sábado, 25 de julio de 2020

Man: "vaca estéril = muller estéril / macho / home"

Cando o ser humán comezou a conceptualizar o mundo mediante a linguaxe fíxoo, en grande medida, en termos gandeiros, desde un esquema mental de gandeiro, ou cecáis de considerarse gando el mesmo. A percepción das cores relevantes xurdiu da observación das cores das capas bovinas; os termos relativos ó clan e ós seus asentamentos recibiron os nomes dos currais do gando (Bruce Lincoln, "Indo-Iranian *gautra", The Journal of Indo-European Studies, 1975, V.3, nº 2, pg. 161-172); incluso a categorización da diferenza sexual do ser humán estableceuse a partir de termos tomados do eido gandeiro (Szemerényi en 1977 dixo que "the IE term for 'woman, wife', *gwen-, was to be analysed as *gw-en-, a derivative of *gwu-, 'cow'"); etc.

Pénsase que son meramente as diferenzas sexuais as que se reflicten na categoría gramatical do xénero. Nos estudos gramaticais románicos deféndese ademáis a existencia dun xénero / sexo marcado, que ven sendo o xénero / sexo feminino; segundo os lingüistas dito xénero non pode usarse para nomear o conxunto dos dous, por ter cualidades específicas que o impiden. Dito así, queda no ar precisar cales son esas cualidades, do contrario poderíamos pensar que se debe únicamente ó capricho de que os homes non queren ser chamados cos mesmos termos que designan ás mulleres. 

Que ten que ver a maniña, "vaca estéril", do galego-portugués e doutras linguas peninsulares co man, "home"xermánico? Marcos-Marín intenta unha aproximación no seu traballo "Etymology and Semantics: apropos Spanish mañerio, mañeria" (Historical Semantics - Historical Word-Formation, ed. Jacek Fisiak, 1985) sen ter en conta a premisa que deixamos anotada ó principio, que a conceptualización do mundo pola linguaxe foi feita por gandeiros, e desde esquemas mentais e culturais propios das sociedades prehistóricas de cazadores-pastores. Szemerényi xa o dixo da vaca-femia-muller, e nós agora diremos da vaca estéril-macho-home.

Nesta cadea de deriva semántica vaca estéril-muller estéril-macho-home vese que efectivamente non se trata dunha distinción sexual ou xenital, ou non só sexual-xenital, xa que a categoría manna é un conxunto que engloba tanto machos como femias. Trátase só de que para ser unha manna o distintivo é non ter fillos, non parir. Evidentemente ningún macho ten crías, para telas é preciso ser femia, aínda que non todas as femias as teñen, e non as teñen todo o tempo: cando dan de mamar non as teñen, non están preñadas, nin cando chegan á menopausia ou aínda non acadaron a pubertade. Así pois, a categorización manna (o conxunto do sexo masculino e varios subconxuntos do feminino) é máis ampla ca oposta da vaca bellada ou preñada, moito máis restrinxida (limítase a un subconxunto dentro do sexo feminino, a femia fecunda).


Así as cousas, non é correto falar desde un punto de vista diacrónico da neutralización da categoría gramatical do xénero (sexo) nas linguas do noso ámbito mediante o uso do masculino xenérico, que se define entón como un archimorfema capaz de englobar os dous significados gramaticais de masculino e femenino expresando un concepto novo, neutral para o sexo. Non o é porque resulta evidente que o xénero masculino conserva esa capacidade de  expresar indeterminación para o sexo ó proceder dunha categorización anterior, prehistórica, na que o feito de ser macho ou femia era irrelevante, pois só se precisaba separar ós seres que non parían (mannamanada) dos que sí o facían. Esta categoría baseada na capacidade de xestación e parto antecede a distinción sexual, aínda que despois esta última acabe solapándose con ela.


Curros de As Bestas e do Paridoiro (Labrada - Abadín), que reflicten a categorización gandeira baseada na diferencia xestante / non xestante da que estamos a falar.


O Vaqueiro, Maniños - Fene. Curro do Vaqueiro, separado dos terreos adicados ó resto da manna > Maniños. (C) Dolores González de la Peña, 2019.

No hay comentarios:

Publicar un comentario