Je veux dire que l'idée de secret devait primitivement se rapporter non pas tant aux trésors ensevelis avec le chef, qu'au cadavre même du chef (Van Gennep)
Imos ligar dous feitos rituais ata o de agora non relacionados.
a) As inhumations sub-aquatiques que estudara o etnógrafo francés Arnold van Gennep no seu artigo adicado ó unico caso que o investigador coñecía daquela en Europa, "La tombe d'Alaric" (Revue Archeologique, 1924).
b) Os chamados depósitos votivos fluviais do Bronce Final (c. 1000 a.C.) maiormente armas e enxoval guerreiro (como p. ex. cascos), atopados nos cauces dos ríos europeos.
A tomba subacuática de Alarico.
Inhumacións nos cauces dos ríos
Contaba o historiador godo Jordanes que á morte de Alarico o río Busento (sur de Italia) foi desviado temporalmente para escavar unha fosa profunda no seu leito; alí depositaron o corpo do rei e grandes riquezas. Os escravos, prisioneiros de guerra, que se encargaron destes traballos logo foron mortos*.
No estudo de Van Gennep afírmase que o ritual funerario atípico descrito por Jordanes non é unha lenda, como pensaba Salomon Reinach. Di que Reinach chegou á conclusión de que era unha fantasía porque non coñecía ningún ritual funerario que comportase a inhumación no leito dun río previamente desviado (só a pasaxe de Dión Casio que narra como Decébalo, rei da Dacia, fixo enterrar o seu tesouro deste xeito).
Co obxecto de confirmar que non era un ritual funerario inventado, Van Gennep forneceu cinco casos seguros máis, que tiña anotados para as súas investigacións sobre os Modes de la Sépulture, os cinco africanos: dous na África oriental belga, dous na conca occidental do Congo e outro na Serra Leona. Non se trataba dun ritual xeralizado, senón destinado a individuos pertencentes a certa clase social: grandes xefes e un especialista relixioso. O proceso era o seguinte: desviábase o leito dun río para escavar unha fosa de sepultura onde era depositado o corpo do defunto co seu enxoval (nun caso descríbese en detalle como composto dun fusil, lanzas e machados); logo disto permitíase que o río voltase ó seu cauce. Nun só caso Van Gennep aporta o dato dos sacrificios humáns nestes rituais funerarios africanos, tanto das mulleres e dos fillos do defunto, que terían sido sepultados vivos xunto del, como de escravos mortos na ocasión da cerimonia.
Pola nosa conta podemos engadir ós casos africanos anotados por Van Gennep outros seis que temos atopado en Eurasia: a tomba de Gilgamesh, a de Atila, a de Ghenghis Khan**, a do profeta Daniel, a do Rei Lear** e as vontades funerarias do emperador chinés Liu Heng.
1. A tomba de Gilgamesh: nas taboíñas cuneiformes co ciclo épico de "A morte de Gilgamesh" atópase ó heroe desviando o cauce do Éufrates para construír a súa tomba nun lugar elixido por revelación divina; logo as súas mulleres e outros personaxes (músicos, o mordomo, criados, o barbeiro...) son tamén deitados na tomba para acompañar o rei ó Alén, e finalmente cando o rei é depositado nela o río déixase correr de novo polo seu cauce para cubrila e ocultar o lugar para sempre (Scott E. Noegel en A Companion to Ancient Epic, 2008, John Miles Foley ed.).
Este costume funerario dos antigos reis asirios ven refrendado por Arrio (Anabase de Alexandre o Magno, 7.22.2) e Estrabón (Xeografía, 16.1.11). O primeiro conta que Alexandre na súa visita ós canais da baixa Mesopotamia viu as tumbas dos antigos reis nos xuncais dos pantanos. Nun documento do rei Urukagina de Lagash (III milenio a.C.) lístanse enterramentos nos pantanos de Enki, seguramente asociados ó culto do deus sumerio das augas primordiais (v. Wicks, Bronze 'bathtub' coffins. In the Context of 8th-6th Century BC Babylonian, Assyrian and Elamite Funerary Practices, 2015).
2. A tomba de Atila (lendas húngaras e de Transilvania estudadas por Mihály Hoppál, "The Burial of Attila", Hungarian Review, 2011). Só fornecemos tres lendas da manchea delas que veñen no estudo de Hoppál, onde tamén se analiza a posible conexión entre elas e certas tradicións funerarias chinesas e mongolas:
- no río Tisza previamente desviado, nun triple ataúde de ouro, plata e ferro; tódolos os homes que participaron nos traballos e na cerimonia foron sacrificados para que non puidesen revelar o lugar; logo o río voltou ó seu cauce (lenda da cidade de Dömös)
- no mesmo Tisza nos tres ataudes de distintos metais; nun punto do río elixido polos líderes; seguindo a visión dun chamán desvíase o río; son sacrificados 300 dos mellores guerreiros do rei, acompañados das súas esposas (lenda da cidade de Mohács)
- na lenda de Ásvány explícase que o punto do río elixido para a tomba foi unha bifurcación do cauce; explícase a orixe desta cerimonia funeraria na visión dun chamán, que responde deste xeito á pregunta de como ían sepultar ó líder: "nun raio de sol [ataúde de ouro], nun raio de lúa [ataúde de prata], na noite escura [ataúde de ferro], baixo a auga e baixo a terra [nunha sepultura escavada no leito dun río], e ninguén saberá onde foi enterrado Atila"
3. A tomba de Ghenghis Khan: segundo Werner ("The Burial-Place of Genghis Khan", Journal of the North-China Branch of the Royal Asiatic Society, 1965) existen varias tradicións ou mitos sobre a tomba do emperador mongol Ghenghis Khan, e unha delas é a de que foi sepultado no leito dun río que fora desviado temporalmente.
4. A tomba do profeta Daniel: segundo Ritter, no seu Erdkunde, a tomba do profeta Daniel estaría no leito dun río preto de Susa. O río tería sido desviado para construír unha tomba de pedra no seu leito, e logo a auga se deixaría fluír de novo polo cauce habitual.
5. A tomba do Rei Lear: na Historia Regum Britanniae (s. XII) o galés Godofredo de Monmouth conta que á morte do Rei Lear a súa filla Cordelia enterrouno nun subterráneo que mandou construír baixo o leito do río Soar - "Cordeilla [...] sepelivit patrem in quodam subterraneo, quod sub Sora fluvio intra Legecestriam fieri praeceperat". Este importantísimo caso sitúa xa no ámbito do Bronce Final Atlántico os enterramentos sub alveo que estamos a comentar: segundo as Crónicas de Raphael Holinshed a morte de Lear ocorreu 54 anos antes da fundación de Roma, é dicir, no ano 801 a.C., en pleno Bronce Final. Expresamente, na descrición deste enterramento non se reflicte a técnica utilizada para construír o subterráneo baixo o leito do río, pero dedúcese que o cauce tivo que se reter ou desviar dalgunha forma para facer a obra.
6. O caso do emperador chinés Liu Heng, falecido no ano 157 a.C. é ben relevante pois amosa que o costume era unha práctica funeraria habitual entre os líderes imperiais. Coñecemos o seu testamento vital no que expresamente ordea que á súa morte non se escave na montaña nin se desvíe o cauce do río en Baling para facerlle un mausoleo, e que as súas concubinas sexan enviadas de volta ó seu fogar (isto é, que non fosen sepultadas en vida xunto del). Liu Heng caracterizouse por levar unha vida moi austera e así se percibe nas súas últimas vontades (Hing Ming Hun, The Magnificent Emperor Wu: China's Hang Dinasty, 2020).
Doutra banda, na base de datos dúchas.ie do folklore de Irlanda atópanse lendas como a do tesouro de Decébalo: "In one of the fields of our land there is supposed to be hidden treasure. This wealth is supposed to be buried there by Mc Carthy, Lord of Duhallow on his way from Fermoy to Kanturk in flight from his enemies. The story goes on to tell how he had one of his servants with him, and when the treasure was buried he killed the servant so that the secret would be never known. The Book of Doneraile says it was buried in the old bed of the Skehanagh river" (Richard Hanley - Cork).
O depósito votivo de Santo Estevo de Ribas de Sil. Unha posible inhumación sub alveo (baixo o cauce dun río)
Os chamados depósitos votivos fluviais do Bronce Final Atlántico (c. 1000 a.C.) veñen considerándose iso, depósitos votivos de armas e enxoval dos guerreiros, relacionados maiormente cun culto as augas (v. estado da cuestión en Beatriz Comendador Rey, "La espada de Forcas (Parada de Sil - Ourense) en el contexto de la cuenca hidrográfica del río Sil", 2014), ou ben cecais con certos rituais liminais vencellados ás fronteiras territoriais, posibilidade que apuntara Marcial Tenreiro ("La lanza en la tierra: rituales jurídicos de toma de posesión entre la Antigüedad y la Edad Media", 2007).
Puntualmente algún investigador como Bradley tense pronunciado polo carácter funerario dos depósitos fluviais (The Passage of Arms, 1990) argumentando que, mentres que no Bronce Inicial as espadas se atopan maiormente en tombas, no Bronce Medio e Final son recuperadas principalmente de contextos acuáticos, distribución complementaria que podería ser indicativa de que formaban parte tamén dun rito funerario, no que, desta vez, os corpos e os enxovais se depositarían nos ríos, en lugar de deixalos nas tombas en terra, como sucedía no Bronce Inicial.
A hipótese de Bradley sobre un posible ritual funerario acuático estaría, na nosa opinión, refrendada polos casos comentados no apartado anterior, mailas tradicións funerarias africanas aportadas no estudo de Van Gennep. Claro que Bradley non se pronuncia sobre o proceso de deposición de corpos e enxoval do seu ritual funerario acuático; mais se se trata de facer unha tomba nun río, non simplemente arroxar ou colocar nel o corpo e o enxoval do defunto, será preciso en xeral desvialo ou retelo cun traballo de enxeñería hidráulica previo do que o investigador non fala (aínda que hai algún outro sistema de facelo nas propostas que veremos logo sobre os depósitos de armas na ría de Huelva).
Pero temos polo menos dúas evidencias de que os chamados depósitos votivos fluviais do Bronce Final poderían ser restos de enterramentos sub alveo para ocultar a tomba dun personaxe que, polos datos que figuran nos casos enunciados de Eurasia e nos costumes africanos, se se permite o paralelismo, tivo que ter a categoría dun rei, líder militar ou xefe.
- A primeira evidencia é que estes depósitos do Bronce Final se atopan preferentemente en vaos, bifurcacións, confluencias e mananciais, puntos que se veñen interpretando como lugares con connotacións especialmente liminais para as ofrendas, pero que dentro da hipótese que estamos a expor evidénciase que son puntos nos que é máis doado facer unha desviación temporal dun cauce fluvial para escavar unha fosa sepulcral ou construír unha cámara, ben polo menor caudal do río (no caso dos vaos e nacedoiros), ben pola posibilidade de desvialo por unha das ramas pechando o caudal da outra (nas bifurcacións, como se narra nunha das lendas sobre Atila) ou pola posibilidade de derivar o tributario por unha canle provisional trazada en diagonal cara o río principal (no caso das confluencias) o que permitiría deixar parte do cauce do tributario en seco para facer a fosa ou cámara funeraria.
- A segunda é a posible tomba atopada en 1954 no centro do cauce do Sil, en Santo Estevo de Ribas de Sil, cando se deixara en seco o leito do río para facer unha presa no proxecto de construción dunha central hidroeléctrica. Segundo o arqueólogo Almagro Basch o lugar do achádego era unha poza ou fosa natural do río chea de entullo arrastrado pola corrente. Segundo a nosa opinión, nesta poza natural teríase depositado o corpo (presumiblemente) mailo enxoval dun guerreiro, e logo se cubriría de pedra. Na interpretación de Almagro Basch considerábase que o entullo ou material de acarreo fora levado polo río e depositado na poza naturalmente, como tamén tería chegado accidentalmete á poza o corpo dun guerreiro coas súas armas (que cecais tería caído ó río); corpo e armas acabarían xusto no fondo da poza natural (nótese que neste suposto a poza tería que estar baleira) para logo ser cobertos polo acarreo, entullo e pedras arrastrados pola corrente. A hipótese de Almagro Basch non satisface a cuestión da estratigrafía deposicional dos elementos (panoplia de armas) na poza, propia dunha tomba, nen moito menos explica por que unha poza natural nun río ía estar baleira ata que recibiu o corpo e as armas dun guerreiro que quedaron no seu fondo, momento no que se comezou a rechear de pedras arrastradas polo río.
"Al realizar, en pleno mes de julio de 1954, excavaciones profundas, poco antes de quedar terminada la excavación, en una poza rellena de acarreos, situada casi en el centro del cañón del río, en la parte del cuenco de la presa, y que alcanzaba una profundidad de cerca de 4 m., un obrero encontró, al notar que había roto algo extraño, una punta de lanza. Observado esto por el capataz señor Rey, avisó al encargado de la obra, señor Oliden, y se procedió a excavar con cuidado la parte que quedaba de la poza, encontrándose entre ese día y el siguiente las cuatro piezas que forman este conjunto de objetos de bronce: dos puntas de lanza, una espada y una pieza menor o de adorno" (Almagro Basch: "Un nuevo depósito del bronce final hallado en San Esteban del río Sil", 1958).
"En resposta as dúas preguntas do arqueólogo poderiamos responder: branco e en botella?"
ResponderEliminar- Evidentemente, horchata.