domingo, 14 de marzo de 2021

Menhir mariño en Fornoucos (Coto da Modia - Vilasuso, Narón)


Moi preto do dobre castro de Vilasuso (Narón), composto polos dous recintos da Pedreira de Arriba e a de Abaixo, pero non cara o val, senón na outra vertente que mira ó mar, e no lugar de Fornoucos (Coto da Modia), o meu irmao atopou hoxe este interesante menhir que, pola nosa parte, consideramos que podería ter funcionado como sinal de navegación ou en relación coa pesca, como os kummeli suecos. Xa que, logo, vese dende o mar.

 Menhir de Fornoucos enfiando Punta Campelo. (C) Andregoto Galíndez, 2021.

Presenta forma bifacial, é dicir, está aparentemente labrado como unha ferramenta prehistórica, cecais coa mesma técnica. Pola súa cara posterior ten como unha espalda coa curva da lordose, bulbo característico do proceso de talla para desprendelo do grande bolo ó seu carón. Na cara frontal e na súa parte máis distal aínda poden percibirse as pegadas duns retoques no extremo. Neste senso, aseméllase ós menhires do Bas Léon descritos por Tilley, labrados "in the form of giant axes" (The Materiality of Stone, 2004, px. 47); como eles, ten tamén na súa cara dianteira nódulos doutro mineral máis escuro que lembran machados puídos.

Extremo coas pegadas da talla. (C) Andregoto Galíndez, 2021.

Nódulo máis escuro encastrado no menhir; ten forma de machado puído.
(C) Andregoto Galíndez, 2021.

Está orientado cara ó océano, nunha liña imaxinaria que pasaría polo punto máis occidental da Irlanda e Islandia ata Groenlandia, ó estilo dos Menhires pola Paz coruñeses, só que este non é de antonte. Neste punto, aseméllase de novo ós menhires bretóns (Tilley, no estudo citado), pois algúns forman longos aliñamentos na costa conectando visualmente con promontorios destacados como Cap Sizun e a Península de Crozón. No folklore da Pena Molegha documéntase a lenda (1) de que as pedras transfórmanse nun rei e os seus cabaleiros na mañá de San Xoan, para despregarse pola contorna e protexela. O que coincide coa función tutelar que propón Tilley para os menhires mariños da Bretaña francesa. De que teñen que protexer o territorio?

Contraforte xeolóxico que ampara o Val de Trasancos. Resto dos pregamentos hercínicos que conformaron a orografía galega. É o único caso que está tan preto da costa e orientado paralelamente a ela. (C) Imaxe capturada do Google Earth.

Tilley expón que un dos principais motivos para erixir os menhires nas costas é que poideron ter actuado como medio simbólico de deter os futuros avances do mar nunha época na que as transgresións mariñas foron moi intensas. A lenda que rodea o menhir de Men-Marz en Haute-Léon confirma a súa proposta: din que foi chantado máxicamente pola irmá de San Pol, e dende entón o mar cesou no seu avance devastador das terras da abadía. Na costa ártabra precisamente onde se sitúa o noso menhir temos dúas lendas de cidades asolagadas: a de Valverde en Doniños e a de Marnela en Pantín. Baixo el e xa na beira do mar, o castro de Pena Lopesa, estragado polo avance mariño.

Castro de Pena Lopesa, o Tintagel ártabro (segundo carteis informativos de Vilasuso).
(C) Anxo Martínez-de Alegría, 2021.

Sébillot na súa obra Le Folklore de France (1904, px. 330) anota tamén uns casos que poderían entrar nesta función protectora das pedras contra ó asolagamento da terra. Pedras que se son quitadas de onde están, do burato manaría unha grande cantidade de auga que somerxería o mundo; ou sexa, son pedras que teñen unha función de tapón inverso (válvula antirretorno) entre o medio acuático e o terrestre.

Vista do océano dende o menhir. Unha paisaxe e un ecosistema excepcionais, afortunadamente protexidos dos eólicos pola Rede Natura 2000. (C) Andregoto Galíndez, 2021.

Existen rutas a pé promovidas polo Concello de Narón no entorno natural desta costa: Ruta Pena Molexa - Monte da Lagoa.

(1) Pena Graña, Narón. Un concello con historia de seu, I, 1991.

No hay comentarios:

Publicar un comentario