martes, 12 de septiembre de 2023

O topónimo de Proendos e o seu hórreo romano

O achádego no 2021 en Proendos (Sober - Lugo) dos muros de soporte dun hórreo romano do século I, único en Galicia pola súa excepcional lonxitude, e pertencente a unha vila agrícola do Alto Imperio, levou ós arqueólogos (Francisco Alonso, de Tempos Arqueólogos) a barallar a posibilidade de que alí se podería ter almacenado grande parte do cereal que se consumía noutros puntos da Gallaecia, chegando incluso a abastecer Lucus Augusti. O almacenamento de cereal a grande escala indicaría xa, nunha época temperá, a capacidade organizativa do rural por parte de Roma (Gciencia, 11/10/21: "Un hórreo único en Galicia confirma o tesouro romano de Proendos").

Hórreo romano de Proendos. (C) Gciencia, 11/10/21. 

Porén, non sería extraño que a etimoloxía do topónimo Proendos estivese relacionada coa magnitude do graneiro, e o carácter agrícola da vila.

En latín temos o sustantivo proventus, que ven do verbo provenio, e significa "froitos da terra, da eira, do lagar ou viña". Se ben o -v- intervocálico pódese perder en determinadas circunstancias no paso do latín ás linguas románicas, en galego o grupo -nt- latino adoita conservarse e non é doado xustificar a súa transformación en -nd-. Mais outra forma deverbal, como o xerundivo, provendus, -a, -um si podería explicar satisfactoriamente o topónimo como unha vila ou granxa *provendos (fructos), destinada "a producir a colleita".

Se facemos caso da tradición que sitúa en Proendos a mítica vila de Proentia, poderiamos ligar a súa etimoloxía á primeira proposta, de *proventus, "froitos da terra", que semánticamente é moi semellante á do xerundivo, pois en última instancia ámbalas dúas remiten ó latín provenio, que tiña entre outros o significado de "producir".

No hay comentarios:

Publicar un comentario