jueves, 25 de julio de 2024

Suddene: Galicia e o Rei Horn

O romance cabaleiresco francés de Ponthus, fillo do rei de Galicia, e da bela Sidonia (s. XV) está baseado na historia do King Horn, concretamente no romance anglo-normando de Horn et Rimel (s. XIII). Imos comparar os principais corónimos que se mencionan nestas dúas fontes, que dan conta das relacións que, tamén na ficción, mantiveran entre si os tres reinos atlánticos de Galicia, Bretaña e Irlanda.

Le Royaume de Gallice, na primeira páxina do libro de Ponthus.

Galicia é denominada Reino de Galicia no libro de Ponthus. Ó ser atacada A Coruña (Couloigne) polos mouros (sarracenos), Ponthus, fillo do rei, parte cara Bretaña, onde coñece á Sidonia, filla do rei, e logo trasládase exiliado a Inglaterra e Irlanda por un tempo, antes de voltar á súa patria cunha armada bretoa para derrotar os mouros e restaurar o reino.

La Petite Bretaigne no libro de Ponthus.

No King Horn os corónimos son distintos, aínda que necesariamente teñen que nomear os tres reinos devanditos. Horn, orixinario de Suddene, ante a chegada dos mouros e a morte do seu pai o rei, embárcase cara Westernesse e logo pasa exiliado a Westir antes de voltar a Suddene, onde aniquila os mouros e restablece a cristiandade, "erixindo capelas e igrexas, ordeando que soen as campás e se canten misas".

Ilustración de Arthur Rackham do Hind Horn, balada popular anglo-escocesa baseada na lenda do King Horn. A princesa recoñece a Horn vestido de pordioseiro polo anel que este deposita na copa de viño.

Os investigadores do ámbito anglosaxón tentaron reducir os mouros ós vikingos, e Suddene a varios lugares do Reino Unido ou norte de Europa: a illa de Man, Sussex, Cornwall, South Devon, Roxburgh, o país de Suddene que aparece no Beowulf (R. Herzman, Graham Drake e Eve Salisbury), Dorsetshire (H.L.W. Ward), Surrey e Sussex (F. Michel) ou Escocia (Oliver). Westernesse foi ubicada en Cornwall (Ward), en Devonshire (McKight), na península de Wirral (W. H. Schofield) ou en Escocia (Oliver). E Westir na Irlanda. Mais a evidencia do libro de Ponthus, que fala claramente de Galicia, e mailo feito real da invasión musulmana da Península Ibérica, chegando a devastar parte da Gallaecia, non deixa lugar a dúbidas de que o corónimo Suddene do que partiu Horn / Ponthus designaba o Reino de Galicia, e de que Horn / Ponthus era un rei galego, ficticio, mais baseado en feitos reais.

Diane Speed no seu estudo "The Saracens of King Horn" (Speculum, 1990) indicara que as mencións ós sarracenos non eran alusións ós vikingos ou daneses, como se viña pensando inexplicablemente nos estudos adicados a esta cuestión no mundo anglosaxón, senón unha referencia real ós árabes, xa que a Península Ibérica foi parte do Islam dende o ano 711, e o califato musulmán de Córdoba gobernou na maior parte dela entre os anos 929 e 1031. Segundo Speed, un dos motivos centrais do King Horn, a loita contra os mouros, estaría tomado da épica das chansons de geste como La Chanson de Roland (s. XI), nas que se narraban os enfrentamentos dos reinos cristiáns do oeste de Europa contra os musulmáns.

A etimoloxía de Suddene derivámola, porén, ben do Old English suth ("as terras do sur"), ben do fráncico ou francés souldan ("as terras do sultán"), e sería un exónimo literario aplicado ó reino cristiano de Galicia na Idade Media anglo-normanda.

No hay comentarios:

Publicar un comentario