sábado, 6 de enero de 2024

Augapesada e Frenza (Ames)

Ós meus queridiños amigos Susana e Anxo

De camiño ó holy well da Madanela (Vilouta - Tapia, Ames) pásase polos lugares de Augapesada e Frenza, nomes que chamaron a nosa atención e que tentaremos explicar.

Fonte milagreira e cruceiro da Madanela (Vilouta - Tapia, Ames), baixo o castro de Piñeiro. Á dereita comeza un dos camiños perimetrais do castro. (C) Dolores González de la Peña, 2024.

Claudia collendo auga fresca na fonte santa da Madanela, para a ofrenda de flores. É unha das poucas fontes sagradas que coñecemos que teña altariño. (C) Dolores González de la Peña, 2024.

A nosa amiga Susana preguntoume pola orixe etimolóxica do nome de lugar de Augapesada. E aínda que resulta evidente, aclaramos que non ten nada que ver co nome da molécula chamada así, ou ben, óxido de deuterio, usado polos primeiros reactores nucleares.

Segundo comentara inicialmente Fernando Cabeza Quiles (Os nomes da terra, 2000) Augapesada podería ter a mesma orixe que estoutro lugar chamado Aqua Impezada que aparece nun documento de 1165, e que estaba no camiño inglés entrando en Santiago de Compostela, preto da vella leprosería de San Lázaro:

"et redeunt peregrini bti. Iacobi ab ecclesia de illa Cruce usque at terminum ubi dicitur Aqua Impezada et dicitur Mulier Cremata" [o lugar adxunto de Mulier Cremata reflictiría probablemente o costume de incinerar os cadáveres dos leprosos de San Lázaro]

De ser esta a orixe, segundo pensaba o investigador, o nome estaría vencellado ó manancial ou nacencia dun río (punto onde "empeza" o río). Mais o feito de non corresponder o documento de 1165 á xeografía de Ames, senón á da cidade de Compostela, levouno a rectificar a proposta etimolóxica.

Ponte romana de Augapesada. (C) Xunta de Galicia.

Segundo me indica agora amablemente, polo lugar de Augapesada discorre o Rego dos Pasos; e ámbolos dous topónimos compartirían etimoloxía relacionada cos termos galegos paso, pasada e pasal, relativos ás poldras ou pontellas que salvan os pequenos cursos fluviais. Porén Augapesada tería sido orixinalmente *Pasada; nome que aludiría á vella ponte romana do camiño real.

Minutas Cartográficas do IGN (principios do século XX) Destacamos a vía de tránsito do Camiño Real, o topónimo Mar de Ovellas [Mordouelias na documentación medieval] baixo Suavila de Carballo, e a ubicación dunha mina de auga (1) en Augapesada.

Polo que respecta a Frenza, Antón Palacio (Toponimia del ayuntamiento de Pantón, 1981) explica o Frenzas de Pantón (Lugo) como provinte dunha alteración de fronza, procedente do latín frondia, de onde sae tamén frondoso, "de abundante vexetación". Mais a existencia de microtoponimia Fervenza no parcelario ribeireño da aldea de Frenza de Ames non deixa lugar a dúbidas: Frenza procederá dunha pronuncia abreviada de Fer(v)enza, con perda do wau por ser un son fricativo: *Ferenza > Frenza. O nome indica a existencia dun desnivel no leito do río por onde se precipita a auga, un cachón ou caída de auga.

(1) Detémonos no feito de que en Augapesada houbese unha mina de auga porque na documentación medieval as acumulacións ou pozos de auga levaban ás veces o nome de "aqua in peegada" (Sobrado, sen data), derivado do latín pelagum, "pozo", tras a perda preceptiva do -l- intervocálico: pelagatam > peegada > pegada. É posible, xa que logo, que un topónimo orixinal *Aqua Peegada, "apozada, mina de auga", pasase a se entender polo homónimo pegada, que significa "paso, pisada, pasada", provocando a temprana substitución dun orixinal *Aqua Peegada por *Agua Pasada. Non é un fenómeno infrecuente na nosa toponimia: Monte dos Nenos (Sedes) podería ter sido un Monte dos Niños, relativo ás mámoas como tobeiras, logo entendido como se aludise ós pequenos, foi substituído polo actual Nenos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario