A parroquia de Rúa (Xove) limitaba segundo o Catastro de Ensenada (1750) no seu extremo máis occidental na Cruz de Mariana, aí daba a volta cara ó leste. Sen dúbida, xa que aínda se manteñen os límites parroquiais, trátase dunha mención á estela antropomorfa que hoxe se coñece como Cruz do Pau da Vella onde limitan sete parroquias: Santo Isidoro do Monte (Xove), San Xiao de Castelo (Cervo), Santa María de Rúa (Cervo), Santaia de Budián (Valadouro), San Xoán da Laxe (Valadouro), Santa María de Vilacampa (Valadouro) e Santo André de Boimente (Viveiro). Atopamos, pois, o nome da Vella, ou un dos seus nomes, xa que tivo moitos... A identificación da Cruz de Mariana como a de Pau da Vella garante a identidade entre as dúas figuras mitolóxicas da Moura e da Vella.
O nome Mariana pódese clasificar dentro da ben coñecida familia de nomes que levan as mouras do noso folklore ou mitoloxía; Rafael Quintía sintetiza esta cuestión da onomástica das mouras, que adoita aparecer formando "tríades cuxos nomes son Laureana, Aureana e Ana; Xoana, Ana e Viviana, ou mesmo mouras con nomes como Oureana ou Ana Manana, cuxo nome contén por tres veces a significativa partícula ana" (Mariña: de deusa a santa, 2017). Vemos nestes casos o carácter polimorfo da antiga divindade. O seu nome, ademáis, parte dunha forma base ana, que ligamos ó significado de "nai" nunha lingua preindoeuropea presente tanto no turco anne como no hitita anna. Cecais o nome de Mariana sexa unha cristianización (solapamento dos nomes da Virxe María e da súa nai, Santa Ana), mais tamén pódese pensar que o nome destas dúas mulleres, María e Ana, foi tomado do da antiga divindade da natureza, a Vella Nai (Mari-Ana).
No estudo de Paulette Galand-Pernet, "Augures et pierres trouées: toponymie et légendes maghrebines" (Almogaren, VII, 1976), analízase a lenda da Vella de Acla que recolleu en Rabat no 1956. A lenda semella ter sido islamizada (nela a deusa chámase Fátima) mais presenta moitos trazos que a vencellan ós antigos mitos sobre a divindade da natureza:
- realiza multitude de tarefas pesadas
- é considerada unha santa: ten poder benéfico e de conceder favores
- a súa morte sucedeu arrodeada de lóstregos
- xunto á súa tumba érguese un penedo, onde ela sentábase adoito mentras vivía
- no penedo prácticase un culto litolátrico (arroxar pedriñas nun burato do penedo como bo agoiro se caen no burato)
- ten a capacidade de desprazarse a grande velocidade (episodio da viaxe á Meca, onde sempre vai diante do peregrino aínda que el camiñe ben rápido e ela non vaia dacabalo; episodio onde recolle o gando á noite nun tempo récord para unha distancia que serían necesarios dous días de viaxe para percorrela)
- pastorea o gando; é pastora
- ten toponimia asociada: agaras n tfQirt, "o camiño da Vella", tiziGt / tazrut, "o penedo da Vella"
- a súa tumba é lugar de peregrinacións ou romeirías o 10 de marzo, coincidindo cun cambio de ciclo estacional
Ola Dolores. No concello da Laracha hai outra pedra da Vella. Tamén hai un regho da Vella Morta e a Casa da Vella morta.
ResponderEliminarApretas.
L.Masüs
Pois hai que investigalo Masús! 😊 A casa da Vella non será un dolmen?
ResponderEliminarParece, pero non é. Ou iso foi o que dixo un arqueologho.
ResponderEliminarTen a lenda da Vella que levou a pedra na cabeza fiando cunha roca e dandollle de mamare a filla.
Bo día das candeas. Hoxe casan os paxariños.
Hoxe é candeeiro e mañán braseiro.
Apretas
Ben, polo menos ten a lenda :)
ResponderEliminar