sábado, 30 de octubre de 2021

Vella Morta: a vaca como demiurgo creador da paisaxe

Explica Fernando Cabeza Quiles que un enigmático hidrónimo de Carballo, A Vella Morta, ten que aludir dalgunha forma á antiga divindade prehistórica que sobreviviu no noso folklore, e que era dona das forzas da natureza e o clima. Segundo el, polo tanto, o latín vetula tería evoluído a vella como anciá, e gañado unha acepción de Vella como deusa nai, divindade ancestral.

O mesmo autor, a propósito doutra Vella Morta en Rececinde (Coristanco), en falando das características deste lugar especialmente enchoupado, refire que unha informante díxolle que fai anos desaparecera alí unha vaca, engulida polo tremedal.

A partires destes dous casos nos que o topónimo Vella Morta dá nome a un curso fluvial e a un terreo anegado, pasa a xustificalo como hidrónimo mediante unha posible conexión con antigas divindades (Vellas) acuáticas pagás (v. Toponimia de Galicia, 2008, px. 631-632).

O certo é que no relato fornecido por Carmen Pardiño Rial, a informante de Cabeza Quiles, ven a chave, en forma de dindsenchas, da etimoloxía do topónimo, que na nosa opinión remite seguramente ó latín vitula, "tenreira, vaca xove, xovenca, cuxa", e non a vetula, "muller anciá". Nesta liña evolutiva temos documentación medieval que garante a proposta: "vaca vitulata" (ano 953 - Celanova) é orixe da forma, hoxe en desuso, vaca vellada = "que ten un tenreiro".

Entón, que capacidade teñen as vacas de motivar nomes de lugar, amáis da esperable microtoponimia de gandeiría? Lembremos que na Irlanda a vaca ten no folklore conservado pola tradición oral unha función de demiurgo que crea e ordena o mundo, como se recolle por exemplo no conto de Mary Fitzgerald de Bantry ("A Mermaid", Base de datos Nacional do Folklore de Irlanda, duchas.ie, School Collection, 1930): "hai moitos lugares da Irlanda que levan nomes motivados polas vacas, e a seguinte historia explica por que". Despois deste intrigante comezo a señora Fitzgerald relata como unha mermaid ou sereíña xurdiu do mar na costa oeste, coa promesa de traer tres vacas, o que se cumpriu ó ano seguinte. Foi entón cando chegaron do mar unha vaca branca, outra moura e outra rubia, que colleron tres camiños diferentes: a moura foi para ó sur do país, a rubia ó norte e a branca ó centro. A informante finaliza así o seu relato: "neste distrito hai un lago chamado Lough Bó Finne [Lago da Vaca Branca], o que proba que a vaca branca pasou por aquí".

A motivación onomástica ven sendo, polo tanto, a mesma nos dous países. Temos nambos o recurso ó mito fundacional da vaca como demiurgo, que crea e ordea un territorio ó que, ó mesmo tempo, dá nome. É moi probable porén que outros topónimos deste tipo se refiran á esta vaca mítica ou vella (vitula), e non á Vella como anciá divindade pagá (vetula).

Así por exemplo, atopamos no límite entre a parroquia de Celas (Culleredo) e Meirama (Cerceda) na demarcación fornecida polo Catastro de Ensenada relativa á parroquia de Celas, o fito chamado Cagalleira da Vella, nome que non semella oportuno vencellar á divindade pagá ancestral (antiga deusa nai), e si á vella < vitula, a vaca que dá forma ó territorio e faino habitable, porque seguramente o penedo semellaría unha bosta xigantesca.

Outra Vella Morta atópase ó pé da pedrafita de Sobrepiñeiro (Tabeaio - Carral), un marco importantísimo que sinala un trifinium parroquial e que está chantado nunha divisoria de augas secundaria (camiño real ou francés) que tamén é lindeiro territorial. Aquí, o topónimo Vella Morta amósase gardando estreita relación có camiño / divisoria de augas / límite que configura a paisaxe.

Pedrafita de Sobrepiñeiro ou da Fonte das Meigas (Tabeaio - Carral), descrita por primeira vez por X. Lois Villar Hermidas (na fotografía, xunto á pedrafita) na súa monografía San Martiño de Tabeaio, ed. Concello de Carral, 2000. (C) Dolores González de la Peña, 2021.

Ubicación da Vella Morta ó pé da pedrafita de Sobrepiñeiro, ou da Fonte das Meigas.

Lembramos, por ser moi pertinente, o estudo que ten adicado Marcial Tenreiro Bermúdez ó motivo do sacrificio fundacional no que intervén como víctima propiciatoria un bóvido ("Sobre ciertos sacrificios fundacionales y de delimitación, y sus paralelos históricos y etnográficos", Anuario Brigantino, 2007). Así pois, ben sexa que o topónimo Vella Morta faga alusión a unha destas vacas míticas que poboaron o noso país e deron nome ó territorio, como na Irlanda, ou sexa lembranza do sacrificio ritual fundacional dun bóvido có que se percorrían os lindeiros antes de darlle morte, dos estudados polo profesor Tenreiro (como podería ser tambén Boimorto), o que si podemos dar por seguro é que o topónimo nestes casos non está a aludir a ningunha muller anciá ou deusa nai anterga falecida súbitamente no lugar.

Recuperar mediante a toponimia e o folklore un demiurgo animal de orixe prehistórica, non impide seguir a considerar á Vella como deusa nai creadora do mundo, pois seguramente esta última non é outra cousa que unha versión antropomorfa da divindade animal. Na lenda de María Mighez, que amablemente me indica Paulo Martínez Lema e que fora recollida por Carlos Solla no seu Almanaque de Encantos. Mitoloxía da terra de Cerdedo (2005), a vella fundadora da aldea aparécese sempre en compañia dunha vaca: "A pantasma, campesiña enloitada, alinda unha vaca rubia, almalla, galleira, ateigadiña de ubre" (Galicia Encantada).

No hay comentarios:

Publicar un comentario