viernes, 22 de septiembre de 2023

Pousoares, Pousadoiro: posibles campos de mámoas

No límite entre Cerceda e Carral, xunto á urbanización do Xalo ou Ghalo, atópase a mámoa de Pousoares, co topónimo deturpado como antropónimo na folla catastral (Pau Suárez).

Pousoares semella un derivado abundancial de pouso, masculino provinte do latín pausa, que ten varios significados relacionados co mundo funerario. A derivación sería do mesmo tipo que se produce en bostar (derivado do prerromano busto).

No Du Cange recóllese para o lema pausa, amáis do coñecido significado relacionado co cese dunha actividade, o sentido de túmulo ou sepulcro; para pausare, o glosario indica que tamén significa durmir; os pausantes son os mortos; e o pausatorium, sepulcro e cemiterio. Evidentemente, os significados relacionados co mundo funerario proveñen da idea base do cese da actividade, do descanso, que se volve eterno para os defuntos.

A existencia dun túmulo funerario en Pousoares podería indicar que o topónimo estaba nomeando unha necrópole (campo de mámoas), un conxunto de pousos (latín pausa, "túmulo"). O galego pouso ten a acepción de "lugar, sala ou habitación onde se durme ou descansa", polo que non resulta improbable que se teña utilizado tamén no sentido funerario, como acredita o uso do termo galego pousadoiro, que amáis de ter o mesmo significado que pouso, alude ó "lugar onde se coloca o féretro" (normalmente xunto dun cruceiro próximo ó cemiterio).

Tamén o topónimo Pousadoiro podería indicar a existencia de necrópoles, se é que non se refire a ningún pousadoiro dun cruceiro ou a un lugar para descansar. Esta posibilidade é ben interesante, ó amosar que cando estes campos de mámoas recibiron o nome de Pousadoiro (latín Pausatorium) aínda conservábase entre os veciños a noción de seren antigos cemiterios dos devanceiros.

Algunhas necrópoles chamadas Pousadoiro

1. Mámoas do Pousadoiro (entre Cea - Vilagarcía de Arousa, e Godos e Saiar - Caldas de Reis).

2. Mámoas do Pousadoiro no monte do Pousadoiro (Aranga).


3. "ad illos mormosirales de Pausadoyro" (ano 1246, documentos de Carboeiro). Temos analizado o termo "mormorial" ou "marmorial" como variante de memorial ou moimento funerario.

4. Mámoa de Cuíña (Quireza - Cerdedo), a uns 280 metros da estación de petróglifos do Pousadoiro, descoberta no 2019 polo colectivo Capitán Gosende.

No hay comentarios:

Publicar un comentario