lunes, 1 de julio de 2024

A paisaxe de bocage de Trasancos no Visor de Valados de Galicia (Xunta de Galicia)

A paisaxe de bocage (denominación francesa tomada do estudo que o xeógrafo francés Abel Bouhier fixera da vella paisaxe agraria galega, aínda non superado por ningún investigador) é característica exclusiva do extremo noroeste de Galicia. As leiras, parcelas ou propiedades agrícolas, de forma cuadrangular, adoitan pecharse con sebes vexetais constituíndo unha paisaxe efímera e cambiante.

No Libro de arrendos que o mosteiro de Xuvia tiña en Trasancos (século XVIII) os colonos ás veces mencionan o feito de estar as propiedades "circundadas" con sebes vexetais; a sebe mixta que máis se menciona é a composta de salgueiros, ameneiros e loureiros, ou ben de salgueiros, ameneiros e silveiras (zarzas): "circundada sobre si con laureles, salgueiros y porción de ameneiros". Noutras descricións menciónanse peches diferentes, como muros de pizarra, ou un silveiral dunha banda máis un cómaro alto doutra. O peche vexetal sinxelo máis frecuente é o formado polas silveiras, que adoitan usarse no exterior da finca, máis tamén como división interna da mesma se é que está parcelada.

Chama porén moito a atención que o Visor de Valados da Xunta de Galicia non recolla na nosa zona nada máis que seis mostras da paisaxe de peches vexetais chamada de bocage, e que adique case o resto do corpus a peches inespecíficos formados con táboas e aramio. Destas seis mostras, dúas delas foron tomadas das imaxes aéreas do PNOA, e o que xa dá unha idea do poco esforzo adicado a esta tipoloxía paisaxística tan relevante é que nelas non se visualiza a característica parcelación cuadrangular do bocage. Nas restantes, están completamente ausentes exemplos de peches vexetais tradicionais formados polas especies arbóreas que vimos de indicar (salgueiros, ameneiros e loureiros) e toda explicación redúcese ó descritor "sebe de vexetación espontánea", identificándose só nun caso, como de casualidade, que se trata dunha silveira.

Nunha das mostras tomadas da fotografía aérea do PNOA vese un parcelario cuxa forma atípica en ángulo está determinada pola vía do tren e a carreteira.


"Bancal vexetado con vexetación [sic] espontánea".

"Sebe de vexetación espontánea (silveira)".

Será que xa non hai peches vexetais arbóreos na paisaxe de bocage de Trasancos? Habelos hainos, iso significa que non se molestaron moito en atopalos, ou en saber o que tiñan que buscar, que case é peor. Na fotografía de abaixo, cómaro e peche de salgueiros no concello veciño de San Sadurniño. O salgueiro tiña a utilidade engadida de que se podía usar como leña, e así se indica nun dos documentos do Libro de arriendos de Xuvia: "en el enunciado Beque, sauces para leña que en el cortan anualmente".

(C) Dolores González de la Peña.


No hay comentarios:

Publicar un comentario