Aldeas de Laia, Santaballa e Salaia á beira do río Laia (Palas de Rei - Lugo).
No caso do trío toponímico de Palas de Rei, Laia - Santaballa - Salaia, o desenvolvemento do mesmo explícase a partir do probable hidrónimo paleoeuropeo que dá nome ó río Laia, o cal segundo Nicandro Ares, viría, como Laias (doc. "laginas" no ano 830), da base céltica lágena, "laxe", tratada por Corominas ("Toponimia do concello de Palas de Rei", Lvcensia, 27, 2003). Nós preguntámonos se lágina non será, mellor, unha forma céltica ou paleoeuropea derivada da base hidronímica *LAKUS, "lago".
O río dá nome ó lugar de Laia e ó de Salaia, que Ares explica pola anteposición do sustantivo de orixe xermánica sala, "hall": Sala Laia > Sa(la)laia > Salaia. Dedúcese do uso do paréntese por parte do autor que houbo perda dunha das sílabas "la" por haploloxía. O investigador, ó tempo, explica que o Seaia bergantiñán podería ter a mesma orixe, xa que o seguinte paso evolutivo desta cadea é a caída normal do -l- intervocálico: Saaia > Seaia. O certo é que o sustantivo sala ten unha evolución normal e ben coñecida con perda normativa do -l- intervocálico (sala > saa > sa), polo que recorrer á haploloxía semella un tanto rebuscado. Mais así evita ter que explicar a caída do primeiro -l- e o mantemento do segundo: Sa(l)alaia. Todo apunta a que non foi sala o termo anteposto.
No paso do latín ás linguas románicas algunhas, como o sardo, usaron outros demostrativos como presentadores do sustantivo: ipsa lingua > sa limba (a lingua) en sardo. Aquí tamén se usou ipsa e ipso, mais sen acadar un uso xeralizado como ille / illa / illud, puideron quedar fosilizados na toponimia: "pertransintque flumen per ipsas lagenas medianas" (doc. do ano 841 - fonte: CODOLGA). Supomos, pois, unha frase nominal con presentador *ipsa lagina > Salaia, tal e como pensaba Alarcos Llorach (apud García Arias) que sucedera có topónimo asturiano Salime (de *ipsa limine, "o linde"). Non deixa de sorprender que Salime teña os correspondentes galegos saimeira / seimeira, con perda do -l- intervocálico. Aínda que certamente amosan especialización para referirse ós saltos de auga, non deixan porén de indicar o linde ou desnivel orográfico que xera o propio salto.
Á terceira forma, Santaballa, chégase dende Salaia. Unha vez perdido ou olvidado o significado orixinal de Salaia, có cristianismo pasou a reinterpretarse o topónimo como haxiotopónimo, proporcionándoselle unha falsa etimoloxía cristiana ó nome de lugar, por sonsonete: Salaia < *Santa Eulalia, punto de partida do Santaballa actual.
No hay comentarios:
Publicar un comentario