O castro de Arxeriz. (C) Ecomuseo do Saviñao.
Se retomamos aquela pregunta que fixera Nicandro Ares sobre a cantidade de toponimia aparentemente de orixe xermana que aparece xunto dos castros, imos ver que a resposta vai ser que a súa orixe non é sempre, precisamente, o corpus dos nomes de posesores xermanos.
Podería ser o caso do castro de Arxeriz, no Saviñao, que cadra cun nome composto híbrido, formado pola base latina arx, "fortificación en altura" máis o nome de orixe celta Eriti ou Erite, coñecido pola forma sufixada ERITAECO da inscrición funeraria de Astorga, a cal sitúa nun castelo dos Lemavos chamado Eriti / Erite a origo da defunta Fabia, filla de Eburo.
Segundo Blanca Prósper o nome Erit-aeco pode ser equivalente do irlandés iriud, "fronteira, límite", ou pode estar relacionado co sánscrito parita, "amurallado, rodeado", xa que o celta logo perde o p- inicial (Lusitanian, a Non-Celtic Indo-European Language of Western Hispania, 2014). Nesta segunda posibilidade o topónimo Eriti / Erite podería aludir á cerca ou muralla do castro, defensa que adoita xerar, pola súa monumentalidade, toponimia como A Cerca, A Roda, etc (v. A Cerca ou Muro de Búbal en Oímbra). Así, Prósper indica a caída do p- inicial que tería o étimo indoeuropeo, mantida no Old Indic parita, fronte ó hispano-céltico Eriti ou Erite. Dita caída do p- inicial é exclusiva das linguas célticas.
A nosa toponimia en -eriz provinte de Eriti / Erite ( ≃ Old Indic parita, "amurallado, arrodeado") sería, porén, moi antiga. A monumentalidade das cercas das fortificacións sería suficiente, na nosa opinión, para xustificar a motivación destes topónimos, mais tamén pódese ter en conta que a antigüidade do nome de lugar podería remontarse á primeira Idade do Ferro na que se produce a construción dos primeiros recintos fortificados arrodeados de muros perimetrais, feito que determinaría o nome relativo ó parapeito que pechaba o asentamento, nun momento no que a maioría deles eran aínda construcións en aberto, sen peches perimetrais.
As defensas do novo castriño que atopamos sobre Ariz (Láncara) puideron orixinar o topónimo: *(p)arita > *arite > Ariz.
Descartamos, porén, a etimoloxía de Arxeriz a partires do nome propio de orixe xermana Argericus. E suxerimos a conveniencia de analizar en termos semellantes outros topónimos con dita terminación, susceptibles de ser remitidos a bases célticas: Xeriz < sego, "victoria" + erit(i), "fortificación amurallada".
Agradezo a Xabier Moure a oportunidade de reflexionar sobre o antigo topónimo ERITAECO da estela de Astorga, a Rosa Brañas a orientación bibliográfica e a José María Bello a súa atenta lectura do párrafo de Blanca Prósper, quen está a falar neste punto do topónimo ERITAECO da lingua hispano-céltica, non do lusitano, lingua esta última que, segundo os coñecementos actuais, non perde o p-inicial indoeuropeo, o que impide a súa calificación como lingua celta.
"Viriato se ve obligado a evacuar algunas ciudades de la Beturia, como Arsa/Erisana, y se retira hacia la Carpetania, hasta donde lo sigue Cepión". He visitado esta ciudad turdetana y las aguas de un río lamen sus murallas.
ResponderEliminarGracias Juan, la raíz *AR- / *ER- también es propia de la hidronimia antigua europea.
ResponderEliminar