domingo, 23 de agosto de 2020

Arcallas - Socastro (Cerdido): un derivado de arca

Ó profesor Porto Dapena

Arcallas no Castro de Socastro, Cerdido. (C) Visor PBA da Xunta de Galicia.

Lembramos a explicación que don Federico Maciñeira ofrecía sobre o nome alcayás na súa obra Bares. Puerto hispánico de la primitiva navegación occidental, 1947, px. 114: "en el resto de la tierra ortegalesa, tan rica en túmulos, conóceselas [ás mámoas] por medoñas [...] y por alcayás (¿árabe?) hacia Cedeira", e engadía nunha nota que "denominan alcayás no sólo a algunos túmulos, sino también a las trincheras y terraplenes de los castros. Caso que en Galicia sólo ocurre, que sepa, en este ángulo peninsular". No BRAG nº 266 (1942) tambén sinalaba esta particularidade léxica: "por la parte de Cedeira correspondiente al grupo sepulcral de la Capelada, les suelen llamar alcayás dos mouros, de la misma manera que a los fosos y parapetos de los castros".

O feito de atopar no Castro de Socastro en Cerdido o microtopónimo Arcallas como nome da parcela 176, ou cecais Arcallás (non confiamos totalmente na pericia dos técnicos catastrais á hora de reflictir os nosos topónimos), lévanos a considerar a etimoloxía do enigmático item, xa tratado polo profesor Porto Dapena na súa obra sobre a toponimia de Cedeira (sub Alcaiás), desde outra perspectiva.

Evidentemente agora vencellarémolo a arca, na acepción de "celeiro, contedor, depósito"; non só de gran, como se verá. Para elo temos que supoñer que se operou unha sustitución de líquidas desde a forma Arcallas (Cerdido) ás formas como Alcaiás (Cedeira).

E que teñen que ver as mámoas e os castros cos celeiros ou arcas? É sabido que arca foi o nome común que designaba os dólmenes en Galicia, mais non os castros. A resposta atopámola no estudo de J.R. Fernández González, Etnografía del Valle de Ancares. Estudio lingüístico según el método "Palabras y Cosas" (Verba, Anejo 10, 1978). Respecto á casa ancaresa dunha soa pranta, derivada da casa castrexa con teito de palla (px. 55), di que as habitacións de inferior cualidade denominábanse cileiros: "hoy ya no se usan como dormitorios o habitaciones, sino que son especie de despensas lo que así se designa. Sin embargo, al preguntarles por tales 'cileiros', acaban confesando los ancareses, después de un no oculto rubor y ciertas sonrisas maliciosas, que eran el único tipo de dormitorio que antes tuvieron y que, como los 'cetseros' de Aller, servían de habitación comunal, donde dormía toda la familia en cama redonda y no muy lejos de los animales" (px. 59).

Ou sexa, o termo celeiro ou arca designaba antigamente primeiro un dormitorio, un lugar protexido onde durmían as persoas, o gran, onde se resgardaban os seres e enseres máis valiosos cando non se usaban, á espera de ser requeridos. A base latina cella > cela / celda, ten este mesmo sentido na vida monástica (é ademáis o sancta sanctorum dos templos). Comprobar que o mesmo nome de arcas / arcallas  se aplicou indistintamente os castros e os túmulos podería xustificarse polo senso de dormitorio (de vivos e mortos) que albiscamos no termo arca a partir do seu sinónimo celeiro, cuxo significado orixinal de dormitorio comunal conservouse nos Ancares leoneses ata os anos setenta.

Segundo Caro Baroja ("Granaria sublimiaHorreum pensile", en Homenaje a don José Esteban Uranga, Pamplona, 1971, pxs. 367-382), a forma dos diferentes hórreos está directamente ligada ou influída polo estilo construtivo arquitectónico das vivendas dunha determinada rexión e época. Así, o monumento de Iracheta do que trata o seu artigo é un hórreo románico; a forma do hórreo "se adapta a estilos de construcción distintos en el tiempo y en el espacio. La conexión de los graneros de ciertas zonas nórdicas con las casas de aquellas zonas era ya ilustrativa en principio" .

Nós vemos a mesma conexión entre as mámoas neolíticas e os castros da Idade do Ferro, non só na denominación común de arcas / arcallas que levan na zona das Montañas Setentrionais, senon tambén na técnica construtiva tumular, o que podería inducir a retrotraer a fundación dos primeiros protocastros ó Neolítico. Sería destes modelos tumulares dos protocastros de onde as mámoas tomarían a súa apariencia formal, dos asentamentos da súa época. Se é que non foi ó revés...

As estelas oikomorfas burgalesas e o contexto funerario-deposicional dos horrea


O pequeno hórreo de Gomara (Soria) dibuxado por Caro Baroja lembra ás denominadas estelas oikomorfas (en forma de casiña con tellado a dúas augas) de La Bureba (Burgos); as estelas funerarias burgalesas caracterizánse pola mesma decoración a base de hexapétalas e radiais que aínda levan... os hórreos asturianos!

Estela oikomorfa de Poza de la Sal. (C) Hispania Epigraphica.

Na base de datos de Hispania Epigraphica o que para nós é claramente o conxunto de tornarratos e columnas (pegollos) que soportan un hórreo elevado son definidos como "la puerta [está] flanqueada por dos pilastras que sostienen un arquitrabe" (Cristina Fernández Cano, ficha 31412).

Ademáis dos enterramentos en silos de cereais (onde por certo nunca se atopan cereais) propios do Neolítico atlántico, noutras culturas máis remotas existen reproducións funerarias de graneiros ou silos nas tumbas cecais porque "os graneiros eran considerados símbolos da fortaleza, durabilidade e seguridade neste mundo, e os seus modelos funerarios cumprían a mesma función no Alén" (Age of Empires. Art of the Qin and Han Dynasties, Zhixin Jason Sun, ‎I-tien Hsing, e ‎Cary Y. Liu - 2017, px. 35).


Urna funeraria votiva en forma de cabazo procedente dunha tumba Qin do século VIII antes de Cristo.
(C) op. cit. Zhixin Jason Sun et al., px. 36.

Segundo Timothy Insoll, o vínculo simbólico entre os enterramentos da África subsahariana e os hórreos ou graneiros pode encaixar na explicación que propuxo David do uso dos contedores de gran como sepultura. Podería suxerirse que os ancestros xerminan como o gran, ou xéstanse na terra? pregúntase o autor nun ton bastante frazeriano ("Constructing Ancestors in Sub-saharan Africa", en Death Rituals and Social Order in the Ancient World, Collin Renfrew, Boyd e Morley, eds, 2017). Na miña opinión a práctica universal do antigo uso funerario de hórreos e graneiros viría dada únicamente polo feito da mellor conservación dos corpos dos ancestros, máis ou menos como se foran mazarocas ou chourizos ben afumados e curados; e dende logo porque era o lugar onde se gardaban / conservaban as pertenzas máis valiosas.


Urna funeraria da Pomerania, en forma de hórreo sobre pegollos, Idade do Bronce.
(C) Espigueiros portugueses. Sistemas primitivos de almazenamento e secagem de produtos agrícolas, Jorge Dias, ‎Ernesto Veiga de Oliveira, ‎Fernando Galhano, 2020, px. 334.

Os autores, Jorge Dias et al., basean a súa hipótese da orixe do hórreo galego-portugués, ou do noroeste da Península, nesta urna da Pomerania, patria dos suevos que colonizaron Gallaecia 2.000 anos despois. Máis sobre a función funeraria do hórreo non se manifestan. As estelas oikomorfas de La Bureba, de cronoloxía romana e tradición indíxena, unha vez probado que son urnas funerarias en forma de hórreo, testemuñan o costume  de gardar as cinzas / restos dos defuntos en graneiros moito antes da chegada dos suevos á Península.

Un outro modeliño de hórreo votivo funerario sobre pegollos ou pés en forma de osos pertencente á dinastía Han (séculos I-III), e moitísimo máis parecido ós galegos, pódese ver no libro de Zhixin Jason Sun et al., px. 37.

"Non sabemos de ningún caso en que o hórreo [dos Ancares] fixese de vivenda, o que si foi práctica común ata mediados do século pasado, que neles botasen varios días (catro ou cinco) os defuntos da casa antes de ser enterrados, cun podón de mango curto sobre o peito, para evita-la descomposición, segundo contan as persoas maiores. Non están claras as causas de tal costume" (Clodio González Pérez, "O hórreo: unha construcción común a Asturias, León e Galicia", en Actas do Simposio Lindeiros da Galeguidade I, 1990, px. 21).

E para rematar, por se quedaban dudas de qué se pode gardar aínda nos hórreos asturianos: "hay constancia de que suelen tener usos muy diversos, llegando a albergar hasta las cenizas de los familiares fallecidos" (V. M. Suárez, "Amigos de los Hórreos defiende que tengan un uso turístico", El Comercio, 30/9/2018). Que non queredes gastar no cinceiro municipal? depositade as cinzas dos vosos devanceiros como os celtas, no hórreo.

Soamente apuntar dúas notas:

  • Seguramente o deseño do templo grego arcaico de madeira, e as súas evolucións, provén dos antigos horrea prehistóricos (cellas = despensas e tumbas). Non hai máis que ver a forma da urna-hórreo de Poza de la Sal, cos pegollos que suxeitan o que parece un frontón dun templo clásico e ven sendo en realidade o esqueuomorfo dun hórreo. Así, os templos gregos son estilizacións de hórreos, hórreos de mentira ós que non se pode subir nin entrar. Os paneis dos nosos horrea convértense nas metopas decoradas dos templos; os pegollos, nos fustes das columnas; os tornarratos, nos capiteis dos distintos órdenes; o propio hórreo, no frontón do templo; etc.
"La Cilla" (Talavera la Vieja, Cáceres). Parece que imos comprendendo o feito de que un templo romano fora antes un graneiro ou celeiro. E non se trata dunha reutilización dun templo como celeiro, xa se ve nos pés.
(C) Dolores González de la Peña, 2007. 
  • A proposta de Caro Baroja de relacionar a forma dos hórreos coa forma das vivendas dunha mesma época ten que reformularse para ter en conta que a arquitectura do hórreo é conservadora. Probablemente os hórreos reflicten modelos de vivendas de épocas moito máis recuadas. Así os hórreos con teito de palla que aínda existen (cabaceiros) lembran vivendas que xa non se constrúen, como as pallozas.

A orixe dos hórreos: consultando a Bouhier


E que di o noso xeógrafo francés favorito disto? Algo tería que dicir, entre as casi 1.400 páxinas da súa tese de doutoramento. Pois di, e moito; aínda que a súa hipótese non acadou a relevancia da orixe palafítica da hipótese de Frankowski. Non a dou atopada nas recensións que expoñen as diversas propostas que se fixeron ata a data, cecais porque non é doado animarse á lectura destes interesantísimos tochos. Di que "a distribución dos hórreos cálcase extrañamente sobre a dos megálitos". Eu non o dubido, xa que uns e outros, como acabamos de ver, tiñan a mesma función de despensa / tumba, e uns e outros chamáronse, indistintamente, arcas en Galicia.

Engade: "a tulla sobre piares é un dos elementos dunha herdanza moi vella á vez etnográfica e agraria, anterior á fase castrexa e que se remonta verosimilmente á Idade do Bronce, se non ó Neolítico" (px. 1196 da tradución de Benxamín Casal). A correlación dólmenes-hórreos é significativa e relevante porque, segundo o autor, o Extremo Sueste galego, feblemente castrizado, e que permaneceu alleo ó fenómeno do megalitismo, descoñece os hórreos; e sen embargo, o sector das Montañas Setentrionais, tamén de feble castrización, máis profundamente megalitizado, é unha zona riquísima en hórreos.

Bouhier expón, certo, unha afinidade construtiva, arquitectónica, entre os megálitos e os hórreos sobre piares; eu vou máis aló, e suxiro tambén unha afinidade funcional tras o repaso transcultural ó tema dos graneiros como depósitos funerarios na antigüidade, con vestixios desta tradición no occidente da Península. Sería por este motivo que Jovellanos no seu primeiro testamento deixou por escrito a súa vontade de ser enterrado nun hórreo? É por elo que a primeira igrexa (templo) onde oficiou San Patricio foi un hórreo ("Horreum Patricii")?

Hórreo fronte ó dolmen da Casa das Mouras en Gándara (Baíñas - Vimianzo).
(C) Dolores González de la Peña, 2017.

Bibliografía


Pode consultarse o punto 3.3 da tese de doutoramento de Eloy Algorri García sobre o hórreo cántabro. O epígrafe leva o título "Depósito sepulcral o sagrado" (pxs. 50-53).

Del extraio as seguintes observacións:

1) Luis Moya en 1962 establecera xa un paralelismo formal (non funcional) entre os hórreos galegos a dúas augas e as tumbas licias, ou as urnas cinerarias etruscas, e aínda coa arquitectura clásica (grega). Por exemplo, ten proposto a identidade entre as columnas dóricas e a solución do hórreo elevado mediante pegollos e tornarratos. "Hórreos y paneras [pueden ser] una consecuencia directa de la construcción en madera de los tiempos clásicos" ("La arquitectura de la lluvia", Revista Arquitectura, nº 46, 1962, pxs. 23-38).

2) Rudofsky fala tambén de parecidos formais entre os hórreos e os edificios eclesiásticos, ou algúns monumentos funerarios romanos: "con o sin cruz, son una imagen ampliada de sarcófagos elevados sobre columnas". Mesmamente atopa que o feito de enterrar ós mortos en urnas funerarias en forma de hórreos ven de tempos remotos: "en el norte de Europa se han desenterrado urnas funerarias en forma de graneros, con su techo a dos aguas, sus columnas y hasta la defensa contra las ratas" (Constructores prodigiosos. Apuntes sobre una historia natural de la arquitectura, 2007). Pola cita, semella que o autor non vai máis aló das semellanzas formais, ou, cando menos, non profundiza nos motivos.

3) O que avanza moitísimo na comprensión da idéntica funcionalidade do hórreo como graneiro e urna funeraria é Antonio Armesto Aira, que cito prolixamente porque merece deterse na súa exposición, de corte místico: "la utilidad de los graneros es literamente trascendental, pues al presevar los víveres prolongan la vida en el tiempo, conjurando su condición contingente. Por eso la analogía con la tumba, aunque admirable, no debería sorprendernos. La tumba sirve para prolongar la vida en el tiempo, más allá de la muerte, en la memoria. De esta coincidencia en su utilidad, de ese êthos común, proviene el carácter genuinamente monumental del hórreo. En este sentido, la tumba imita al granero, y no al revés. La tumba es el silo, la despensa donde se guarda la memoria de la estirpe" ("Los hórreos de la Península Ibérica. Breve ensayo sobre el ethymon de lo monumental", proyectocuatro.files.wordpress.com, 2012).




Arca, hórreo ou sepulcro do Conde Santo (Vilanova de Lourenzá).
(C) Dolores González de la Peña, 2019.

O sepulcro de Lourenzá ten forma de hórreo arcaico: o teito a catro augas, coa tella de lousa dos hórreos galaicos lucenses disposta como escama de peixe; nos laterais, o que poderían ser tiras de madeira, varas vexetais ou doelas, amósanse dobradas como cinguidas no medio pola faixa; nos frontais, os penais son dúas columniñas. Así mesmo, a arca exhíbese como un hórreo, sobre uns pés ou pegollos de factura máis recente, aínda que probablemente seguindo unha tradición previa. A parte inferior do sepulcro ten un pequeno burato de ventilación, como os hórreos máis arcaicos do noroeste peninsular (témolo fotografiado noutra entrada do blog). Nin que dicir ten que a decoración apotropaica de hexapétalas que luce no teito e nos frontais é a mesma que se conserva nos antigos hórreos asturianos e segue a repetirse aínda hoxe.

Unha arca marmórica, un hórreo de mármore que tambén chegou navegando como o de Santiago, según a tradición conservada na vila de Lourenzá.

Así mesmo, tambén no recente estudo El lenguaje clásico del hórreo asturiano. Serie tipológica y quintana (Pedrayes, Paredes y Barro, 2020) poden consultarse diversos isomorfismos arquitectónicos dos hórreos cos templos clásicos, así como ler unha caracterización da quintana habitacional astur a partir da presenza do hórreo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario