miércoles, 11 de noviembre de 2026

Castro de Margá: do céltico Morigenos?


Nos mapas antigos (planimetrías e minutas do IGN) aínda se lía o nome que tiña o Campo da Feria de Momán (Xermade): O Mariñeiro, nome que xa coñeciamos pola nosa amiga Judit (Judiña de Lea), cuxa familia é orixinaria deste lugar. Non moi lonxe, atravesando Os Cobos por un vello camiño, chégase ó Castro de Margá (Guitiriz), que está a menos de dous kilómetros do Mariñeiro.

Relevo do Castro de Margá (Guitiriz).

A forma máis antiga do topónimo Margá aparece nun documento do ano 572 do Tombo Vello de Lugo, vencellado ó Parroquial Suevo, como Maragane, coa terminación propia do caso xenitivo: "Oritur ubi ingreditur Latra in Mineo et, ueniens ad Serra de Sancta Cruce, pertransit in directum ad Maragane ueniens ad Coruiti, pertransiens ad Castellum Aranga" (CODOLGA).

No ano 1202, xa perdido o -n- intervocálico, aparece mencionado nun documento de Monfero como Maragai: "et vilar de Sancti Iacobi et Vigo Mau et Maragai et vilar de Lia, et mea portione d´Espigaroa usque ad pena de Lea" (CODOLGA). A devandita forma continúa a empregarse ó longo do século XIII. Un documento de 1282 fálanos do Cast[r]o de Maragay: "outrosi outorgamos que dela mamoa dAffonssoerez atroes o Casto de Maragay non ffazã por lo Conçello nj̃ por lo Moesteyro cassas nj̃ pobranças ' Et este Lugar deue aficar parao laurar et parao paçer" (Corpus Xelmírez). Xa no século XIV aparece como "herdade que iaz en Maragaae ffijglesia de Sancta Maria de Laurada" (Corpus Xelmírez).

A secuencia consonántica do étimo, MRGN, non cadra coa antroponimia de orixe latina ou xermánica coñecida. De feito, unha procura na base de datos do CODOLGA mediante o comodín que substitúe un carácter (M?R?G?N*) só devolve resultados como o propio Maragane, Mauriganes (Dozón, ano 1100), Moroganus / Moraganus (Coimbra, ano 1101), Miragano (Xubia, ano 1113), Mirogono (Pedroso, ano 1128) e Maragani (Monfero, ano 1223). Todos eles compatibles con evolucións por asimilación e disimilación vocálica, do antropónimo céltico bitemático *Mor(i)genos, "nado do mar, mariño". Mor(i)genos, pola súa vez, é o étimo que orixina o antropónimo Morgan, Morgen, Muirgen, cecais Morgana (Morrigan - cfr. Torres Asensio 2003), etc. nas linguas celtas insulares.

Ámbalas dúas bases que integran o antropónimo *Mor(i)genos foron coñecidas e utilizadas polos pobos celtas da Península Ibérica. MER / MORI, "mar, lagoa, humedal", segundo Villar está na base do epíteto teonímico celta MARANDIGUI, e GENOS, "clan, familia, orixe", integra como segundo elemento varios antropónimos celtas como MEDUGENOS.

Nós pensamos que o fundador / posuidor do Castro de Margá tiña como nome nome propio unha forma provinte do antropónimo céltico *Mor(i)genus, "nado do mar / de orixe mariño", logo dobrado de xeito redundante no veciño topónimo do Mariñeiro. Cecais o seu nome tiña que ver con algunha lenda celtoatlántica sobre a orixe da familia fundadora do castro a partir dunha muller mariña ou serea (cfr. a lenda fundacional da liñaxe dos Mariño), ou cecais procedía dun lugar costeiro: segundo escoitou a amiga Judit, dicíase que os do lugar do Mariñeiro viñan de Viveiro... Outra lenda ben interesante sobre O Mariñeiro é que na casa familiar de Judit (propiedade do señor Domingo Nieto) había unha queixada de balea integrada na estrutura da vivenda como trabe! As lendas que transitan pola memoria dunha colectividade moitas veces parecen de antonte, e o mesmo teñen dous milenios.

Caben outras posibilidades para explicar o topónimo dobrado Margá / O Mariñeiro nun lugar que non está na costa, como as que nos indican Rosa Brañas e Marcial Tenreiro: o vencello toponímico do castro co mar pode ter unha explicación mítica. Entre os mitos sobre o mar agochados na toponimia e no folclore galegos atópanse por exemplo os pozos peagos, que se cre que se comunicaban co mar e funcionaban, polo tanto, como portas ó Outro Mundo. Entón é posible que o topónimo Margá / O Mariñeiro remita a lugares da xeografía sagrada. Neste sentido o epíteto teonímico xa mencionado, MARANDIGUI, segundo Brañas, podería aludir ó mar como elemento de comunicación co Alén.

Doutra banda, chama a atención a alta frecuencia do apelido Miragaya nas provincias de Lugo e A Coruña, o que amosa que podería proceder do topónimo Margá na fase Maragay - Miragay (con disimilación vocálica). Debo esta interesante aportación ó historiador e amigo Luís Torres.


Distribución do apelido Miragaya segundo o censo do INE.

domingo, 8 de noviembre de 2026

Coto de Outor (Monterroso)

 

No concello de Monterroso, entre A Lucencia e Cumbraos, elévase un pequeno coto chamado na cartografía antiga Coto d'Outor, que é un orónimo derivado do latín altus, -a, -um mediante o sufixo masculino -or, hoxe obsoleto e que servía para formar sustantivos a partir de adxectivos (grosor, dulzor...). Equivale ó máis corrente Outeiro < altarium, formado co sufixo -arius, -aria, -arium aplicado ó mesmo adxectivo.

Nos primeiros dicionarios de galego recóllese, de feito, o termo outor coa definición de "altura, altitude, altor, elevación" (Filgueira Valverde, Tobío, Magariños e Cordal 1926; Carré Alvarellos 1928-1931; Ibáñez Fernández 1950).

A tendencia neste sintagma preposicional Couto d'Outor é, como se ve, a formar unha soa palabra *Coto Doutor; desta contracción procede o microtopónimo Sitio Doutor / Sitio de Doutor, recollido no vaciado da toponimia do Libro Real de Leigos da Coruña polo usuario "Giannini" na web Celtiberia.net ("Microtoponimia gallega: un ejemplo coruñés", 2008).

A confluencia por semellanza co termo doctor, procedente do latín doctorem, "mestre" > "médico", é inevitable, polo que é moi posible que algún topónimo como Segovia del Doctor (Membribe de la Sierra - Salamanca) teña sido en realidade un lugar chamado *Segovia de Outor.

De mesma familia son os topónimos asturianos Outur / Otur (Valdés) e El Valle Otura (Monsacro), co sufixo feminino -ura. Mailo diminutivo Outorelo (Monforte) e Outurela (Oeiras - Lisboa), que me indica Francisco Santos, do grupo de Facebook Toponímia / Toponymy.

martes, 3 de noviembre de 2026

Avelaíñas, bruxas e vampiros: a inmortalidade da alma animal

"Os Sete Dormentes" son sete bechiños ou animaliños que no folclore dalgúns países, como Irlanda, se agrupan neste conxunto por ter en común unha característica peculiar que non é que sexa moi científica: o pobo considéraos como resucitados, renacidos ou aparecidos. Dunha análise dos animais considerados Seven Sleepers deducimos que ou ben pertencen ó tipo dos que hibernan e desaparecen durante uns meses ó ano, ou son animais que migran (e tamén desaparecen uns meses, para logo voltar), ou son dos que se transforman, metamorfoseándose aparentemente noutro bechiño (en realidade é o mesmo becho pero adquire unha forma moi distinta). Tamén algún dos Sete Dormentes, como a curuxa, é de costumes nocturnos.

A aparente resurrección / reaparición ou a transformación destes bechiños xerou no pensamento popular a crenza de que probaban a inmortalidade: a morte-resurrección ou a morte-reencarnación. De feito a lenda haxiográfica medieval de "Os Sete Dormentes de Éfeso" parte desta premisa; nace seguramente a partir do folklore animal, xa que logo os sete santos dormentes hibernan nunha cova durmindo durante douscentos ou trescentos anos, como se fosen osos. Sen que se soubese explicar ata o de agora, na introdución dunha variante da lenda atribuída a Gregorio de Tours, menciónanse as abellas como punto de comparación cos sete santos.

Na Irlanda as listas de animais que integran a categoría dos Sete Dormentes poden variar bastante, pero hai algúns que se repiten en todas. Na base de datos do folklore de Irlanda (dúchas.ie) atopamos entre os Seven Sleepers: a abella, o morcego, a bolboreta, o escaravello (1), o porco espiño, o cuco, a anduriña, a curuxa... No Ulster un Seven Sleeper é a avelaíña, á que tamén chaman bat (termo que en inglés se aplica só ó morcego) - cfr. The Hamely Tongue, de James Fenton. Esta indiferenciación entre avelaíña e morcego (bats) autoriza a supoñer que no resto de Irlanda tamén tería sido deste xeito. E quen non vexa semellanzas entrámbolos dous, que pase polo meu balcón a ver se distingue que bechiño habita entre os seus ferros... Eu non me atrevo a mirar!



En Galicia non usamos a etiqueta de "Os Sete Dormentes", pero está claro que a abella, a avelaíña, o escornabois e a curuxa comparten cos Seven Sleepers irlandeses esas características especiais que fan que estes animais aparezan arrodeados de varias crenzas supersticiosas, comúns a ámbolos dous pobos. Concretamente a avelaíña (moth ou bat irlandesa) considérase unha alma reencarnada que ven do Alén a traer noticias ou a pedir axuda para saír do Purgatorio, ou que trae un agoiro de morte, se é de cor preta. No fío sobre a avelaíña (Facebook de "Orgullo Galego") indícase nalgúns comentarios que outro dos  nomes que recibe no país é o de bruxa (Eo-Navia e Baiona). Quedémonos con este importantísimo dato.

No conxunto do folklore dos eslavos do sur a avelaíña é a forma que poden adoptar seres sobrenaturais como o krsnik, as moras e as bruxas. Os termos vještica (bruxa) e vukodlak (lobishome) son tamén os nomes que recibe a Acherontia atropos, a avelaíña caracterizada por ter no seu tórax un deseño como de caveira humana (v. Susana Marjanic, "Croatian folklore notions of the post-mortal and cataleptic soul", 2019). Na opinión de Marjanic, trátase dun caso de zoometempsicose, aínda que nós destacamos pola nosa parte que a avelaíña, o bechiño elixido para a transformación da bruxa, é precisamente un dos que experimentan procesos completos de metamorfose (holometabolismo), como a abella, a formiga, a mosca ou o escaravello (todos eles considerados da familia dos Seven Sleepers). A avelaíña especialmente é símbolo do renacemento e transformación, e a súa simboloxía cobrou especial relevancia no famoso filme O silencio dos cordeiros (Demme 1991).

Acherontia atropos na carátula do DVD do filme O silencio dos cordeiros. O debuxo da caveira no tórax da avelaíña presenta a particularidade de que reproduce a obra "In Voluptas Mors" (na voluptuosidade atópase a morte), de Salvador Dalí e o fotógrafo Philippe Halsman (1951): unha fotografía de corpos de mulleres espidas dispostos formando unha caveira.

En Galicia, como en Croacia, certos tipos de avelaíñas de grandes dimensións e cores escuras son consideradas a metamorfose dunha bruxa: o nome de bruxa que aínda recibe nalgunhas partes do país, máis a súa calidade de seren almas reencarnadas, sosteñen esta idea.

Tamén chamamos a atención sobre o nome eslavo da bruxa, vještica, que lembra ó de huéstiga / güestia, un dos nomes da Compaña ou Santa Compaña. Normalmente a etimoloxía de güestia vencéllase ó latín hostis, "enimigo, exército", mais a posibilidade de que a Compaña fose unha xuntanza de bruxas, antes que unha simple comitiva de defuntos, como sinalaramos hai dous anos ("Voo nocturno", Arqueotoponimia 2024), obriga a repensar a etimoloxía de güestia a partir da base indoeuropea *weyd-, "ver, coñecer", á que remite a trazabilidade da raíz croata e serbia vješt / vešt, "experimentado, experto, sabio". A vještica e a güestia ou huéstiga serían, ámbalas dúas, bruxas no sentido de mulleres sabias ou videntes.

Todas estas notas condúcennos de novo á personaxe de Drácula, do escritor irlandés Bram Stoker. Como xa adiantamos nunha entrada anterior ("Van Helsing contra Romasanta", Arqueotoponimia 2026), o conde foi deseñado por Stoker como lobishome (vrkolak), utilizando probablemente (entre outros elementos) o material do relato do doutor Durand de Gros sobre o caso do serial killer galego Manuel Blanco Romasanta. O feito de que popularmente se pense que a natureza primaria de Drácula era a de ser un vampiro (morcego) é resultado dunha mistificación moderna, na que non se ten en conta a transformación ou metamorfose que bruxas e homes lobo podían operar nos seus corpos á vontade, adoptando a forma de avelaíñas / morcegos (bats,  vještica): animais máxicos pertencentes á categoría dos Sete Dormentes, por elo supostamente inmortais ou "non mortos", como o conde Drácula e as nosas avelaíñas / bruxas.

__________________________________________________

(1) É ben coñecido que o escaravello tamén é entre os exipcios símbolo do renacemento.