jueves, 24 de septiembre de 2026

Chave e Chavella na toponimia

Máis aló do topónimo Chaves (Portugal), que ten unha etimoloxía distinta e ben coñecida no latín Aquis Flaviis, "dos Flavios" (en relación co estatuto concedido polo emperador Tito Flavio Vespasiano á cidade), de cando en vez unha se atopa co enigmático topónimo Chave, que aínda que se coñeza o seu étimo (latín clavis, "chave") non está claro en que sentido se aplicou ó territorio.


A existencia do microtopónimo Chave da Regada, preto de Couso (Sarreaus), con ese determinante ("da Regada"), esclarece o uso do topónimo Chave nomeando unha parte dos sistemas hidráulicos de canalizacións construídas para regar os pasteiros. Estes sistemas estaban formados por varias canles (regas ou regadas) e un sinxelo mecanismo que abría ou pechaba as regas. Normalmente, ou polo menos o que vin eu, facíase botando terra nunha canle principal para obturala e desviar a auga a outra rega. O enxeñeiro agrónomo e comuneiro de Celas, Juan Castro, indícame que "nos prados de rega ou lameiros, empréganse non só terróns, senón tamén pedras para desviar a auga dende a canle principal, situada na parte alta en paralelo ás curvas de nivel".

No caso do topónimo Chavella (Dormeá - Boimorto) observamos que existía preto un sistema de canalizacións para rego, o que se deduce do microtopónimo Torna da Auga. É probable, polo tanto, que ese Chavella gardase relación cunha antiga regada que ata podería datar da Idade do Ferro, pois na paisaxe do entorno destacan os dous castros das Penas de Golán e do Coto da Roda, que se terían servido dela para regar os pasteiros do gando castrexo.


Segundo o estudo de Juan Castro, en xeral a rega dos lameiros utilizábase para protexer os pasteiros das xeadas invernais mediante a enerxía calorífica xerada pola auga en movemento a través das canles que percorrían os pastos; son reliquias ancestrais cun alto valor etnográfico, que están a ser valoradas e protexidas no norte de Portugal (rega de lima). No seu traballo atopamos o léxico que designaba os elementos que integraban estes sistemas, entre eles o termo xanza, "comporta de madeira ou de pedra que desvía parte do caudal da presa para os regos", e vanzao (banzado), que nos dicionarios de galego defínese como "represa que se hace en el río, de la cual arrancan las acequias de riego" ("Os lameiros de rega. Sistemas agrarios ancestrais de alto valor cultural, natural e paisaxístico", J. Castro Insua, J.E. López Díaz e V. Álvarez Valín, Agroexprés 2, 2016). Supoñemos que o topónimo Chave (Chave da Regada) sería equivalente do termo xanza recollido neste traballo.

Sistema de rega en Tras-os-Montes tomado do estudo de Pôças, Cunha e Pereira ("Pastagens seminaturais de montanha: lameiros, sistemas ancestrais no século XXI", Taller 2009).

No hay comentarios:

Publicar un comentario