Toponimia prerromana, hidronimia paleoeuropea, etnografía, megalitismo e arte rupestre. Se chegaches aquí por Google e non te levou á entrada que procurabas, volta a repetir a búsqueda dende Bing! ou usa o buscador interno do blog. Grazas!
miércoles, 11 de noviembre de 2026
Castro de Margá: do céltico Morigenos?
domingo, 8 de noviembre de 2026
Coto de Outor (Monterroso)
No concello de Monterroso, entre A Lucencia e Cumbraos, elévase un pequeno coto chamado na cartografía antiga Coto d'Outor, que é un orónimo derivado do latín altus, -a, -um mediante o sufixo masculino -or, hoxe obsoleto e que servía para formar sustantivos a partir de adxectivos (grosor, dulzor...). Equivale ó máis corrente Outeiro < altarium, formado co sufixo -arius, -aria, -arium aplicado ó mesmo adxectivo.
martes, 3 de noviembre de 2026
Avelaíñas, bruxas e vampiros: a inmortalidade da alma animal
"Os Sete Dormentes" son sete bechiños ou animaliños que no folclore dalgúns países, como Irlanda, se agrupan neste conxunto por ter en común unha característica peculiar que non é que sexa moi científica: o pobo considéraos como resucitados, renacidos ou aparecidos. Dunha análise dos animais considerados Seven Sleepers deducimos que ou ben pertencen ó tipo dos que hibernan e desaparecen durante uns meses ó ano, ou son animais que migran (e tamén desaparecen uns meses, para logo voltar), ou son dos que se transforman, metamorfoseándose aparentemente noutro bechiño (en realidade é o mesmo becho pero adquire unha forma moi distinta). Tamén algún dos Sete Dormentes, como a curuxa, é de costumes nocturnos.
A aparente resurrección / reaparición ou a transformación destes bechiños xerou no pensamento popular a crenza de que probaban a inmortalidade: a morte-resurrección ou a morte-reencarnación. De feito a lenda haxiográfica medieval de "Os Sete Dormentes de Éfeso" parte desta premisa; nace seguramente a partir do folklore animal, xa que logo os sete santos dormentes hibernan nunha cova durmindo durante douscentos ou trescentos anos, como se fosen osos. Sen que se soubese explicar ata o de agora, na introdución dunha variante da lenda atribuída a Gregorio de Tours, menciónanse as abellas como punto de comparación cos sete santos.
Na Irlanda as listas de animais que integran a categoría dos Sete Dormentes poden variar bastante, pero hai algúns que se repiten en todas. Na base de datos do folklore de Irlanda (dúchas.ie) atopamos entre os Seven Sleepers: a abella, o morcego, a bolboreta, o escaravello (1), o porco espiño, o cuco, a anduriña, a curuxa... No Ulster un Seven Sleeper é a avelaíña, á que tamén chaman bat (termo que en inglés se aplica só ó morcego) - cfr. The Hamely Tongue, de James Fenton. Esta indiferenciación entre avelaíña e morcego (bats) autoriza a supoñer que no resto de Irlanda tamén tería sido deste xeito. E quen non vexa semellanzas entrámbolos dous, que pase polo meu balcón a ver se distingue que bechiño habita entre os seus ferros... Eu non me atrevo a mirar!






