Deixamos a zona da Coruña para pasar a examinar as terras de Ourense, a petición, e por comprobar se a partires deste sector, onde na bacía galega dos tributarios do Doiro (Támega, Tuela) sitúa Bouhier unha paisaxe agraria distinta da do resto de Galicia que denomina open fields do extremo sur-leste, a demarcación dos Camiños Reais das divisorias hidrográficas mediante mámoas segue a ser funcional e ten a mesma pauta.
Nacemento do Limia
Parécenos intuír que o vello nacemento do Limia, ou polo menos, o que na antigüidade se podería ter considerado a súa cabeceira, era o Larouco, de onde parten uns regos que forman o sistema da Rousía - Faramontaos. Trátase non só dunha intuición motivada polo desexo, senón tambén fundada no carácter sacro que tivo no pasado esta montaña ("Larouco Deo Maxumo", ara achada en Vilar de Perdizes - Portugal), na cualidade de hidrónimo do nome Larouco (v. o noso artigo "Raíz hidronímica *NAR-", Celtiberia.net, 2007, coa que pode estar vencellado o hidrónimo Larouco pola alternancia de n- / l- iniciais, como en Neixa / Leixa), e baseada tambén na forma esvaída da bacía do Limia no seu sector norte (depresión orixinada no Terciario, logo colmatada ó longo do Cuaternario e da que agora só queda a desecada lagoa Antela).
Descrición da divisoria ata o límite có concello de Rairiz
Entre os concellos de Lobeira ó sur, e o de Verea ó norte, a divisoria de augas entre o Limia e o sistema Miño-Sil ven marcada por unha enorme concentración tumular que sinalamos coas estreliñas de cor verde. Comezando pola fronteira con Portugal: necrópoles de A Mota Grande, motas de Monte Salgueiro e Aceviñeiros - Foxo (onde nace a Corga Grande, que acabará formando o río Deva, afluente do Miño). Baixo elas, en liña dupla, as mámoas do Coto das Balsas e de Outeiro das Mos, e as da Grama do Corno Dourado e Serra das Motas, que arrodean a cabeceira do río do Foxo dos Cochos sen formar parte da divisoria. Esta segue polas motas de Fonte do Bido e As Catro Cruces ata chegar ás mámoas de Outeiro de Augas e ás do Coto da Atalaia - As Cinco Fontes. Os topónimos que suliño en negriña reflicten a cualidade de divisoria de augas do cordal onde nacen os aqüíferos. Polo que atinxe á situación dos asentamentos habitacionais e gandeiros, cumpre as mesmas pautas: así por exemplo, atopamos nun cóbado do río do Foxo dos Cochos o topónimo Bestrubedo, que sinala a existencia dun antigo recinto pecuario < bustum veterum.
Detalle da divisoria de augas entre Verea e Lobeira, o concello de Verea métese na zona da bacía limiá, mentres que o de Lobeira apenas chega a tocar a nacente da Corga Grande (bacía miñá).
A partires de As Cinco Fontes, a divisoria baixa ata as mámoas do Monte de Calvos no Alto do Vieiro, onde a toponimia volta a informar do feito de correr pola corda da divisoria o Camiño Real (vieiro < latín viam, "camiño"). Continúa a divisoria de augas, marcada pola aglomeración de mámoas do Coto da Fonte Santa, Penamá, Penedo Grande e As Motas, no límite entre Rairiz e Verea. Aquí pérdese o xeito de demarcación sistemática da divisoria mediante mámoas.
A divisoria ata o límite có concello de Allariz e logo cara Baños de Molgas
Amosando evidencias toponímicas como O Foxo e Armada, a divisoria corre sen demarcar ata o límite dos concellos de A Bola, A Merca e Allariz, onde aparecen de novo as mámoas da necrópole dos Chaos. Neste punto, a divisoria da cabeceira do Limia pola dereita volta a marcarse con mámoas. Aínda que algunhas non estean inventariadas, a toponimia indícanos a súa existencia: topónimo A Mota, mámoa de Agrela, topónimo A Mouteira, mámoas dos Casares e A Lomba, topónimo A Medorra, mámoas de Lameiras Longas, dos Chaos e da Chaira.
Anomalía na divisoria do Limia - Doiro
Topamos cunha relevante ausencia de marcación mediante mámoas na divisoria entre Limia e Doiro; ata chegar case á fronteira con Portugal só atopamos as mámoas de Igrexiña dos Mouros entre Cualedro, Xinzo e Baltar, e a da Lama, na Xironda.
E "verea" non vén de vereda?
ResponderEliminarOla! Si, claro. Eu estaba procurando microtoponimia e non me fixara na macro. Grazas!
ResponderEliminar