Viñamos onte o meu bó amigo Pancho Gallego e máis eu de comprobar in situ a articulación da paisaxe cultural prehistórica arredor dos vellos camiños da groma do Hospital de Bruma (os castros de As Travesas, Alcaiana e Vizoño (Castro Maior), e mailo campo de mámoas do Abelar), coma sempre falando dunha mestura de temas arqueolóxicos e toponímicos mentres Pancho conducía a súa furgo: que se o impresionante control territorial desde o Castro Maior, que se o último que dixen no blog sobre Sanghengho, etc. E nestas que saiu o topónimo Porto do Son.
-De onde virá o topónimo?
-Pois... -dixen eu-, así de entrada descarto que sexa un deses nomes de posuidores ós que se recorre ás veces cando non se sabe cal é o étimo (de Ausoni, ou cousa semellante). Non sei, ó mellor algo que teña que ver coas dotes...
-Doazón! -dixo Pancho. E aí sentinme morrer, por non térseme ocurrido a min antes.
-Nin Navaza o faría mellor! -resposteille con ton reverente.
Aínda que Cabeza Quiles é partidario de vincular o nome de lugar cos sons naturais procedentes da furna de Fonforrón, "que debe o seu nome onomatopeico ao ruído que fai o mar ao meterse no seu interior", nós pensamos, con Pancho, que o étimo donationem é moito máis adecuado. É un termo moi presente nos documentos medievais para explicar como é que se chegou a posuir un predio, xunto con outros do mesmo campo, como pode ser comparata (mercada). Do(n)atione > Doazón > Doozón > Dozón / Dosón (con seseo) > do Son (por falso corte). A harmonización vogálica é idéntica ca que sufre monaco > moago > moogo > mogo, "monxe".
Porto do Son grafado como Doçon, nun mapa do Reino de Galicia do século XVII. Dato e imaxe facilitados por Pancho Gallego.
Poderiamos considerar variante o topónimo Donsión*, con desprazamento da nasalización e seseo apical que desenvolve a epéntese do i. Nembargantes, o caso de Dozón da comarca de Deza non tería esta etimoloxía, ó documentarse como "monte de Deçon" no século VI; sendo un derivado do mesmo topónimo Deza, de orixe hidronímica.
* Dentro da liña dos posuidores e seguindo a P. Martínez Lema, "o nome deste barral da freguesía de Santa María de Saavedra non se rexistra nos
textos medievais, mais debe ter sen dúbida a mesma orixe que o seu homónimo do
concello de Lalín: un sintagma (UILLA) DE DOMINU SILONE en que se recoñece o acusativo do antropónimo SILO" ("Nomes de posesor na toponimia do concello de Begonte (Lugo)", Revista Galega de Filoloxía, 2007, 8).
Este comentario xa o fixen nalgures hai dez anos polo menos. Pero repítome e apunto outras posibilidades:
ResponderEliminar- En portugués e brasileiro a doca é o peirao, molle ou, en xeral, porto. En inglés, dock.
- Ozón, parroquia de Muxía, así que podería ter relación con Porto d'Ozón.
Gústame o de doca / dock. Grazas!
ResponderEliminarNo Alentejo costeiro portugués hay un "Portu Sines"....o mismiño, e alí unha statio nos momentos romans. [Portu Sines ... Porto Son ... Porto Sin]
ResponderEliminar"Sinus".