Do latín stratum, participio do verbo sternere, "extender no chan", xurden os sentidos de "estrado, leito" e "estrato xeológico ou arqueolóxico, bancal de terra sobreposto ó chan".
No galego o participio parece que se especializou exclusivamente como modificador do sustantivo latino viam (viam stratam = camiño empedrado, pavimentado, lixeiramente elevado), de onde tería xurdido o topónimo A Estrada, como explica Cabeza Quiles na súa obra Toponimia da Estrada (RAG, 2018). Unha revisión das ocurrencias do termo strata na documentación antiga de Galicia non autoriza a supoñer un uso distinto fóra do ámbito viario. Todos son deste tipo e non deixan marxe a outras interpretacións: "inde per ipso Arroio Froilani cum suo Uillare integro usque in Strata Publica que proueitur ad Portum Palumbarii" (Lugo, ano 841).
Na toponimia goidélica da Irlanda o étimo que propoñemos, stratum, podería ter sido a orixe do nome patrimonial có que se nomean os ring forts de terra da illa, ráth, de etimoloxía moi controvertida. A nosa explicación fornece unha motivación semántica do uso de stratum para denominar os ring forts a partires do seu sistema de construción por acumulación de capas de terra ou estrados (aterrazamentos e bancais en aneis), como a gran maioría dos castros galegos.
O noso soporte argumental atopámolo no feito de que o sustantivo ráth tambén ten o mesmo significado que sráth (< latín stratum = layer = depósito de terra, estrato). Acepción que, segundo o noso parecer, só pode explicarse partindo do préstamo latino stratum, o que tería experimentado aspiración do s- inicial trala caída do -t-, en contextos nos que a fonética sintáctica favoreceu o rotacismo: stratum > sráth > (h)ráth.
A mesma evolución tiveron os resultados sràid (street) / rathad (path, road), que a partires do latín strata no sentido viario, deron formas con e sen s- inicial (Gaelic - English Dictionary, Colin B.D. Mark).
Todo elo supón un importante punto de partida para defender a identidade entre os recintos habitacionais do Ferro galaicos (castros de terraplén) e os seus herdeiros, os ráthanna gaélicos, aínda que estes últimos foran lugar de asentamento ata ben entrada a Idade Moderna. Se ráth implica unha técnica construtiva por acumulación de terra en bancais, dende logo que se comprende a tese de Fitzpatrick, que sostén que a utilización do nome xenérico ring forts para todos os recintos habitacionais da Irlanda medieval implica unha única categorización indiscriminada para recintos de tipoloxía ben distinta ("Native Enclosed Settlement and the Problem of the Irish Ring-Fort", Medieval Archaelogy, 2009).
Respecto á cita de Moryson no artigo de Fitzpatrick, relativa ó antigo costume irlandés de ter os parlamentos no ar libre nos outeiros, "plottes laid at priuate parlyes and at publique meetinges vppon hills (called Rathes)", nós entendemos que non é só que os outeiros se chamaran Rathes, senón os parlamentos, por estar situados nun estrado oronímico, o que de novo ven a soportar a evolución stratum > sráth > ráth. A relación estrado - parlamento ven sendo xeral no noso ámbito cultural.
Ráth de dous valos no Burren, preto de Fanore Beach e na zona límite na que a capa de terra e vexetación estase a perder pola progresiva burrenización da paisaxe.
Se para o inglés "hill" temos outeiro, castrelo, colado, cerro, cuíña, lomba, lombeiro, penelo, penela, touticeira, toutizo... por que usades a palabra do español "colina"?
ResponderEliminarGrazas! Non me dera de conta. Queda cambiado por outeiro.
ResponderEliminar