sábado, 12 de febrero de 2022

Viladonga / Viladóniga: os nosos dungeons

 

Entrada monumental ó castro de Viladonga: abertura no enorme valado amurallado que cinxe o poboado (Castro de Rei - Lugo). (C) A. Galíndez, 2022.

Base do torreón (donjon) á entrada do castro de Viladonga e situada antes do parapeito ou valo (Castro de Rei - Lugo). (C) A. Galíndez, 2022.

Non pode ser debido ó azar que nestes dous lugares de Viladonga (Castro de Rei - Lugo) e Viladóniga (Ferrol - A Coruña) existan dous importantes fortificacións da Idade do Ferro. É dicir, o topónimo ten que estar motivado por elas, ten que facer alusión ós castros dalgunha forma. Tamén no caso do Castro da Aurela da Viladónega (Mariz - Guitiriz) supoñemos a existencia dun vínculo entre o nome e o asentamento castrexo.

Se temos en conta que o termo donjio / donjon do francés (dungeon no inglés, dongione no italiano*) ten a mesma etimoloxía (domnio < lat. dominio) e se aplicaba ás fortificacións altomedievais onde se asentaba a Corte, temos unha evidencia de que determinados castros tiveron un estatus político e militar como centros de control territorial e sedes do poder local (residencias reais) cecais dende a época galaico-romá ou dende a Alta Idade Media.

Di Alain Kersuzan que os donjons foron conxuntos fortificados compostos dunha mota, un valado ou empalizada ó pé da mota, e un torreón na parte máis elevada dela; el donjon é "le haut lieu fortifié du povoir" (Défendre la Bresse et le Bugey, 2005). Sexa cal fose a estrutura destes donjons medievais franceses, semella que moito antes unha denominación idéntica (aínda que sufixada) xa existía para nomear ós centros de poder castrexos: villa domin-ica, pois era onde se tiña establecido o dominio territorial local. Neste sentido tamén apunta o Glosario de Du Cange sub domnione, "domo scilicet principali et defensiva" (v. tamén o Lexicón etimológico y semántico del latín, de Segura Munguía: donjon = latín vulgar *dominio, "torre del señor").

Matizamos, entón, a proposta tradicional de considerar estes topónimos derivados de dóminus ou dómina (en referencia ós posesores dunha vila): o baixo latín domínio explicaría mellor a existencia destas cidadelas fortificadas dende as que se exercería o control político sobre un territorio.

Fonte Dónega xunto ó Castro da Croela - A Torre (Trazo).

A restante toponimia do país en -donga / -dóniga / -dónega, e as formas en masculino, fará, pois, alusión a terras (senras, quintanas, pumares ou pomerios, fontes, etc.) pertencentes ós correspondentes centros de poder castrexos do territorio no que se atopan.

* "de summitate Castriveteris quae dongionem appellatur" (ano 1179).

No hay comentarios:

Publicar un comentario