jueves, 25 de enero de 2024

O Pozo do Cura: unha pesqueira artificial na lagoa da Frouxeira

 

Vimos de atopar que no ano 1776 o párroco de Anca, Joseph Benito de la Torre, escribiu a Tomás López nestes termos, explicándolle a orixe da lagoa da Frouxeira (Valdoviño):

"En esta vicaría también me aseguraron habían informado a V.M. había un gran estanque donde se cogían anguilas de tantas libras de peso; V.M. no haga aprecio de esta noticia, porque esto está reducida, esta gran obra, a una cueva de excavación que hizo el quijote cura de Valdoviño en el arenal, con cuyo motivo entra ahora allí la marea, y con ella algún pescado, pero sin otra formación ni hermosura que le dé más nombre que el de obra de un loco; que como tal ha años [falta o soporte] es curador puesto por el Prelado" - Diccionario Geográfico de Tomás López (provincias da Coruña e Lugo), px. 614 do visor da BNE.

Nesta relación exponse que a lagoa da Frouxeira é de orixe antrópica na súa totalidade (onde está o "estanque" era antes un areal onde non entraba a marea) e que terá como mínimo 250 anos, que é a diferencia entre a data da relación e a data actual, achegándose con facilidade ós tres séculos de existencia, pois Joseph Benito de la Torre tampouco precisa a data na que foi excavada polo cura, indicando únicamente que o devandito responsable da obra levaba varios anos no posto de curador.

Ó topar con este curioso texto, o primeiro que pensamos foi que sería unha lenda fantasiosa sobre a formación da lagoa da Frouxeira, cuxa orixe considérase natural, correspondendo á formación no Holoceno das lagoas litorais galegas como a de Doniños (Ferrol), separadas do mar por unha formación dunar.

No traballo de Flor, Marquínez e O' Neill é o que din: "Para Nonn ( 1966 ), la laguna se formaría también durante el Würmiense, momento en el que quedaría conformada la barra arenosa de la playa. Pensamos que es en esta época cuando se produce una excavación o reexcavación del vaso de la laguna y que la barra arenosa está sujeta al movimiento oscilatorio del mar; la laguna acaba cerrándose en el Holoceno a la altura del talud de las dunas fósiles, emigrando el frente hasta su posición actual, en dirección al mar" ("El complejo de dunas eólicas de la playa de Frouxeira (Meirás - Valdoviño, La Coruña", Cadernos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe, 1983).

Mais no Catálogo de los lagos de España (Luis Pardo, 1948) mencionado nun traballo de Jenaro Dalda sobre a fitoecoloxía da lagoa da Frouxeira (1968) indicábase que a profundidade da lagoa "es escasa y uniforme, excepto en el sitio llamado Pozo del Cura, donde es grande, variando según el estado del mar".

Comprobamos porén que efectivamente, tal e como contaba Joseph Benito de la Torre, houbo unha excavación antrópica no areal da Frouxeira, feita, ou mellor, mandada facer por un párroco de Valdoviño fai uns 275 anos, concretamente na zona da lagoa que aínda hoxe leva o nome transparente de Pozo do Cura e que por iso se ve alterada a uniformidade da profundidade da lagoa nese punto.

Canle na zona do Pozo do Cura - Blog Bichos e demáis familia: "A Frouxeira baleira de novo e censo" (2013).

Segundo os datos aportados na entrada citada arriba, do blog Bichos e demáis familia, sospeitamos que a canle cegada polo entullo que, segundo o arqueólogo Eloi Saavedra, foi verquido no pasado recente na zona do Pozo do Cura, é de orixe antrópica e daría servizo ó "estanque".

Deixamos a noticia da existencia desta pesqueira aquí, pois non temos nin os coñecementos nin os medios técnicos para investigar en que medida a construción do "estanque" e a canle de servizo (mailo seu desaugadoiro ó mar a través da barreira dunar) puido determinar ou afectar á formación ou á configuración da lagoa da Frouxeira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario