sábado, 27 de mayo de 2023

Homes "femíneos" e "muliebres". A crise do modelo de masculinidade hexemónica reflictida na poesía de Eduardo Pondal

Como complemento á tese desenvolta na presentación “Branca, garrida e fidalga. A muller como símbolo de Galicia en Queixumes dos pinos de Eduardo Pondal” (XI Jornadas Galego-Portuguesas, Pitões das Junias, maio de 2023), onde explicamos a alegoría do rapto ou violación colonial utilizada polo poeta, imos ver agora o que atinxe á retórica da masculinidade na obra pondaliana. Trátase dunha exposición complementaria, pois é que nesta alegoría poética a nación galega, a patria ou matria (representada como muller asoballada), ía ser salvada, protexida e restituído o seu esplendor, polo home, único suxeito político activo dentro da concepción social decimonónica europea.

Ó tempo, esta nova lectura fornecerá probas de que a adxectivación brando, femíneo, muliebre, molente, etc. non constituiu un conxunto de cualificacións misóxinas, como se ten dito, ó non ir dirixidas á muller, senón ó home carente de virilidade (virtus latina: fortaleza, vontade, decisión). E aquí convén precisar que o home “muliebre” ou “femíneo” de Pondal sinala ó home débil, preguizoso, submiso e cobarde, lonxe de supor unha referenza ós homes homosexuais. Só nos faltaría agora, tralos desatinos críticos do pasado verquidos sobre ás creacións literarias do poeta, inventar un Pondal homófobo!

Desliguemos, pois, a masculinidade ou virilidade da heterosexualidade: aínda que a debilidade de carácter no home en ocasións se teña reflictido e explicado como provocada pola impotencia sexual ou pola homosexualidade deste, nin é o caso, nin é así. A crítica implícita no poemario de Pondal e as súas exhortacións van dirixidas a mover ós homes sen virtus, escravos, independentemente da súa opción sexual, que para o poeta semella ser irrelevante.

La Campana de Gracia, 1 mayo 1915. A posición de neutralidade de España durante a Primeira Guerra Mundial explícase como crise de masculinidade, plasmada como feminización do presidente Dato, que aquí aparece vestido de muller (1).

As almas escravas,

d’ideas non grandes,

van pensando mil cousas femíneas,

molentes e infames;

mil soños forxando

qu’o ánimo agobian,

arrastrando infamantes cadeas,

cal brandos ilotas:

esp’ritos brandos,

esp’ritos muliebres,

sendentarios, que lenta consome

e mórbida febre.

Mais a alma do bardo,

enérxica, ousada,

qu’audaz libertade

tan só soña e ama,

vai pensando en propósitos férreos

qu’ergueran a pátria.

Di Manuel Ferreiro: “obsérvese o latinismo femíneo ‘feminino’, a coexistir co sinónimo muliebre ‘feminino, mulleril’, tamén cultismo de forte carga negativizadora (face os adxectivos que significan ou connotan ‘masculino’ ” (Eduardo Pondal. Os cantos eran da Patria (120 poemas), 2017, px. 218). Pero… carga negativizadora para quen? De quen fala o poema? Isto non o explica Ferreiro. Evidentemente fala dos homes que non teñen en mente erguer a patria nin soñan coa libertade, ós que se lles está aplicando estes cualificativos, usados como antónimos de viril ou varudo (esforzado, enérxico, audaz).

Marta Louzao indica que neste poema a escravitude “é comparada cos pensamentos e accións inferiores e viles, os cales á súa vez definen á muller” (“Referencias clásicas en Queixumes dos pinos de Eduardo Pondal”, Estudos Románicos, 2000). Esta interpretación está sesgada polos traballos previos que viron na obra de Pondal contidos misóxinos; os espritos brandos e muliebres son os dos homes afeminados, sen virtus, que se contrapoñen noutros poemas desta obra a modelos de masculinidade hexemónica como os heroes espartanos Brásidas e Leónidas, ou Espartaco. Na obra de Pondal este conxunto de conceptos vencellados ó campo semántico feminino decimonónico connota negativamente se son aplicados ó home, e positivamente cando o receptor é a muller: “tal era a maneira graciosa e molente da doce Baltar”.

Propiamente neste poema o estado de escravitude da nación non é comparado con nada. Pola contra, atribúese e explícase a escravitude como debida a unha crise do modelo masculino, da identidade de xénero, na que o home adoptaba actitudes ou rasgos de carácter propios do rol feminino que non lle correspondían, e era nesa inadecuación onde subxacía o seu envilecemento como home. Á muller non lle afectan estas consideracións, non van dirixidas a ela. Contrapóñense, porén, dous modelos de masculinidade, o hexemónico e a masculinidade afeminada, que representa a perda da potencia política, tropo literario que desenvolveremos someramente máis adiante.

Morrer en brando leito,

entre molentes brondas,

rodeados d’amigos,

q’o pracer nos recordan;

de tímidas doncellas,

imbeles e chorosas,

que p’ra mayor dozura,

na nosa última hora,

ó redor de nos ceiben,

lirios e brandas rosas;

certo he des’parecer cal virgen tímida,

brandamente, e sin gloria.

Oh’ quen morrer poidera,

como o forte Leónidas;

envolto en duro ferro,

n’outras rudas Thermópilas!

por una pátria escura,

d’escravos e de ilotas.

Os modelos de xénero que se contrapoñen na obra de Pondal non son home  / muller, como sinala a crítica: “a dicotomía masculino (positivo, posuidor) vs. feminino (negativo, posuído) atravesa toda a produción pondaliana através dunha adxectivación (como elemento formal máis evidente) que responde a esa dualidade: férreo, viril, ousado, esforzado… vs. femíneo, muliebre, brando, molente…” (Eduardo Pondal. Os cantos eran da Patria (120 poemas), 2017, px. 31). Negamos a maior, pois a oposición de xénero que se revela nos poemas é entre dous modelos de masculinidade: home viril / home femíneo ou muliebre – a morte de Leónidas / a morte dun home que pasou pola vida como unha virxe tímida. A muller queda completamenta á marxe desta oposición, cun papel moi secundario, como corresponde á súa inexistente función política nesta altura. De feito, a muller, cualificada cos adxectivos propios do seu rol (idealizado) na época, resulta doce na súa indefensión (imbele) e fraxilidade, quedando a súa función neste poema limitada a esparcir froles e acompañar chorosa ó moribundo. 

Quen brando vegéta,

en ocio agradabre,

no seo da escura,

nativa cidade;

e a mente envilece,

con causas non graves;

e vida molente,

e lánguida trague;

botándose ó colo,

mil lazos amantes;

non sei que d’imbele,

d’escravo e d’infame,

despede dos membros,

molentes e suaves:

que, doce sorrindo,

quen preto d’él pase,

dirá: —Certo est’home

non pensa ou combate.

O home que leva unha vida molente, branda e ociosa, que non se defende, pola contra, despede coma un cheiro infame. Vese de novo como un mesmo termo (imbele) connota diferente cando é aplicado a un sexo ou a outro, en virtude de se cumple coas expectivas dos roles de xénero da época.

En italiano, lingua que coñecía Pondal polas lecturas de Ariosto ou Tasso, effeminato (afeminado) ten como sinónimos muliebre e femmineo. Advertimos de novo que a feminización do carácter do home, derivada da posible crise de masculinidade da época, á que se responsabilizaba, á súa vez, do caos político, non ía ligada necesariamente a consideracións relativas á orientación sexual, e só indicaba inicialmente debilidade no carácter masculino.

Non obstante a virilidade (a virtus ou fortaleza de espíritu, que está ben que digamos que non é exclusiva dos homes) erróneamente pode reducirse á sexualidade masculina hexemónica (heterosexualidade) e a súa carencia plasmarse como disfunción ou impotencia, sexualidade alternativa ou non hexemónica (homosexualidade) ou satirismo. Reducionismos que non percibimos na obra poética de Eduardo Pondal, mais si na alegoría artúrica do conto do Rei Pescador, cuxa ferida na ingua (a entreperna como metonimia por contigüidade cos xenitais) tiña provocado a devastación e esterilidade do seu reino. Tamén a impotencia de Enrique IV (s. XV) viuse como motivo de incapacidade para o goberno. Con respecto ó satirismo, podemos mencionar a oda de Frei Luís de León que recrea a perda política de España cando “folgaba el rey Rodrigo con la hermosa Cava en la ribera del Tajo”, entregado á vida molente en vez de ocuparse das causas graves.

Para Berta Lillo a crise da masculinidade iníciase en Europa nas primeiras décadas do século XX, cando a Gran Guerra desestabiliza as relacións de xénero ó emanciparse progresivamente a muller. Mais a aparición do tema da crise do modelo hexemónico de masculinidade nun poeta do romanticismo, anterior ó periodo bélico europeo, incluso anterior á guerra de Cuba (a edición do seu único poemario precede doce anos ó Desastre do 98), como é Pondal, impide seguir esta hipótese sostida por tantos teóricos.

Na obra de Lillo pásase revista á crise da masculinidade española de principios do século XX, e ás diversas propostas dos autores que se ocuparon dun tema que se considerou de importancia nacional (Unamuno, Gregorio Marañón, Pérez de Ayala, etc.), pois “las teorías científicas en boga en el momento consideraban las categorías de hombre y mujer naturales y en consecuencia inamovibles […], especialmente la sexualidad de los varones se ligaba a la nación y a su capacidad como potencia” (Nación femenina vs. nación masculina: la imagen de la neutralidad española durante la Primera Guerra Mundial, 2021).

Consideramos que a seguinte reflexión de Lillo ven afianzar a complementariedade das dúas lecturas que fornecemos respecto ó rol da muller como símbolo da patria na obra de Pondal e ó rol do home pondaliano na tesitura política de verse como salvador e rexenerador do país (Galicia) afrontándose ó tempo a unha profunda crise de identidade: “violar, en sus dos acepciones principales (quebrantar un acuerdo legal y tener acceso carnal con alguien en contra de su voluntad), enfatiza la conexión que se establece entre la nación y el cuerpo femenino, que actúa como receptáculo moral y físico del honor nacional, y subraya con contundencia el grave deshonor que supone para el país que sus hombres, tradicionalmente encargados de defender a la patria y a las mujeres que en ella habitan, sean incapaces de repeler las afrentas de forma viril”.

Portada da revista Gedeón, 16 de marzo de 1898. No marco do conflito bélico entre España e Estados Unidos (Guerra de Cuba) o Tío Sam presume da súa economía arrodeado de sacos de dólares, e España, do seu valor, cunha exhibición de ovos (metáfora ovos = testículos, que representan por metonimia a esencia da masculinidade, e os valores asociados a esta na época: valentía, fortaleza, decisión...). Destacamos o caixón de ovos "frescos de Galicia" (2).

(1) Viñeta do corpus utilizado por Berta Lillo no seu estudo Nación femenina vs. nación masculina: la imagen de la neutralidad española durante la Primera Guerra Mundial, 2021.
(2) Viñeta do corpus utilizado por Lou Charnon-Deutsch: "Cartoons and the Politics of Masculinity in the Spanish and American Press during the War of 1898", Prisma Social, 2015.

No hay comentarios:

Publicar un comentario