O nome de lugar de Cullergondo aparece no ano 952 (Sobrado) como "in uilla Condearegondo".
Se consideramos que a transcrición medieval é respetuosa, isto é, que na súa transmisión non operou afán latinizador ou reetimoloxizador, non é posible soster que a etimoloxía do nome de lugar remita a un nomen possessoris, a un conde (< comite) chamado Aregundo / Aregondo, xa que este antropónimo é sempre feminino, Aregunda, amáis que non está documentado o seu uso no noso territorio.
Sospeitamos, pois, que Condearegondo é un topónimo tautolóxico no que se repite a base céltica KOND-, coñecida sobre todo pola súa forma galo-romana, condate = xunta de ríos. Á forma *Aregondo, coa preposición céltica are = ante + a base KOND- xa tería experimentado a lenición ou suavización do són oclusivo velar xordo en posición intervocálica -k- > -g-, polo que cecais o significado orixinal do nome de lugar *Aregondo ( = diante da xunta dos ríos) quedaba esvaído e non sería moi evidente; é por iso que se renomea repetindo o xa dito, incidindo de novo no feito de ser o lugar unha confluencia fluvial: Conde-Aregondo, como se dixeramos hoxe, Xunta de Ambas Mestas, o que ven sendo o mesmo, "xunta" e "ambas mestas".
O paso a Cullergondo prodúcese pola evolución normal e natural do grupo d+iode (Condeargondo > Co(n)iargondo, etc.).
No hay comentarios:
Publicar un comentario