jueves, 24 de diciembre de 2020

O Tizón de Nadal

Que é o que realmente celebramos nestas datas? O culto romano ó Sol Invictus? O nacemento dun neno xestado por unha virxe, que non coñeceu varón? Penso que o motivo da virxe e o neno é unha alegoría da creación do mundo / universo, a súa encarnación, facerse real a través dunha singularidade cósmica (a virxe) que hoxe os científicos chaman, por exemplo, Big Bang. A creación a partires da Nada, que é miragrosa no estado actual dos nosos coñecementos, aínda que pretendamos explicala con fórmulas matemáticas. De feito, o pai da teoría aparentemente científica do Big Bang foi, faltaba máis, un físico sacerdote, o francés George Lemaître. Bibliografía complementaria: "Cristo y el Cosmos. La relación entre Cristo y la creación en la teología de Karl Rahner", Ana Isabel González Díez, 2015.

Feliz Big Bang!


De Aetatibus Mundi Imagines, de Francisco de Holanda. Foto tirada na expo Galicia, un relato no mundo, Santiago de Compostela, 2020.

Logo desta profunda reflexión cósmica, podemos ir pensando en preparar os ingredentes para a tortiña irlandesa dos 12 xuncos, que se elabora na Twelfth Night (Véspera de Reis), e constitúe unha variante moito máis complexa do noso Tizón do Nadal. Vaivos a receita orixinal: bosta de vaca amasada en forma de torta ou cake, mesturada a masa con cinzas; as candeas sonche 12 xuncos recollidos dúas semanas antes (máis ou menos o día de Nadal), ós que se lles quita a pel e se poñen a secar, logo pásanse por graxa para que prenda ben o lume neles. A Véspera de Reis préndense as candeas chantadas na torta, dispostas en círculo ou en forma de cruz, e cando sumiron, a torta coas cinzas gárdase tras unha trabe ou na lareira coma unha bola (1), para traer boa sorte todo o ano, ou ben, fréganse os marcos das portas e fiestras con ela, para afunguentar os espíritus e que as colleitas e o gando estean protexidos. Por suposto non se consume, aínda que hai supersticións populares nas que unha pequenísima cantidade dela forma parte de remedios caseiros para curar as queimaduras (2) ou outros males. A torta así feita presentábase sobre unha táboa, que se gardaba para o ano seguinte (3). As candeas podían nomearse cos nomes dos membros da familia, ou dos doce apóstolos.


Tortiña de bosta de vaca e 12 candeas de xuncos para a Véspera de Reis.
(C) Base da datos do Folklore de Irlanda, duchas.ie: Rush Candles for Twelfth Night, Thomas Brennan (Galway, idade: 91 anos).

Aínda que a bosta despiste bastante, o costume, a pouco que se indague nel, ven sendo o mesmo que o do noso Tizón de Nadal: o emprego da bosta como combustible e as cualidades fertilizantes e máxico- profilácticas que se lle atribúen, son correntes entre os pobos gandeiros indoeuropeos e parece que están na base destas tradicións. Que aquí ou alá se fixera de forma distinta non impide ver as semellanzas do ritualpois segundo Frazer "en Alemaña central, Albania e outras rexións a borralla do Tizón de Nadal era esparexida polos campos durante as doce noites que van desde Nadal ata a festa de Epifanía" (apud Cabada Castro: "Da anterga sacralización do lume ó actual ritual da queimada", Grial, 1996), no mesmo momento e có mesmo obxectivo que o rito da tortiña de bosta. Agora xa sabemos por que o Tió catalán caga: Caga Tió, ametlles i torró!

(1) "When the candle die down the ashes are gathered and put in the chimney along with the cake in the chimney. It is said that will preserve the house from all dangers during the year" (Mr. Owen Coughlan, Offaly).

(2) "This mixture boiled in new milk is a great cure if spread on a burn" (Mrs. L. English, Roscommon).

(3) "They used to leave up the board until the next year" (Mrs. Moran, Galway).

No hay comentarios:

Publicar un comentario