jueves, 24 de junio de 2021

Divisoria de augas do Sor


Divisoria de augas da bacía hidrográfica do río Sor. A liña laranxa indica a divisoria e o camiño real; as estreliñas verdes, as necrópoles megalíticas, que prácticamente só se atopan na mesma divisoria.
(C) Fonte: elaboración propia a partires dos datos fornecidos no Visor PBA da Xunta de Galicia.

Necrópoles e agrupacións das mesmas, comezando pola vertente da esquerda do río, preto da súa foz: necrópole de Forno dos Mouros - Pena Grande; necrópole do Alto da Coriscada - Carabelote - Xuncos de Mouraz - Penas Longas; Alto da Faladora - Cruz da Faladora - Chao do Bidueiro - Penas Verdes; O Caxado - Costa dos Feros; Campo da Meda - Foxo da Medoña - Furada da Néboa; Penas de Augas (na cabeceira do río); Pena do Medo; Veiga das Moles; Cristo dos Callós - Pena do Toxo; Campo dos Lagos (Coto do Peón); Monte do Padró - Pena Branca.

Fotografías, na mesma orde: dolmen do Forno dos Mouros da Pena Branca, mámoas e Cristo dos Xuncos de Mouraz, marco ou menhir do Alto da Faladora; dolmen do Forno dos Mouros preto da Cruz da Faladora; mámoa na necrópole do Cristo dos Callós.

Chamamos a atención sobre a frecuencia coa que se menciona o Camiño Real no Catastro de Ensenada, no que respecta ás delimitacións das parroquias que se atopan na bacía do Sor ou no seu límite. Así por exemplo, na delimitación da fegresía de Bravos noméase o Marco do Pión (Coto do Peón; peón refírese ó camiñante) e de seguida o Camiño Real, que ven formando a fronteira natural.

Os castros atópanse nos recodos dos tributarios, e son moito máis pequenos que noutras áreas de Galicia; non é doada a súa localización. Nalgún caso reciben denominacións atípicas, como a que sinalamos no mapa: Chousa dos Moimentos (latín munimentum, "fortificación", seguindo a etimoloxía do Padre Sarmiento).

Novo castro en San Pantaleón de Cabanas. Nas fichas catastrais do parcelario atopamos o microtopónimo Chousa das Coroas no sector indicado.

A bacía do Sor na súa man dereita semella ter menos necrópoles tumulares que a esquerda; aínda que unha análise da microtoponimia da divisoria pode deparar sorpresas. Preto do Coto do Peón o microtopónimo Manolas seguramente sexa unha alteración dun *Manuelas < Mamoelas. Lembramos que a parte dereita da divisoria non tivo a sorte de ser prospectada por Federico Maciñeira, do contrario aventuramos que terían aparecido tantas como na parte esquerda, que si foi estudada e percorrida por el.

No hay comentarios:

Publicar un comentario