sábado, 20 de febrero de 2021

Etimoloxía de druida e dervixe

O problema etimolóxico da palabra druida (védico druvid) xurde cando só se ten en conta que daruderw significaba únicamente "roble, madeira", pois nas linguas indoeuropeas o radical tivo sempre dúas acepcións: "madeira, árbore" e "porta, pasaxe".

Dvāra en sánscrito é "porta, pasaxe, termo que dende os máis antigos tempos tivo un alto contido simbólico na literatura védica" (Margaret Stutley, 2019).

Veda, segundo o dicionario de sánscrito significa "coñecemento, coñecemento dun rito" e pertence á raíz vid-, emparellada có latín videre, "percibir, comprender", ou có alemán wizzanwissen (coñecemento); o que nos leva ó inglés wise, "sabio".

Xa que os druidas son oficiantes que coñecen os rituais de pasaxe do mundo real ó mundo dos espíritus, coñecen o que hai alén da porta e conéctannos có outro lado, ó meu xuízo é moito máis verosímil que a súa etimoloxía estea vencellada a daru / derw como "porta, pasaxe", e non no senso da árbore denominada carballo, da que collían o visgo. Así mesmo, hai unha etimoloxía popular para dervixe non aceptada totalmente, cecáis porque non se vexa a súa pertinencia ó non percatarse do simbolismo da porta: "popular etymology expresses this well, by linking the first syllable of the word darwīsh to dar (the door)" (Alexander Papas, 2019).

Ó fío desta proposta etimolóxica que matiza a etimoloxía anterior, cobran especial relevancia as máscaras xiróvagas do antroido de Manzaneda (Ourense) que estudou Rafael Quintía na súa conexión coas danzas dos dervixes ("As mázcaras xiróvagas das Terras de Manzaneda. Unha danza para mover o mundo", Caderno de Campo, nº 11, 2019). A nosa consideración de que nas mascaradas de inverno ofician personaxes que representan os vellos chamáns e feiticeiros, bruxos e druidas de tempos pasados, vaise reforzando có estudo de Quintía onde se analiza o rito de paso do folión ó visitar o territorio alleo coa petición de entrada (o que supón o trapasar o limes ou fronteira da porta simbólica da que estamos a falar), ponse de relevo a semellanza ou identidade entre a danza de Manzaneda e a dos dervixes xiradores de Turquía, así como se chama a atención sobre o gorriño picudo de mago Merlín que levan moitos danzantes.

Folión de Buxán (O Bolo). (C) Dolores González de la Peña, 2020.

Ós magos e ó druida Merlín, por certo, volvémolos atopar nas moxigangas, que trasladan o entroido ó seu escenario por antonomasia, o teatro, como na moxiganga de Merlín y los animales, de Juan Francisco de Texera (s. XVII). Nelas son os oficiantes que permiten a apertura da porta mística pola que xurden os seres do Alén.

De novo a nosa proposta etimolóxica druida = "o que coñece o camiño de tránsito, a porta", conecta perfectamente có antroido ou entroido, antruejo, etc. termos que proveñen do latín INTROITUS, "paso, entrada".

Bibliografía complementaria:

Los bigotes del peliqueiro (Arqueotoponimia, 2007).

No hay comentarios:

Publicar un comentario