jueves, 14 de mayo de 2026

Bordei

Bordei aparece como topónimo na delimitación dos concellos da Rúa e Quiroga (IGN 1934) nomeando un grupo de seis modorras de terra  e pedras situadas en liña (Primeira Modorra de Bordei, Segunda Modorra de Bordei, etc.), todas elas de dimensións semellantes: duns 10 metros de diámetro ata 0,50 metros de altura e forma tronco-cónica, esboroadas na parte superior e cubertas de matorral. As modorras segundo a acta do IGN separaban os montes de pasto e urces propiedade do común dos veciños dos pobos de Cereixido (Quiroga), ó oeste das modorras, e Fontei (A Rúa), ó leste. Hoxe amósanse inventariadas no Visor PBA mais sen identificar polo nome que tiñan.

Un pouco máis ó noroeste o topónimo Bordei volta aparecer na cartografía como nome dunha depresión do terreo, Pozo de Bordei, xa no límite entre os concellos de Quiroga e Vilamartín de Valdeorras.

Do topónimo Bordei chama a atención en primeiro lugar a súa terminación en -ei, que non vemos posible explicar pola perda dun son intervocálico, como nos topónimos RecareiGondrei, Guimarei procedentes dos nomes propios en caso xenitivo Recaredi, Gonderedi e Vimaredi. Mais ben pensamos en que terá que estar relacionada coa terminación do próximo Fontei, estudado por Moralejo Lasso como un posible derivado do substantivo latino fons, fontis. Respecto desta proposta, podería pensarse en formacións analóxicas motivadas polo xenitivo latino dos nomes da quinta declinación, que teñen a desinencia -ei: dies, diei. O que tamén explicaría o desprazamento acentual: de fonte a Fontéi, e de borde a Bordéi.

Sobre a etimoloxía de Bordei xurden dúas ideas principais, que finalmente poderían ser unha soa: relación co termo pirenaico borda, "chozo, aprisco, cabana de pastor", ou co temo de orixe xermánica bord, "límite, borde, fronteira". Para Martín Sevilla o topónimo asturiano da braña de La Bordinga "sería un derivado de bord, voz presente en los dialectos del bajo alemán antiguo con diversos significados, entre ellos pendiente que sirve de límite" ("El topónimo asturiano La Bordinga: un límite de los suevos", RFA, 2011-12).

Na lingua romanesa existe tamén o substantivo bordei cun sentido semellante ó da borda pirenaica: "vivenda ou refuxio semisubterráneo construído con terra e vexetación"; sería un tipo de construción de orixe prehistórica que se mantivo en uso ata despois da II Guerra Mundial, cando certos grupos raciais e activistas políticos tiveron que buscar refuxio nelas ("Romanian bordei: pit-house", Georgeta Raţă, Ioan Petroman e Cornelia Petroman, 2014), o que lembra ós nosos maquis que se tiraron ó monte durante a Guerra Civil, buscando refuxio en chozos semellantes ós bordeis romaneses.

Bordei no Muzeul Satului de Bucarest.

Ó se situar estes refuxios de orixe prehistórica, cabanas, chozos, apriscos ou bordas / bordeis nas zonas de pastos dos montes comunais, que amais eran fronteiras territoriais (bordes, límites), parece semanticamente posible a deriva dunha a outra acepción, polo que o termo puido evoluír dende o significado de "fronteira" ó de "vivenda ou refuxio (situado na periferia territorial)". No caso dos topónimos Modorras de Bordei e Pozo de Bordei no límite entre Quiroga - A Rúa e Quiroga - Vilamartín de Valdeorras non ofrece moita dúbida o seu sentido primario de "límite territorial".

viernes, 1 de mayo de 2026

Os Valións / Valeóns

Botarémoste en falta, Fernando. Este vai por ti, mestre.


Os Valeóns ou Os Valións é o nome que recibe un castro da parroquia de Santa Sía de Roma (Zas). Parécenos que o topónimo podería ser un derivado do latín vallum, "terraplén, talude de terra que protexe unha fortificación", o que sería un termo especializado do ámbito militar, e no caso do castro de Santa Sía teríase aplicado ás enormes defensas do poboado da Idade do Ferro.

No boletín do Instituto de Estudos Bergantiñáns, Andando por Bergantiños nº 16 - parroquias de Couso, Ferreira e Seavia (2015), no que colaboraba o noso amigo Fernando Cabeza Quiles, finado nun triste accidente de bici hoxe mesmo, definíase valeón como talude ou pendente orográfica, polo que pensamos que a acepción de baleón que fornecera Constantino García no seu Glosario de voces galegas de hoxe (1985) como "alud de tierra" non é totalmente correcta (seguramente falla un t- inicial). Etimolóxicamente corresponde, polo tanto, a escrita do termo e topónimo con v- inicial.