martes, 29 de junio de 2021

Real / Regal, derivados do indoeuropeo *er-, "moverse, elevarse"

A Oróspeda foi unha serra ibérica denominada polos historiadores gregos, na súa lingua, cunha forma composta Ορόσπεδα formada do grego ὄρος (monte) e πεδα (pé, camiño). En realidade, máis que unha serra propiamente dita, o nome Oróspeda sinalaba unha liña, a divisoria de augas, o cordal ou cresta que tiña tamén a función de camiño ou paso natural entre bacías hidrográficas: o Camiño Real.

O grego ὄρος (monte) retrotráese á raíz indoeuropea *er-, "moverse, elevarse", da que se ten ocupado Edelmiro Bascuas no seu artigo "Rego y requeixo. Una pervivencia hispana de la raíz indoeuropea er- "moverse"", Verba, nº 27, 2000. Xurde entón, como posibilidade a ter moi en conta, unha desas extrañas conexións semánticas que nos levan a indagar na mentalidade prehistórica para propor unha deriva semántica que vencelle etimolóxicamente ós montes cos regos.

Da problemática etimoloxía de rego ocupáronse varios investigadores, ademáis de Bascuas: Julián Santano Moreno ("Un derivado romance y vasco de IE *reik", Nouvelle revue d'onomastique, 2002) e Llamazares Sanjuán ("Rey, Reina y términos conexos en la toponimia leonesa", Lletres asturianes: Boletín Oficial de l'Academia de la Llingua Asturiana, 1993). Remítome a eles para o desenvolvemento a partires desta outra raíz indoeuropea / céltica na que basean os seus traballos, doutra banda, ben interesantes. Nós ímonos centrar na proposta de Bascuas, desenvolvendo o valor oro-hidronímico da raíz *er-, "moverse, elevarse", que foi desacreditada por Santano Moreno como "hipótesis fonética sin ningún fundamento". 

Nun documento sen data recollido na base de datos do CODOLGA atopamos o curioso feito de terse chamado regos os cumios dos montes: "tam per cacumina montium, quam Reguos dico". Asemade, a testemuña máis antiga que temos no país ven do ano 714 (Tumbo de Caaveiro), "ad cabeza do rego de Pena de Transtao", na que de novo se ligan os regos e os cumios.

De feito, a raíz que propón Bascuas ten que ver, ou provén, das dúas que atopamos na base de datos do proto-indoeuropeo de Sergei Nikolayev. En realidade son unha soa:
  1. Proto-IE: *or(w)- <PIH *o->. Meaning: to lift, to rise, to move.
  2. Proto-IE: *(o)rū-, *(o)rū-g-, etc.; *orw-. Meaning: to dig; ditch (incl. as a boundary).

Pois é que a oroxenia que formou os pregamentos das montañas, as elevacións da terra, no senso da raíz *or(w), "elevarse, moverse", é a responsable tamén da formación dos regos / ríos. Esa liña que constitúe a divisoria de augas foi, na mentalidade primitiva, catro cousas indisolubles: liña de cumios, camiño natural, nacemento dos ríos, límite territorial (trincheira ou foxo). Porén é comprensible que na evolución por deriva semántica se dese paso a acepcións específicas: viarias (topónimo Regal / Real atopado nas divisorias), hidronímicas (rego e hidronimia relacionada, como podería ser Rei), oronímicas ("cacumina montium, quam Reguos dico"), e relacionadas cós límites (o sustantivo regionem do latín). 

Mesmamente rei, "soberano, o que se eleva", ten que vir desta raíz, o que orixina moita confusión ás veces interesada, base de pretensións de apropiación por parte das monarquías. Isto sucede non só aquí con toponimia como Castro de Rei ou Monterrei, senón na Irlanda: Athenry (Galway) ás veces interprétase como "vao do río", e outras como "vao do rei". Pierre Vidal en 1928 ("Un faux chemin de Charlemagne en Roussillon. La carrera de Carlos Magno") atopara varias mencións ao camiño como "iter regalis antichus" ou "caminus regalis vetus" (século XIV), de onde logo se tería pasado a consideralo o camiño do rei por antonomasia, Carlomagno.

Nos Anais dos Catro Mestres (Irlanda) menciónase un vello camiño chamado Bothar na Mac Riogh, o que podería interpretarse como "camiño das vacas [bothar] dos fillos dos regos", isto é, o camiño da divisoria de augas dos regos.

O Regal (Riobarba - O Vicedo), no cumio da divisoria de augas entre o Sor e o seu afluente o Rego de Ríobarba.

No hay comentarios:

Publicar un comentario