domingo, 22 de noviembre de 2020

A fada da fonte da Selva Negra (Santiago de Compostela)

Atopamos e recuperamos un conto olvidado que explica o misterio que arrodea a fonte do parque da Selva Negra de Santiago. De paso tambén descubrimos o posible nome da fonte.

O conto podería titularse de moitas formas: A encantada da Fonte Formiga, A tendiña da moura da Selva Negra, etc. pois nel aparecen xuntos varios dos motivos que se desenvolven no folklore das mouras, e ata do Ciprianillo. O máis salientable, na miña opinión, é o da fada encantada no cano dunha fonte, xa coñecido dende polo menos o século XIII na alusión no Poema do Cid a Elpha, encantada nos caños dunha fonte; todos eles entroncan có folklore eslavo das rusalski e o grego das nereidas.

A miña transcrición non é perfecta pois o conto, de finais do século XIX, ven nun dos manuscritos de don Antonio de la Iglesia (Folk-Lore gallego : os aparecidos - Biblioteca Galiciana), e o autor tiña o costume de facer abondosas anotacións marxinais, interlineais, rectificacións... Aínda así, penso que o resultado é bastante respetuoso có orixinal.

Fonte Formiga no parque da Selva Negra (Santiago de Compostela).
(C) Compostela24horas.com

A encantada da fonte Formiga - Selva Negra

Antonio de la Iglesia

No monte Pedroso, arriba do Xesto, Selva Negra ou Carme do Monte, hai unha fonte encantada que lle chaman a Fonte Formiga. Alí apareceulle moitas veces ós meus pegureiros unha madama formosísema sentada na campiña [?] do manantial cunha tenda de arrastro ante sí, de relumeantes e bonitas cousas: tixeiras, canivetes, navalliñas, alfergas, agullas, agulleiros, cañoteiros [nunha marxe: brazaletes, arracadas, pendentes, sortellas, botonaduras...]; todo de prata, ouro, marfil e diamantes, enriba duns grans tapices de ouro e sedas brocados de brilantes e de pelras de enfinito valore.

A tendeira formosísema perguntou millóns de veces ós meniños que era o que máis lles gustaba daquela tenda, para regalárllelo. Todos  [...] arregalaban ben os ollos para escoller, e todos salían [?] coa pata de galo decindo, verbi gratia:

-¡A min as tixeiras!

-¡Pois que che quiten os ollos con elas!

E enseguida desaparecía a tenda e maila tendeira como se fora un relámpago.

Os bobalicóns non coñecían que sendo a tendeira máis garrida e preciosa que todo aquel riquísimo telderete, á tendeira debían invocar, e non a ningún dos chismes, por bonitos e caros que fosen os que na tenda tiña apresentados.

Se escollesen a tendeira, quedábana desencantada a aquela dama formosísema, con todas as riquezas que posuía, que eran moitas máis que as presentadas, facendo a esta dichosa, e a un home poderoso e feliz, pois que todo aquel aparauto era solo unha mostra dos tesouros encantados que a fonte Formiga enzarraba, propiedade da formosísema dama, que non era outra que unha das boas fadas de Galicia que no encanto da fonte se aprisionaba.

[...] nas inmediacións desta fonte, un colosal e resprandecente carneiro de ouro macizo.

¡Dios te críe para ás boas fadas!

No hay comentarios:

Publicar un comentario