lunes, 7 de octubre de 2024

A Ruña e o seu glaciar rochoso

O profesor Vidal Romaní ven de informar nun recente artigo de La Voz de Galicia da extraordinaria alfaia xeolóxica que albergan os montes da Ruña (Mazaricos), nada menos que un glaciar rochoso (non de xeo), único en Galicia polo seu excepcional desenvolvemento, e que se comezou a formar fai 135.000 anos.

Semella que o glaciar da Ruña corre perigo pola pretensión de Feroe Ventures & Investments (que mercou a antiga XEAL) de instalar no cumio do monte a balsa dunha central hidroeléctrica revertible, das que bombean auga dun embalse cara o alto cando a enerxía está barata (horas valle), para logo deixala caer e turbinala nas horas na que a enerxía está máis cara (horas punta). O proceso é totalmente absurdo dende o punto de vista ecolóxico do aforro enerxético, pois xérase a mesma cantidade de enerxía que se consumiu para producila. Isto non se lle ocorrería nin ó que asou a manteiga... a non ser, claro, que o único que se pretenda sexa o beneficio económico que se produce ó vender a enerxía así captada (en barato) ó prezo máis elevado das horas punta. Isto chámase acaparamento, e é unha práctica especulativa ilícita (pois recae sobre bens de primeira necesidade), non ten nada que ver coa ecoloxía.

Alá eles, que se escornen, así como os que lles permiten semellantes imbestments, con b de bestas. Eu limítome a advertir, dende unha pequena lección etimolóxica, de que o proxecto na Ruña non é viable, tal e como indica (avisa) o propio orónimo Ruña.

Evidentemente o orónimo Ruña, único en Galicia, está relacionado coa presenza deste glaciar rochoso, tamén único en Galicia. O seu étimo é o latín ruina, "derrubamento: dunha construción, ou dunha formación oroxénica". É indicativo, pois, de que o monte estivo sometido ó proceso visible de esboroamento periglaciar que constatou o profesor Vidal Romaní, o que fai inestable a súa superficie. Jules Guex na súa obra adicada á toponimia alpina explica por exemplo que Le Rogneuse e Le Rognoc son montes ou terreos que se esboroan, derruban, esborrallan (La montagne et ses noms, Lausanne, 1946). A expresión ruina montium (ruína dos montes) coñecémola polo historiador romano Plinio o Vello, que a describe como unha técnica de minería que provocaba o esboroamento dos montes.

Entón, agora semella que non é o glaciar da Ruña o que corre perigo, senón a balsa proxectada por Feroe Ventures & Imbestments. Non é a primeira vez que a toponimia avisa, sen que se lle preste atención, do inadecuado de realizar determinadas construcións nun lugar. Lembramos por exemplo que no ano 1962 a Riera de les Arenes, habitualmente seca, encheuse por causa dunhas chuvias torrenciais e provocou efectos catastróficos nalgúns barrios de Terrassa e na localidade de Rubí, nos que había construcións no propio leito da riera.


Pregamos encarecidamente a corrección do barbarismo Larruña que aparece na Enciclopedia Galega Universal da Xunta de Galicia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario