domingo, 29 de septiembre de 2024

Homes de pedra e etimoloxía de Manzaneda > Maceda

O experto en toponimia galega Vicente Feijoo Ares clasifica os nomes dos pedreiros chamados estantes (Serra da Queixa - cfr. a monografía que lles adica Emilio Araúxo), muradellas (cairn na Pobra do Brollón), mariolas, pedregais e moledros (Portugal), homes de pedra, homes mortos (segundo Quintía Pereira) ou santos de pedra, etc. entre os nomes de pedras que teñen que ver coa actividade pastoril, e concretamente alude á súa función orientadora, ó servir como guías dos camiños. No seu traballo limítase a recoller só tres dos seus nomes, A Menzón / Amanzón, Mariola e Moledro, e a especificar únicamente esta funcionalidade. Grazas á amabilidade de Gloria Sánchez Soto podemos engadir un outro nome á serie, trátase de home de pé, usado en Nogueira de Ramuín; nel mestúrase a idea da antropomorfización co aspecto ergueito e fixo dos estantes.

Mentras que a tradición de construílos ven de recuperarse sen lagoas na transmisión xeracional en Doade (Lalín - Pontevedra), en León perdeuse por completo "la tradición maragata de levantar columnitas con piedras pequeñas en los caminos de peregrinaje [...] las llamaban «hombres de piedra», pero ya no se recuerda su función" (Miguel Ángel González González, apud F. Alonso Romero en "Vestigios de cultos celtas al roble en las romerías gallegas", Anuario Brigantino, 2016).

Os estantes son construcións milenarias e importante patrimonio etnográfico, como os inukshut que construían os inuit para se orientar nas rutas de caza; o termo inuit significa "home de pedra", "de forma humana" (inuk = home, shuk =  figura, imaxe, forma). En italiano existen tamén termos que vencellan estas construcións de montaña á figura humana: ometto di pietra, omino di pietra e uomo di pietra. En Alemania chámanse steinmann. Na Irlanda, segundo Patrick Weston-Joyce, o termo fear-bréige aplícase a pedras ergueitas, ben naturais ou artificiais, que lembran o aspecto dun home (fear); noutra fonte encontramos que a forma anglizada Firbriggs alude a unha "figura humana falsa, artificial", unha morea de pedras elevada nun outeiro como sinal ou marca. Na República Checa Kamenný pastýř ou Kamenný muž significa "pastor de pedra" e "home de pedra", e ven sendo o nome dun menhir.

Estante no Curro da Mosenda. (C) "Ruta ambiental dos Vales Glaciares de Manzaneda" - Concello de Manzaneda.

Na zona de Manzaneda o nome que reciben os homes de pedra é o de menzón ou manzón. Localizamos o topónimo Menzón / Manzón preto do campamento romano do Penedo dos Lobos nas minutas cartográficas do IGN. Menzón / Manzón provén do étimo *a(r)manzón (latín armationem), desligada a vogal por terse interpretado como artigo. É probable, pois, que o topónimo Manzaneda > Maceda sexa un abundancial, motivado pola presencia masiva destes megálitos de sinalización (manzóns), logo vencellado por etimoloxía popular coas mazás.

Menzón nas minutas cartográficas do IGN, sobre o Penedo dos Lobos.

No Báltico os kummeli suecos, construídos na costa como sinais de axuda á navegación, considerábanse figuras humanas, e así se representaban nos gravados da Historia Gentibus Septentrionalibus (1555) de Olaus Magnus, aínda que na realidade só fosen, como os nosos, acumulacións de pedras.

Dous kummeli nos promontorios da costa báltica. (C) Historia Gentibus Septentrionalibus, de Olaus Magnus.

En Galicia a interpretación popular dos estantes como antropomorfos ven probada por algúns dos nomes que acabamos de ver: home de pedra e santo de pedra. Neste sentido, a primeira mención, aínda que cunha función delimitadora que puideron ter tamén os estantes, cecais sexa a dun documento do ano 982 no que se alude a un home de pedra como termo dos límites da aldea de As Maus (Os Baños - Bande): "[...] Martino de Calidas et feret in cima de uilla ad alio laco maior per suo liniolo ubi iacit efigiem hominis sculpta in petra que testificat de laco in laco". Hai quen pensa que este home de pedra do documento do ano 982 sería a famosa estatua do guerreiro de Rubiás, mais na delimitación territorial que se fai de As Maus cadra con que o citado inmediatadamente Castro de Vemes sexa o Castro da Croa de Lobosandaus, ou ben o de Pena Maior, entre os concellos de Cadós e Os Baños, que formaría os límites polo leste de As Maus (Asmanus), mentras que polo oeste As Maus (Asmanus) tocaría con Nugariola (actual Nigueiroá) e Sordos, segundo outro documento de 1069.

Mariola, co Gêres ó fondo, no trilho de pastoreo tradicional de Pitões das Júnias (Portugal). (C) Dolores González de la Peña, 2023.

O historiador Xabier Moure lémbranos os chamados Santiños de Tomonde (Cerdedo), parella de macho e femia, tamén construídos amoreando pedras. Tenos estudado Estanislao Fernández de la Cigoña, así como as pedras coñecidas como O Touzo e A Touza, situadas preto do marco da Portela de Pau (Faro de Avión). Todas elas foran utilizadas para provocar cambios no tempo atmosférico, segundo os rituais que detallan o devandito investigador máis Barandela, Lourenzo e Vázquez Varela noutro estudo; ben derrubando os santos, ben erguéndoos. Dos Santos da Porteliña de Tomonde deixounos o etnógráfo e escritor Calros Solla un interesante artigo cunha preciosa fotografía da parella, "As pedras que gobernan o tempo. II" (Faro de Vigo, 26/07/2015).

Vemos que a técnica construtiva dos santiños que gobernan o tempo, e mailo seu emprazamento na alta montaña (en portelas ou pasos), adoitan ser os mesmos que os dos cairns direccionais chamados estantes, homes de pedra, mariolas, etc. porén, pódese formular a hipótese de que ó redor destes monumentos puideron xurdir cultos ou rituais, como por exemplo sucede cos chörten tibetanos, construídos por unha grande variedade de razóns, como a subxugación de forzas diabólicas do entorno, que pode ser moi hostil, ou para propiciar beneficios á comunidade.

Como os chörtens, os santiños e homes de pedra hai que pasalos sempre pola esquerda, ou arrodealos no sentido das agullas do reloxo, e quen teña lido Tintín no Tibet saberá o acertado do consello.

_______________________________

Tipoloxía: os homes de pedra son o eslabón perdido das hermae dos gregos (mercurios viais dos romanos). Temos escrito sobre elas, e a súa relación cos amilladoiros, en Cara a cara con un lar vial.

No hay comentarios:

Publicar un comentario