sábado, 13 de noviembre de 2021

Curro

Curro do castro de Valadares (Outes). Visor PBA, Voo Americán de 1956-57.

O espazo central do castro ás veces denomínase curro, termo exclusivo dos recintos para gando, cuxa etimoloxía é incerta. A explicación que o fai provir do latín currere, "correr", por ser un lugar onde se conduce (correndo) o gando, seméllanos feble semánticamente. Pola nosa parte preferimos o latín curuum, que normalmente ofrece a solución curvo, con consoantización da wau, mais tamén podería sosterse a fusión da wau coa vogal u seguinte, e reforzo previo da vibrante en posición final de sílaba ou de neutralización (como sucedeu en paruum - paruulum, "pequeno" > parvo / parrulo, evolución proposta por nós con anterioridade).

A designación entón viría motivada pola forma arredondeada do recinto, como no caso de Croa < latín coronam, ou Roda < latín rotam. O interés da microtoponimia Curro ligada ós castros ven do matiz semántico especializado do termo, pois só se aplica ós recintos gandeiros; é a mesma especialización que ten o topónimo Cró goidélico, derivado segundo pensamos do latín coronam.

Rexístrase o seu uso pecuario no século XIII: "et mando etiam monasterio IIII vaccas bonas et vace iste semper sint in curro et non vendant illas" (fonte: CODOLGA - Toxos Outos).

Bá do Curro (Vao do Curro) en Asenso - San Xián de Beba (Mazaricos).
Capa do Voo Americán de 1956-57.

Mediante a microtoponimia e o factor espacial ou topográfico podemos atopar un outro curro castrexo destas mesmas características en Asenso. O recinto gandeiro era todavía perceptible no Vóo Americán: ten a mesma forma oval e sitúase igualmente no cóbado dun sistema fluvial, neste caso vadeable (Bá do Curro). O espazo máis amplo, tambén de uso gandeiro, quedou fosilizado e indicado polo microtopónimo Cebreiros (ligado ós cebros, ós "bueyes ariscos" do Padre Sarmiento, ou uros).

No hay comentarios:

Publicar un comentario