martes, 8 de febrero de 2022

Aidas dos mouros

Recreación dun dos círculos líticos da Mourela (As Pontes de García Rodríguez) hoxe arrasados pola construcción dun vial.
(C) Andregoto Galíndez, 2007.

No artigo de Mar Llinares e Miguel Sartal, "O pasado incesante: visión popular da arqueoloxía da Mourela" (Círculo de engaños: excavación del cromlech de A Mourela (As Pontes de García Rodríguez, eds. Fábregas e Bonilla, 2009) infórmasenos de que, segundo varios paisanos, o lugar onde se atopaban as medoñas e os círculos líticos da Mourela era coñecido como As Medoñas ou ben Aídas. Esta segunda forma viña sempre nas escrituras de propiedade das fincas. Nós atopámola tambén na capa catastral do visor PBA da Xunta como Aidas, sen til.

O topónimo semella provir do indoeuropeo *H2eidh- "arder, queimar" > aid-, de onde provén o latín aedes, "templo", ou aedificare (v. Sihler, New Comparative Grammar of Greek and Latin, 1995). O continuum de acepcións vai, polo tanto, dende "queimar" a "lume", "vivenda ou fogar (habitáculo con lume)", "templo (habitáculo onde arde un lume consagrado)", "forno", etc.

Anel lítico inuit, en cuxo interior se instalaba a tenda.

Ó final do artigo de Llinares e Sartal póñense en relación os aneis líticos da Mourela cós currais gandeiros da Serra do Leboreiro, os do Suído, os das brañas orientais de Lugo, os da Serra de Queixa, etc. nos que, no interior dos recintos, se atopan as vivendas dos pastores (casoupas dos mouros: feitas con pedras e cubertas con lanchas ou terróns).

Polo que respecta á súa cronoloxía, os autores non van máis aló do século XVII, aínda que citan unha testemuña do ano 941 duns curros no Leboreiro. Recuperámola do CODOLGA: "Leporario, locum predictum in curros que uocitant Messegarios, et sunt ipsi uillares per svos terminos qui diuident per curro de Grisulfo, et inde per strata usque ubi dicent Antas, et inde per curro de Gundilo". Observamos a relación das mámoas e currais de pastores coas vías de tránsito naturais.

Mais cinguíndonos ó termo Aidas que se conservou na Mourela, a cronoloxía pode retroceder moito, xa que o nome tivo que dárselles ós currais cando aínda estaba vivo o antigo sentido indoeuropeo de "estrutura de habitación con lareira" aplicado ós fogares dos pastores instalados no interior dos aneis líticos que delimitaban o perímetro. A cronoloxía para estes aneis líticos é, polo tanto, prerromana e cecais neolítica, se nos aproximamos á data que se fornece para a reconstrucción lingüística do indoeuropeo.

Doutra banda, suxerimos que o nome Airas ou Eiras dos Mouros que reciben estes círculos noutras partes do país estean deturpados pola etimoloxía popular, a partires do indoeuropeo aida, "fogar".

No hay comentarios:

Publicar un comentario