Se xa tiñamos a sorte de conservar o milenario etnónimo dos célticos Praes(t)amaricos (Mela e Plinio) no nome da parroquia de Posmarcos do concello da Pobra do Caramiñal, temos que felicitarnos por atopar estes días o seu xemelgo inseparable, o etnónimo dos célticos Supertamaricos, citado sempre polas fontes clásicas acompañando ó devandito Praes(t)amaricos. Sobre estes últimos, aínda que pareza imposible, está documentada a evolución do étimo Praes(t)amaricos cara o resultado actual Posmarcos; pode consultarse o completo estudo das fontes que tratan deste territorio e a súa progresiva redución de comisso a parroquia, dende os autores clásicos ata a Idade Media, na entrada do blog Fror na area, de Miguel Costa: "Territorio Pestomarcos", 2009.
Situación do microtopónimo Fonte Promercos no Alto do Roque ou de San Roque, entre Negreira e Outes (parroquia de Xallas - Negreira).
Precisamente por ser Promercos un nome de lugar extrañísimo, inexplicable doutro xeito, ten que ser necesariamente a parella de Posmarcos, coa que garda unha estrutura fónica semellante.
Promercos < Supertamaricos
Posmarcos < Praes(t)amaricos
A favor da nosa conxectura, amáis do paralelismo fónico evolutivo, temos a ubicación da Fonte Promercos no territorio que se supón ocupaban os célticos Supertamaricos, ó norte ou sobre do Tambre (antigo Tamara), nos actuais concellos de Negreira, Outes e Muros (espallados tamén, cecais, polos de Carnota e Mazaricos).
Supomos que na evolución de Supertamaricos a Promercos prodúxose a caída da sílaba átona inicial, precisamente pola súa pronuncia débil. Logo entraría en xogo unha posible reinterpretación popular do resto, *Pertamar(i)cos, como *Portamarcos / *Portomarcos, de onde por sucesivas alteracións obteríamos o actual Promercos. Algún cambio menos sufriu o etnónimo Praestamaricos ata chegar ó actual Posmarcos, mais tamén resulta irrecoñecible.
Suxerimos a reinterpretación popular como porta ou porto xa que no Catastro de Ensenada da parroquia de Santa María de Xuño (na antiga xurisdición do Caramiñal), vemos que o seu irmán Posmarcos tamén pasou por esa fase, mencionándose como "San Isidro de Porto Marcos".
Interesante o mapa. As zonas en ciano son inundábeis ou tentan mostrar a liña de costa doutra época ou antigas lagoas ...?
ResponderEliminarO mapa é do Visor PBA, se activas no icono de "Capas" as augas en "Afeccións que clasifican solo rústico", e en "Límites administrativos" os concellos. Logo podes xogar tamén cos fondos no icono "Selección de mapa de fondo", ou incluso non seleccionar ningún fondo. As zonas en ciano son da "Policía de cauces", isto é, forman parte da cunca fluvial, son inundables ou están implicadas no desenvolvemento do río. Os ríos vense moito mellor así, o que permite procurar castros nos seus cóbados e camiños antigos na divisoria de augas (liña imaxinaria que rodea un río e tódolos seus tributarios).
ResponderEliminar