viernes, 18 de diciembre de 2020

Nabia Albione (San Cibrao de Las)


Recomendo a recente conferencia do profesor Abascal sobre as "Prácticas Epigráficas Urbanas y Extraurbanas en el Conventus Lucensis (Hispania Citerior)", dentro das XX Xornadas Mindonienses de Arqueoloxía. Trátase dun moi bo resumo cunha gran calidade gráfica na reprodución fotográfica; tanta, que no chamado cipo de NABIA (San Cibrao de Las), que vimos este ano en Santiago na exposición comisariada por Manuel Gago Galicia, un relato no mundo, lese perfectamente a cara que na expo quedaba moi mal iluminada. Sospeitamos que a leitura ABIONE será, mellor, ALBIONE, o nome completo da deusa río que, segundo Plinio, separaba o Conventus Lucensis dos Astures: "et deinde Conventus Lucensis a flumine Navia Albione".

Desta forma, na primeira palabra teríanse escrito dúas letras no B (BI), estando representado o I no trazo vertical do B, que sobresae un pouquiño por enriba, e na segunda palabra, tres letras no B (LBI), quedando o trazo do L solapado con parte da contorna do B (feito bastante extraordinario na epigrafía).

O que xa non sei é que facía o cipo do limes do conventus nunha zona tan afastada do río Navia. Espolio ou cipo votivo do fin das guerras cántabras?

Ós que cheguedes ás preguntas do final da conferencia: non quededes pasmados có asunto do óso escrito có signario ibérico do "Bancal da Coruña". Esa peza non foi atopada na Coruña, senón no Bancal de la Corona (Mas D'Is, Penàguila - Alicante), e probablemente, aínda por enriba, sexa falsa, xa que na excavación dos silos do Calcolítico do Bancal introduxéronse abundantes pezas que veñen considerándose falsificacións (I. Ballester Tormo, La labor del Servicio de Investigación Prehistórica y su Museo en los años 1940 a 1948, Diputación Provincial de Valencia, 1949, px. 115 e ss.).

A peza do Bancal de la Corona (Alicante), falsa ou non, foi obxecto dunha deturpación máis, xa que foi presentada por un atlantólogo esotérico, de cuxo nome non quero lembrarme, como se se tivese atopado na Coruña, citando referencia bibliográfica tambén apócrifa: a obra do pobre Michel Bouvier, L'art de l'ecriture, que non é outra cousa que un catálogo de 40 páxinas dun libreiro (Librairie Michel Bouvier - París), non unha obra adicada ó estudo da historia da escritura, como pode ser a de Haarman, Historia Universal de la Escritura, de máis de 600 páxinas. Como remate desta patraña, o óso coa referencia ó atlantólogo e ó santiño de Bouvier, que esperemos que non se teña enterado de nada, aparecen na Schøyen Collection, o que non deixa en bo lugar á devandita collection, precisamente. E xa basta de perder o tempo explicando isto, que preguiza!

Disfrutade da conferencia de Abascal e mellor olvidade o óso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario