miércoles, 9 de junio de 2021

Nacemento do río Mandeo (Santa Columba das Pías)


Magnorum fluminum capita veneramur
veneramos as nascentes dos grandes ríos (Séneca).


Neste mapiña hidrográfico da nosa autoría identificamos as bacías do río Mandeo e Mendo, e parte da do Tambre, coas divisorias de augas respectivas (rutas naturais de tránsito que formaron os vellos camiños reais marcados por túmulos). Coas estreliñas verdes sinalamos, por exemplo e de esquerda a dereita e de arriba a abaixo, as necrópoles de Mántaras (Irixoa), O Galiñeiro (Aranga), Monte do Gato (Oza e Aranga), e a do Bocelo (Toques).

Observamos que tanto nas divisorias como nos camiños secundarios que conducen a elas se producen grandes concentracións destes monumentos funerarios do neolítico. É o caso do campo de mámoas de Mántaras, xunto á hermida de San Cosme e San Damián no monte de Santo Antón, que se desprega ata alcanzar o camiño real da divisoria, anunciándoo e levándonos ata el.

Outra relación básica que se pode inferir é que a ubicación dos asentamentos prehistóricos (dos palatios do profesor Moralejo, "apriscos neolíticos para recoller o gando" > pazos - castros) prodúcese nos recháns ou cóbados dos principais tributarios que escorrentan dende a divisoria principal e permiten adentrarse no territorio da bacía ou cunca fluvial. É dicir, a hipótese diacrónica de Felipe Criado que fala dunha paisaxe convexa (nas cordas das divisorias) propia do Neolítico, e unha paisaxe cóncava (nos vales) propia da Idade do Ferro, non é correcta. Ámbalas dúas paisaxe culturais foron coetáneas, aínda que destinadas a diferentes funcións: a paisaxe convexa é a vía de comunicación polas divisorias de augas, e a cóncava, o hábitat poboado dende a prehistoria. O val non é apto para grandes travesías, o mesmo que as cordas das divisorias non son aptas para os asentamentos. Así pois, dase unha distribución complementaria de funcións na paisaxe.

Doutra banda, parécenos posible soster que, dada a grande importancia que na prehistoria tiveron estas rutas naturais de tránsito conformadas polos límites das bacías hidrográficas, os ríos posuíron fortísimas connotacións sacras no pasado, xa que, logo, artellaron o hábitat e as vías de comunicación dun territorio: é unha sacralidade que vai moito máis aló do aparentemente simple culto ás fontes que practicaban os pagáns segundo San Martiño de Dumio. É neste contexto que situamos as nascentes dos ríos como lugar sacro por excelencia.


Á hora de identificar o punto exacto onde xurde a nascente dun río (a fonte), no caso de que teña unha cabeceira múltiple como a do Mandeo hai que ter en conta factores como a altitude, a pendente e a profundidade do cauce: unha fonte algo máis curta pero máis excavada no terreo e que xurde nun punto elevado, será máis antiga que outra algo máis longa pero que case non tivo tempo de excavar o cauce en profundidade. Por isto, e por haber no santuario de Santa Columba das Pías unha fonte santa na que nace o rego de Portacornias, actualmente considerado un tributario do Mandeo, sospeitamos que foi aquí onde nacía o río antes de que se tivera formado o rego que hoxe se ven considerando o nacemento do Mandeo. Foi por este motivo que a Fonte das Tres Pías foi sacra, e non o foi a outra (actual nacemento), que por entón non sería máis que unha lomba.

Fonte das Tres Pías (Santa Columba das Pías): vello nacemento do Mandeo que corre pola estreita canle ata formar o rego de Portacornias / Portacórneas. (C) Andregoto Galíndez, 2021.

Unha vez atopadas As Pías (latín pilam, "concavidade") onde nacía o Mandeo, é doado entón localizar o Marco das Pías na entrada ó recinto sacro ou temenos do santuario de Santa Columba, parece que anunciando o nacemento do río, a chegada á súa cabeceira; lugar crítico onde se podía dar a volta pola divisoria do Camiño Real de Arzúa a Lugo (segundo o Catastro de Ensenada, fegresía de Codesoso). Se unha non se para moito, o menhir podería confundirse có vello tronco dunha árbore. A súa altura é duns 2,10 metros, a base ten sección cadrangular, e o seu extremo distal é máis ben apuntado. A superficie presenta moito desgaste, como se tivese perdido volume pola erosión, ó estar exposto á intemperie cecais dende fai varios milenios. Preto sitúase o núcleo de poboación do Marco das Pías, que leva este nombre pola proximidade ó santuario onde nacía o Mandeo.

Marco das Pías. (C) Andregoto Galíndez, 2021.

Marco das Pías. (C) Pancho Gallego, 2021.


Vertedoiro de residuos industriais de Gestán Medioambiental ó pé do Camiño de Santiago entre as dúas nascentes do Mandeo, nas Pías. A posibilidade de que os lixiviados escorrenten cara ás augas é alta, e o Camiño ten o título de Patrimonio da Humanidade. (C) Xunta de Galicia's Design / Galicia Calidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario