Todo estaba dito sobre os Irmandiños, un todo cheo de lugares comúns, como que a revolta do campesiñado foi unha forma de deixar atrás o antigo réxime feudal medieval, como que o novo Estado moderno cos contratos de foro sobre as propiedades era máis xusto, ou que os Irmandiños non ían contra a Igrexa. Nun traballo de Barros Guimeráns podemos ler un resumo do balance final da Revolución Irmandiña: "todos los grupos, estamentos y clases sociales que se comprometieron, más o menos activamente, con la revolución irmandiña ganaron con la ruptura histórica que ella provocó, al pasar de la Galicia de las fortalezas, de la nobleza devastadora y de la renta puramente feudal a la Galicia de los pazos, de la hidalguía intermediaria y de los contratos de foro –no cuestionados por la práctica irmandiña–. Entre los que más ganaron, en condiciones de vida, trabajo y futuro, está el campesinado que consolidó su pequeña propiedad in secula seculorum".
Pois non te é tan así a historia, pero xa se sabe quen a escribe e quen redacta as súas conclusións. No ano 1486, teóricamente xa rematada a revolución e finiquitada a existencia da Irmandade e os seus alcaldes, nun mundo feliz e xusto gobernado polos Reis Católicos... topamos coa "querella criminal que o abade de Xubia, Antón López, formulou contra Fernán Mouro e os veciños da Graña de Brión, pois sendo vasalos do mosteiro, rebeláronse contra el, aconsellados de Fernán de Andrade, que lle permitiu [a Fernán Mouro] defendelos con armas, e, no momento no que un monxe compañeiro do Prior foi recoller as rendas, maltratáronlle e déronlle unha lanzada; e aínda por enriba, cando o Prior foi para alá facer averiguacións do feito, formáronse en batalla contra el e outros vasalos que levaba consigo, e a un Alcalde da Irmandade". Máis polo miudo o detalle da querella atoparase no libro 43 do Mosteiro de San Martiño de Xubia, ó que non temos acceso, só ó resumo.
Vese perfectamente que en 1486, tras deixar atrás o antigo réxime, o campesiñado segue a ser vasalo, xa non dos señores feudais, pero si da Igrexa, nunha situación na que as rendas dos foros eran seguramente abusivas. Vese tamén quen son os verdadeiros revolucionarios, os veciños de Brión, encabezados por Fernán Mouro e aconsellados e autorizados por Fernán de Andrade (a Casa de Andrade?). Os Alcaldes da Irmandade, os Irmandiños irredentos, que sempre se nos presentaron como revolucionarios, quedan reflictidos como unha especie de sicarios da Igrexa. Este era o novo réxime liberador? A quen lle deron gato por lebre? Ós de Brión non.
Libro de títulos y rentas pertenecientes al Monasterio de Jubia (Archivo Histórico Nacional), fol. 92v.
No hay comentarios:
Publicar un comentario