miércoles, 6 de abril de 2022

O Ghalo e The Wall


Minutas Cartográficas do IGN, cun interesante feixe de toponimia ó revés. O mapa é de principios do século XX (c. 1920-30): Anxelio, Xalo, Xustovedro (que en realidade serían Anghelio, Ghalo e Ghustovedro*) e Jián (en realidade é Xián). Vese tamén o antigo Camiño Real que percorría o Ghalo pola divisoría das bacías hidrográficas, dende a pedra de Santa Marta ata o Anghelio, e logo viraba ó norte cara a Xián.

Don Jacinto Ares tiña medio ferrado no lugar de Sojalo no ano 1750. O Libro real de eclesiásticos de Santa María de Celas (fol. 55) contén unha proba directa da pronuncia da gheada en Sojalo, equiparable ó son jota castelán de Jacinto. Soghalo é hoxe Suxalo, preto do Castro de Socastro, en Castelo de Arriba (Culleredo).

No libriño do interrogatorio xeral do Catastro de Ensenada da parroquia de Santiago de Castelo figura un tecelán identificado como "Juan de Jalo, texedor". O feito de escribirse Juan e Jalo con jota nesta data (1750) implica unha pronuncia con gheada (semellante á jota castelá).

Non cabe dúbida de que o nome do monte é Ghalo, con gheada, aínda que hoxe teña moito máis éxito a forma hipercorrecta Xalo. A primeira vez que se ten constancia do nome é nun documento do mosteiro de Samos, do ano 978: "villa in valle Summio, villa vocabulo Varzena sub eodem monte Gallo ripa fluvio Manizes [¿Marces? = Barcés]". Algo máis tarde: "et per terminos de Montanos et Pergalo [per Galo] et inde per terminos de Faro et per illam Carreriam de Singraes usque in Merum" (ano 1112). Ata o de agora Ghalo era considerado un zootopónimo, motivado cecais pola forma de cresta de galo do monte.


Mais na contorna do Ghalo, nas Brañas do Torreiro, destacan no mapa do Voo Americano (1956-57) os restos duns peches gandeiros moi arcaicos, identificados como Revoltas nas fichas catastrais. Veñen arrodeadas polo microtopónimo Ghalo. É por este motivo que imos analizar unha outra posibilidade etimolóxica, xa que nesta ubicación non hai formacións en cresta de galo nas que basear o microtopónimo.

Parécenos moi axeitado partir do latín vallum, "foxo defensivo ou trincheira fortificada", cuxa wau inicial consonantiza no grupo gw, que termina por perder o apéndice labial e que, máis tarde, pasaría a pronunciarse con gheada: vallum > g(w)allo > galo > ghalo. Mesma etimoloxía que a que se supón para o nome do Muro de Antonino (The Wall < latín vallum), en Escocia. Temos que ter en conta que moi preto, no Castro de Santa Baia (Soandres - A Laracha), o equipo de investigación Roman Army atopou indicios de o asentamento castrexo ter sido reutilizado como campamento romano. Así pois, o Ghalo tería sido o noso Muro de Antonino, trincheira defensiva ou barreira que percorrería a liña baixo o camiño que vai da Pedra de Santa Marta ata o Anghelio e que lle da esa forma recta tan característica ó límite parroquial, antigo límite do Comisso de Faro medieval.

Indicacións da existencia dun foxo xunto á pedra coñecida como Barboto ou Borboto da Vella.


Foxo de The Wall preto de Bar Hill. (C) Wikipedia.

O feito de usarse nesta zona o termo vallum > ghalo para indicar as trincheiras ou foxos fronteirizos non se limitaría só a este caso, xa que, logo, semella ter deixado a súa pegada nos valos (Ghalos) que pechaban as revoltas das Brañas do Torreiro, ou mesmamente no topónimo redundante Foxo do Galo, límite entre O Esperón (Cerceda) e A Capela (Meirama).

* Do celto-latín busto vetero > Bustovedro / Gustovedro, un antigo peche para o gando vacún. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario