Menhir de Fornoucos enfiando Punta Campelo. (C) Andregoto Galíndez, 2021.
Toponimia prerromana, hidronimia paleoeuropea, etnografía, megalitismo e arte rupestre. Se chegaches aquí por Google e non te levou á entrada que procurabas, volta a repetir a búsqueda dende Bing! ou usa o buscador interno do blog. Grazas!
domingo, 14 de marzo de 2021
Menhir mariño en Fornoucos (Coto da Modia - Vilasuso, Narón)
martes, 9 de marzo de 2021
Dona Mariña, Sedna e a Mermaid
A María Alonso Echanove
Sedna é un ser mitolóxico inuit (ou mellor, un espíritu mariño), é "a muller que non quería casar", e aínda así casou cun can, co que tivo ós Qallunaat, ós canciños (Qudlunait) ou cachorriños ancestros dos europeos (H. Newell Wardle: "The Sedna Cycle: A Study in Myth Evolution", American Anthropologist, New Series, Vol. 2, No. 3, 1900, pp. 568-580). Para os inuit nós somos descendentes de Sedna. E nós tamén gardamos a privilexiada memoria delo, como veremos.
Sedna é como a Mermaid irlandesa, medio peixe medio muller. Na base de datos do Folkore da Irlanda (duchas.ie) hai unhas 900 lendas e transcricións sobre a Mermaid: o seu vínculo coas focas, a capiña de pel de foca que a cubre e que lle resta poder perdela, as membranas entre os dedos, o seu matrimonio case forzado cun home do lugar, o seu carácter de ancestro dalgunhas familias irlandesas, maiormente daquelas que levan o "Mac" ou o "O" nos seus apelidos. A Mermaid adoita peitear os seus longos cabelos cun pente de cuncha, aínda que o paralelismo con Sedna no relato inuit non é aquí tan chamativo: Sedna non pode peitearse, ó non ter dedos, e é o xamán o que vai peiteala nunha das súas viaxes ou estados de consciencia alterada (trances) para tranquilizala e favorecer o retorno da caza, que ía escaseando cecais por ter violado algún tabú imposto pola muller mariña inuit. É curioso que a Mermaid tambén impón condicións para a convivencia cós humáns (non matar focas, por exemplo), máis sempre acabamos por incumprilas...
O seu aspecto e o seu carácter de ancestro xenealóxico volvémolo atopar na figura da "molher marinha" da lenda galega, a única que temos, que conta a orixe da familia Mariño. Abel Lorenzo Rodríguez estuda a relación entre Dona Mariña e a Mermaid, pero para o autor a cualidade de ser estas lendas mitos atlánticos fundacionais de estirpes queda circunscrito a unha xeografía atlántica limitada a "las Islas Británicas hasta la costa de Noruega pasando por Bretaña y especialmente en Irlanda donde se han catalogado numerosos relatos nobiliarios relacionados con el motivo de la Seal Woman" ("Hijos del mar. La sirena en el mito fundacional de los Mariño", Cuadernos de Estudios Gallegos, 2019). Non se albisca, pois, nada da Sedna inuit.
Nós, pola nosa parte, pensamos que efectivamente trátase, como expón Lorenzo Rodríguez, dun mito atlántico xenealóxigo (fundacional, cosmogónico ou da creación), ó que engadimos que probablemente espallouse dende Galicia polo Atlántico Norte no Holoceno, ó finalizar a última glaciación fai 10.000 anos, cando aínda viviamos como inuits adicados á caza e á pesca.
A consideración da muller mariña como encantada (Tenreiro Bermúdez: "A lenda melusínica no folklore galego: apuntamentos sobre o culto e o popular") vería dada, entón, por ser un ser espiritual có cal só era posible a comunicación na prehistoria mediante as técnicas de éxtase que levaban xunto dela ós xamáns.
(1) Os investigadores Israel Barandela Ribero e José Manuel Lorenzo Rodríguez enlazan a lenda melusínica e a divindade feminina mariña (Venus), e consideran que Santa Mariña é a versión cristianizada deste vello culto pagán: "El culto a Santa Mariña en el norte de la Península Ibérica y sus conexiones con la Europa Atlántica", Porta da aira: revista de historia del arte orensano, 13, 2011.