Os autores romanos glosaron o termo céltico nemeton como fanum, isto é "santuario". Neste sentido por exemplo Venancio Fortunato explicou o nome galo Vernemetis como "fanum ingens" ou "gran templo".
Semella bastante probable que o termo nemeton teña evoluído cara as formas cristianizadas San Amedio ou San Mamede (e variantes), advocación de numerosos templos galegos, como o de San Mamede de Atios (Valdoviño). A homofonía co nome do santo da Capadocia e o nome Mamede provinte de Mahometus fai difícil aseguralo para tódolos casos.
Para a parte fónica da evolución supoñemos o paso *San(cto) Nemedio > San Amedio, cunha vacilación no timbre da vogal pretónica, precisamente polo seu carácter átono, e cun falso corte que leva ó n- inicial do sustantivo a se fundir co -n final da partícula San.
A forma da que proviría o noso falso santo San Amedio, *Nimedio, variante de nemeton, está case que documentada na epigrafía astur como NIMMEDO na inscrición de Ujo: NIMMEDO ASSEDIAGO (Mieres, século II). Interprétase ben como unha divindade, ben como un santuario, posibilidade esta última que nos parece a mellor por cadrar co significado de "templo" do termo celta nemeton, aínda que ser o deus do santuario tamén se axusta á advocación. O desprazamento acentual dende [németon] a [*nimédjo] ou [*nemédjo] prodúcese polo cambio á terminación -io.
Logo o resto da evolución é doada: Nimmedo > Nimedio > San Nemedio > San Amedio > San Amede / Mamede.
A toponimia do tipo San Amedio ou San Mamede é, semella, a cristianización de antigos nemeta; espazos sagrados onde había un templo cecais natural e se celebrarían ó seu carón as festividades propias do calendario céltico en forma, tal vez, de oenachs (reunións). A sacralidade do espazo perviviu, o mesmo que o seu nome, mais cristianizados, así como a tendenza a celebrar xunto ós novos templos que sustituíron ós vellos, as xuntanzas veciñais nas datas marcadas agora polo calendario cristián.
No caso do nemeton de San Mamede de Atios (Valdoviño), a localización de restos de tumbas da Alta Idade Media nun espazo incerto entre as inmediacións do castro de Piñeiros e a actual capela de San Mamede, dota dunha nova función sacra ó recinto destes santuarios, a funeraria.
Tendo en conta a abondanza de "San Mamés" dentro e fóra de Galicia, na que nas terras do Sor se documenta un San Mamés de "curru de Eguas" (1225) que deu lugar ao actual lugar de Curro de Eguas na parroquia de San Mamede das Grañas do Sor, non parece demasiado probable a etimoloxía proposta, sendo moito máis "económico" (e asumido por todo o mundo, polo que a demostración de que non é así ten que ser máis forte que un simple "seméllame que") entender que o San Mamede é San Mamés de Cesarea de Capadocia, martirizado no século III, ben coñecido na alta idade media e redifundido desde Francia, onde o seu culto está tamén moi expandido, polo camiño de Santiago. Moito me temo que o nemetón, nin está en San Mamede, nin nel se agarda.
ResponderEliminarOs San Mamede poden ser auténticas advocacións tomadas do santo da Capadocia, como dis, pero tamén por exemplo resultado de cristianizar o nome propio Mahometus, que en galego dá tamén Mamede, e ata ser (como digo) resultado de cristianizar o Nemeton / Nimedo / *Nemedio, "santuario celta", do que falo na entrada. Faise difícil ser máis precisa, debido ós estratos celta, cristián e musulmán que se acumularon na Península. Pero eu non descartaría a idea: primeiro pola existencia aquí deses németons, e logo que a fonética evolutiva fai posible soster esta etimoloxía.
ResponderEliminarDe tódolos xeitos, xa deixei constancia na entrada desta complicación. Moitas grazas!
ResponderEliminarConcordo com o artigo na relação com os nemetons. Há que acrescentar que também existe São Nomedio, em Tebra, bem como que a maioria destas capelas estão em lugares arredados e montesios.
ResponderEliminarCorrecção: é em Malvas (no mapa aparece como São Mamede). Outro Nomedio existe nas Neves.
ResponderEliminarPois moitas grazas por ese novo caso do Nomedio, que ven acrescentar o corpus.
ResponderEliminar