epopeia galega.

sábado, 19 de abril de 2025

Mitos: de animais a deuses

No conto tipo "Na procura do lume", non indexado así no índice ATU (senón na categoría xeral dos contos marabillosos baixo a rúbrica "The Quest"), mais cunha relevancia e dispersión a nivel mundial que permite a comparación de varias realizacións, podemos atopar tres entidades ou seres no rol de posesores e doantes do lume. Aquí seguimos o método estrutural de análise do conto marabilloso deseñado polo folklorista ruso Vladimir Propp, e traballaremos sobre as entidades que poden aparecer exercendo o rol de doante.

1. Nos contos Gê (Brasil) sobre a orixe do lume, citados por Lévy-Strauss na súa obra Le Cru et le Cuit (1964), o posesor do lume é un animal, o xaguar, ou máis concretamente, a muller do xaguar. Entre os seus veciños os Ofaiés a posesora do lume é a nai do xaguar.

2. No conto irlandés que vimos de atopar na base de datos do folklore da Irlanda (School´s Collection - duchas.ie) e que titulamos provisionalmente "Na procura da semente do lume", o posesor do lume é unha vella que se presenta acompañada dun gato; habita nunha cabana (tig) no medio dun bosque no que se interna a nena como parte da súa aventura. O conto non leva título, e comeza "Bhí bean ann fadó agus bhí triúr inghean aici" ( = había unha vez unha muller que tiña tres fillas), foi relatado nos anos 30 do pasado século por Micheál Ó Séaghdha, de 66 anos de idade, residente en Cathair an Treantaigh (Kerry). É relevante o termo para se referir ó lume, síol na teine = semente do lume (brasa), pois o que se procuraba non era tanto a técnica de facelo como as brasas (semente). Incluso na Odisea atopamos referencias á procura do lume neste senso de ir por brasas, o que dá idea de que a técnica de facelo non estaba ó alcance de calquera ou era case que descoñecida (Odisea V, 488-490, versión rítmica de José Manuel Pabón):

como un hombre en remota heredad, sin vecinos en torno
escondiendo un tizón en los negros rescoldos, reserva
la simiente del fuego y excusa el pedirlo a otra parte

3. No mito de Prometeo (Grecia clásica) os posesores do lume, roubado polo titán Prometeo, son os deuses. As brasas son roubadas e transportadas conservándoas no interior dunha cana. Na interpretación tardía do mito por parte de Diodoro Sículo (século I a.C.) en realidade Prometeo non tería roubado o lume ós deuses senón que tería descuberto unha técnica de facelo.

Artiluxio no que o torpe do clan neanderthal transportaba as brasas, momentos antes de afundirse con elas nun pantano. Filme Na procura do lume (Jean-Jacques Annaud, 1981).

Normalmente nos estudos que se ocupan das relacións entre os contos marabillosos, a épica e os mitos indícase que os contos son versións máis recentes e desacralizadas dos mitos. Eliade asegura que nos contos produciuse un enmascaramento dos motivos e os personaxes dos mitos, que aparecen "degradados" nos contos: "se nos contos os deuses non interveñen xa cos seus nomes propios, os seus perfís distínguense aínda nas figuras dos protectores, os adversarios e os compañeiros do heroe; están disfrazados ou, se se prefire, "degradados", mais continúan cumprindo a súa función" (Mito y realidad: Apéndice I. Los mitos y los cuentos de hadas, 1962).

Na nosa opinión a devandita evolución do mito ó conto por degradación non é máis que unha posibilidade que, amais, contradin os datos do conto tipo "Na procura do lume" nas realizacións que vimos de expor sucintamente. Vladimir Propp notara que a personaxe da maga ou doante, que é a muller co gato que atopamos na versión irlandesa do conto, fora antes un animal: "a análise da maga como señora do reino do bosque e dos seus animais amosa que a súa apariencia animal constitúe a súa forma máis antiga". Citando a Sternberg, Propp indicara que a representación do culto ós animais mediante a figura antropomorfa do dono ou dona é un motivo secundario, derivado do culto primitivo ó animal (Las raíces históricas del cuento: III El bosque misterioso. La señora del bosque, 1946).

Non imos ter en conta o feito de que os mitos gregos parecen máis antigos; os mitos gregos só tiveron a oportunidade de seren recollidos por escrito moito antes que os nosos contos marabillosos ou os contos míticos dos nativos americanos, o que produce este efecto de disincronía. Así pois, nos dous primeiros casos cúmprese a hipótese de Propp e Sternberg da esenza animal da maga ou señora do bosque, que primeiro manifesta o seu carácter animal como un xaguar (contos Gê do Brasil), e logo aparece representada antropomorficamente como nai do animal ou dona do bosque, mais acompañada do mesmo animal que tiña sido, un felino probablemente atigrado (gato). É verosimil que o xaguar / gato estivese vencellado ó fogo pola cor laranxa e preta do seu pelaxe. Nesta liña evolutiva certa e comprobada, que vai do animal ó dono ou dona dos animais, e do conto mítico ou etiolóxico ó mito clásico, intúese xa ó final da mesma, na figura do dono ou dona dos animais, a do deus / deusa. Non é que os deuses aparezan "degradados" nos contos, senón que os animais dos contos, moito máis antigos, aparecen posteriormente "aumentados" como deuses nos mitos, transicionando na figura de dono / dona dos animais.

domingo, 6 de abril de 2025

O Lazariño galego: Óleme o gruño

Nun conto recollido por Lois Carré Alvarellos en Contos populares da Galiza (Porto, 1968) atopamos unha versión primitiva da primeira parte da novela picaresca La vida de Lazarillo de Tormes (anónimo - s. XVI), o que non resulta extraño, pois, como sintetizara María Rosa Lida de Malkiel, o tratado primeiro da novela, no que Lázaro ten como amo a un cego, é "reelaboración de un cuento al parecer preexistente [...]. En otros términos: para el Tratado I, el autor del Lazarillo tuvo presentes el vago tipo del mozo del ciego y algunos de sus lances tradicionales, todo lo cual reelaboró con gran libertad, acomodándolo a su propósito. El folklore, pues, puso en movimiento la invención del Lazarillo" ("Función del cuento popular en el Lazarillo de Tormes", 1962).

Seguramente irán aparecendo máis contos populares que amosen que a novela picaresca do Lazarillo construíuse na súa totalidade enfiando contas procedentes da literatura oral, método que xa utilizara Homero na Odisea cando deseñara o personaxe de Ulises e as súas aventuras a partires dos contos marabillosos da tradición oral (cfr. por exemplo "Viejas aventuras de Xaniño Pelica de Ovella", Arqueotoponimia 2018).

Miniatura ilustrando o roubo do viño a un cego cunha cánula, no manuscrito do século XIV das Decretales de Gregorio IX (British Library). Esta miniatura fora posta en conexión por Foulché-Delbosc co episodio en que Lázaro bebe o viño do cego, primeiro cunha palliña, e logo por un burato na xarra.

O conto "Óleme o gruño" ten a súa correspondencia no Lazarillo en dous episodios do Tratado I: Lázaro cómelle ó cego unha longaniza que estaba a fritirse nunha tixola, substituíndoa por un nabo, mais o infalible olfato do cego localiza a longaniza... no estómago do neno, e faino trousar. Como vinganza, Lázaro fai que o cego se empotre contra o piar dun soportal na praza do pobo dicíndolle que ten que saltar con forza para evitar unha regueirada na rúa; cando o cego queda esmagado contra o piar o neno, con retranca, dille: "¿Cómo, y olisteis la longaniza y no el poste?".

Óleme o gruño (porco)

Daquela inda a familia adoitaba dar casa cuberta pol-as noites, aos probes que ian petar á porta pol-a tarde, e un día, chegaron petando na porta  dun curral un ceguiño e mail-o rapáz que traguia de criado; a dona da casa levounos á cociña e insiñándollel-o pote díxolles:

- Eis, ahi tedel-o caldo, sacade unha cunca.

E foise o rapáz e viu que andaba no caldo un bon cacho de touciño e quixo sacalo na sua cunca, pro achegóuselle o demo do vello, porque o cego era vello, e dislle estricando o fuciño:

-"Uuuuiii!, óleme o gruño, trai pracó rapáz, e tirándolle a garfela da man achegouse ao pote e veña remexer, e mais remexer, até atinar có touciño que andaba en froto no caldo, bulrando ao criadiño que degoaba ao velo comer.

Ao outro día de mañan, sairon da casa, e o rapáz que non durmira de noite, escismando como se vingar, seguía caviloso sen reparar no camiño; e, chegaron a outra casa que tiña diante da porta da aira unha boa barra, e denantes de decil-o "Avo María Purísma", puxo o cego diante dun dos chantos da barra e dislle:

-"Siñor, brinque un pouquecho que hai un regato -e foise o cego, brincou, y-esnafrouse no chanto.

-E tu, condanido!" -berrou o vello sufúrio- que fixeste, fillo dun can?

-Eu, siñor, non fixen nada -dixo o neno-, e logo, é que vostede ole o gruño, pro non oleu o chanto?

(Santiago de Ribas Pequenas - Bóveda - Monforte - Lugo; Tarroeira - San Martiño de Tabeaio - Carral - A Cruña).

Versións irlandesas: Stories of Dull Jude, e Jimmy the Fool


En Johnstown Castle (Wexford) foi parar unha noite un cego, que quedou a durmir. Á hora da cea sentaron tódolos criados mailo cego, e Dull Jude (Jude o Bobo) colleu a carne do plato do cego, deixándolle só o repolo. "Quen acabou coa miña carne?", preguntou o cego, e Jude respostoulle que ninguén... mais o cego insistiu en que había carne no seu prato. Jude preguntoulle que como o sabía, e o cego díxolle que a ulira. Cando remataron de cear Jude acompañou ó cego fóra e levouno contra un muro. "Por que fixeches eso?", dixo o cego, e Jude respostou: Como é que non uliches o muro e si uliches a carne?" (School Collection - duchas.ie: Stories of Dull Jude, Mr. J. Morris, Drinagh - Wexford).

Unha historia moi semellante é a de "Jimmy the Fool" (Samuel Lover, Legends and Stories of Ireland, 1834), que presenta unha variante interesante ó final: cando teñen que atravesar un caudaloso arroio saltando polos pasos formados por grandes pedras chantadas no cauce (steeping-stones), o neno fai que o cego salte á auga. "Puideches ulir a carne, pero non puideches ulir a auga!".

sábado, 5 de abril de 2025

Septemsiderus en Fol de Veleno 12 (2025)


Ven de saír do prelo o último número da revista Fol de Veleno, anuario de antropoloxía e historia de Galicia editado pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), onde publicamos unha síntese dos traballos que fixeramos sobre a lenda medieval (s. X) de Septemsiderus (ou Setestrelo), o heroe fundador da Gallaecia, e que constitúe a máis antiga lenda fundacional do país, anterior incluso á que se contén no Lebor Gabála Érenn (s. XI).

O noso traballo conclúe, por non destripalo totalmente, con novedosas aportacións no eido da investigación das relacións entre literatura oral (contos marabillosos) e historia, entendida no senso primitivo como un mito cosmogónico ou fundacional. As devanditas conclusións teñen o seu complemento noutra investigación que publicáramos na revista electrónica SAGA. Revista dixital de investigación (nº4, 2022), da mesma Sociedade Antropolóxica Galega: "DINDSHENCHAS. Lendas etiolóxicas toponímicas ou A1617 (“Origin of Place Name”): Da etimoloxía toponímica á mitoloxía da paisaxe".