jueves, 1 de septiembre de 2022

Feal, Feais, Feáns... fitotopónimos ou oriónimos?

Ó menos dous casos recollidos por Navaza na súa Fitotoponimia Galega, na entrada adicada ós topónimos derivados de feo (latín fenum), dan para pensar que non se trata de fitotopónimos:

  • O Marco do Fial - paraxe non habitada en Sarreaus e Vilar de Barrio
  • Serra do Fial das Corzas, que serve de límite ós concellos de Vilariño de Conso e Laza

Doutra banda, na documentación medieval o termo fenales aparece en contextos de delimitación nos que se mencionan marcos e petróglifos:

  • "est ipsa hereditate conclusa in omnique giro per suos terminos antiquos id est per fenales iusta domus Catoni et inde ad Causelio et inde per Fouea Uentuosa" (ano 947)
  • "per illos padrozelos de fenales super portum lagenoso, et inde per petras scultas, et scriptas" (ano 988)
  • "deinde ad summum uallis ex alia parte dos Lagarelos ac postea per fenale de Cabreira, deinde in directum ad cabezam de Foioo" (ano 1134)
Estes últimos exemplos dan para pensar, sobre todo, que uns termos antigos ou uns padrocelos (marquiños) non poden estar constituídos por feo.

Baixada das greas dende o Marco do Fial (Sabucedo). (C) Teima, 1977.

Nun vello artigo sobre a rapa das bestas de Sabucedo descríbese o camiño de baixada das greas de cabalos (griñóns) cara ó curro tras pasar, de novo, un marco chamado do Fial (Teima. Revista galega de información xeral, nº 32, 1977). O escritor e profesor Calros Solla infórmanos amablemente de que no Marco do Fial ou do Feal atópase unha necrópole tumular composta por varias mámoas; o lugar é límite entre as parroquias de Quireza (Cerdedo) e Codeseda e Sabucedo (A Estrada) e forma unha "tripla e inmemorial estrema" ("A destrución da necrópole do Marco do Feal", Faro de Vigo, 28-03-19).

Como explicar estas ocurrencias atípicas? Na nosa opinión estariamos ante un novo caso de homonimia ou confusión, moi frecuente na toponimia, desta vez entre o latín fenale (derivado de fenum, "feo") e o latín finale (derivado de finem, "fin"). É coñecido o uso por parte dos agrimensores romanos das lapides finales, ou de termo, para demarcar o territorio segundo a gromática; disciplina á que se supón unha orixe etrusca mais que debeu ser común na Europa, como amosa a dispersión dos megálitos de termo.

Tal e como podemos ver na fotografía, semella probable que dende tempos recuados se tiña desenvolvido nestes territorios liminais (finales) unha actividade cinexética, ou ben ligada ó aproveitamento do gando e bestas semisalvaxes que tiñan o seu hábitat neles. Así pois, ata resulta axeitado considerar que a homonimia se teña producido entre fenale (de fenum) e algún termo indoeuropeo previo (prehistórico) proveniente da base *wei-, "hunting ground", de onde xurden tamén os termos latinos venatio ou venare, relacionados coa caza. Desta mesma raíz indoeuropea con alargamento en nasal é de onde tira Matasovic a etimoloxía dos Fianna, as bandas de xovens cazadores irlandeses da Idade do Ferro (Etymological Dictionary of Proto-Celtic, 2009).

Resulta interesante que o Feá de Toén, ó que Navaza non atopa cabida no conxunto de topónimos derivados de fenum, se teña documentado, segundo atopamos, como "Fiana Ripa Minei" (ano 918), suxerindo unha etimoloxía semellante: o indoeuropeo *wei-, "terreo de caza", mais tamén, en estreita conexión semántica, "límite".


2 comentarios:

  1. Tamén poderían ser filam (desfiladero) ou filum (fío do cordal) explicacións para algún deses topónimos? O seguinte artigo será o de Fene non? Se (La) Fenosa (Asturies) non nos corta a lus por impago...

    ResponderEliminar
  2. Filam e filum poderían servir para esas metáforas, de feito foron empregadas na oronimia, se non esas mesmas, outras semellantes como o caso de "cordal" que indicas. De filum non atopo uso toponímico no CODOLGA, e de filam si :) De feito aparece un lugar chamado Filana en Ourense, que pode dar Feá. Grazas!
    Espero que La Fenosa non me corte a lus :D

    ResponderEliminar