viernes, 13 de septiembre de 2024

Xaniño e os feixós máxicos, mailos tesouros de Dagda - ATU 328

O tipo de conto marabilloso ATU 328 "The boy steels the giant's treasure" ten o seu expoñente máis coñecido na versión de "Xaniño e os feixós máxicos" ("Jack and the beanstalk"). Aínda que a planta de feixós pola que accede o neno ó reino do xigante é un elemento secundario e ata prescindible, nas versións máis recentes cobra moito protagonismo este método de acceso tan rechamante, e remata por configurar a forma típica do conto, pero non sempre foi así.

A primeira vez que atopamos o conto ATU 328 é sen a pranta, na historia de Dagda contida na obra irlandesa da Batalla de Mag Tuired (manuscrito Harleian do século XVI - British Library). Por este texto sabemos que o xigante Dagda, dos Tuatha Dé Danann, era posuídor de tres obxectos máxicos: un caldeiro sen fondo ou caldeiro da abundancia, que podía alimentar os comensais sen esgotárense nunca os alimentos; un grande báculo que podía matar e devolver a vida; e unha harpa máxica que voaba atendendo só á voz do seu amo, nela Dagda podía tocar unha música que influía nas emocións dos que a escoitaban, xerando tristeza, ledicia ou sono. A harpa de Dagda, roubada polos Fomorios, logo é recuperada polo seu dono empregando a maxia inherente ó obxecto: chamándoa polos seus dous nomes e tocando nela unha melodía que provoca que os enimigos caian nun profundo sono.

Xan o das fabas máxicas, ilustración de Ana Santiso.

Nas versións irlandesas do conto ATU 328 contidas na base de datos do folklore da Irlanda (School Collection - duchas.ie) pódese observar que o xigante tiña tres obxectos máxicos: unha galiña que puña ovos de ouro (inesgotable, como o caldeiro de Dagda), unha espada de luz e un harpa, que ó ser roubada por Xaniño adoita avisar ó seu dono dicindo "Señor, Señor, alguén está intentando roubarme!". Nalgunha outra versión tamén aparece unha alusión ó gran caldeiro do xigante, tan grande como unha montaña, no cal cociñaba os seus alimentos.

Paddy Normile do condado de Limerick, nado no 1879 ("A local variant of Jack and the beanstalk" - duchas.ie)

O roubo da harpa máxica do xigante permite estabelecer aquí unha relación entre os contos marabillosos e o que se ven considerando mitoloxía celta conservada tardiamente na literatura da Irlanda, e lévanos a propor unha cuestión ben difícil: os roles, elementos e formas de se desenvolver a acción que aparecen nos contos marabillosos populares estabelecidos por Propp (heroe, opoñente, axudantes, obxectos máxicos, a loita, etc.) que relación gardan cos elementos dos mitos? Segundo o investigador ruso nalgúns casos parece ben claro que os contos marabillosos anteceden ós mitos, mentres que noutros os mitos acaban xerando os contos marabillosos (Las raíces históricas del cuento, 1974, p. 386), e ata versións literarias cultas, como no caso do Gargantúa e Pantagruel de François Rabelais. O escritor francés baseouse na personaxe popular do xigante Gargantúa, que, como Dagda, era procaz, voraz e lascivo, para escribir no século XVI a súa sátira (Sébillot, Gargantua dans les traditions populaires, 1883). Dito doutra forma, é a narración das aventuras de Dagda na Batalla de Mag Tuired un mito ou un conto marabilloso inserido nun ciclo mítico?

No hay comentarios:

Publicar un comentario