jueves, 29 de abril de 2021

Espazos sagrados: os pomeria castrexos

Neste proxecto realizado có Google Earth (e que só se pode ver có Google Earth, aínda que é prescindible velo) amoso a situación dos marcos de Bezoucos, sempre á veira dos castros, nos cruzamentos das liñas trazadas polos camiños perimetrais que arrodeaban os asentamentos castrexos. É por isto que supoñemos que estes marcos e a súa situación datan da Idade do Ferro; foron os bornes ou términos que sinalaban o contorno dos pomeria castrexos (os límites sagrados, fundacionais, dos espazos de habitación). De aí ven probablemente o seu carácter sacro, que pervive aínda nos cultos litolátricos (cristianizados, ás veces) que se lles profesan, como supersticións pagás de longa duración.

Non se trata, polo tanto, dunha mera utilización dos marcos dos deslindes parroquiais que poderían datar da Idade Media en adiante, xa que, logo, a súa disposición artéllase nos espazos que configuran os pomeria dos castros.

https://earth.google.com/earth/d/1v5s0_uUBitQPJDrmJyc24qMxVmD24IWt?usp=sharing

  1. Marco do Salto (Cabanas) - Castro do Pico do Castro
  2. Marco da capela de San Marcos (Magalofes / Sillobre) - Castro do Coto das Modias
  3. Marco de San Lourenzo (Limodre) - Castro de Prismos
  4. Marco de Lodairo (Caamouco) - Castro da Toupeira ou de San Xoán de Piñeiro
  5. Marco da capela de San Vitorio (Franza) - Castro de San Vitorio


O caso máis craro toponímicamente é o do castro do Coto das Modias, cuxo circuíto pomerial conserva o nome de Camiño da Areosa. Nunha das súas encrucilladas atopamos o microtopónimo San Marcos, que podería indicar o lugar onde estaba o antigo borne, hoxe cristianizado e trasladado á traseira da capela que evidentemente non ten esa advocación polo evanxelista San Marcos.

Segundo Du Cange, unha das acepcións de area é a de pomerium: "Pomerium, Area, locus vacuus et publicus". Ademáis ten outra acepción, estreitamente ligada a estes espazos sacros nos límites, a de cementerio. Na nosa opinión, o topónimo Areosa aquí indicaría a zona colindante có pomerium ou aream do antigo castro, e non gardaría relación cóa calidade areosa das terras (latín arenam).

A testemuña máis antiga da sacralidade e ritualidade ó redor dos bornes fundacionais ven referida na historia etrusca, falando das chamadas petras manales (vencelladas ós manes ou devanceiros). Eran levadas rodando como cilindros polo límite da cidade cando se precisaba chuvia: "id est quas solebant antiqui in modum cilindrorum per limites trahere pro pluuiae commutandam inopiam" (Fulgentius, s. V).

martes, 27 de abril de 2021

Tareixa do Ceo: a Cincenta en Moeche

Cecais o elemento que define mellor o conto popular de Cincenta é o zapatiño (de cristal), a súa perda no medio dunha persecución ou fuxida, e o feito de que polas súas dimensións sexa posible atopar á súa dona. Polo motivo do diminuto zapatiño chegouse á conclusión de que no conto chino de Ye Xian se atopaba a orixe da Cincenta europea, xa que nesta cultura é moi relevante a simboloxía vencellada ó pequeno tamaño antinatural dos pés das mulleres, como indicador do seu elevado estatus na xerarquía social. Mais como se encarga de aclarar Mila Moioli (Ye Xiang and her sisters. The role of a Tang story in the Cinderella cycle, 2018), os pés da protagonista Ye Xian non podían ser pequenos, o que lle impediría camiñar e atender as tarefas propias dunha labradora; logo o conto non pode ter orixe chinesa ó seren o zapatiño dun tamaño ben normal. O zapatiño, así, ven considerándose dentro da análise que fai Propp dos contos maravillosos, un mero obxecto máxico, é dicir, que non tería unha xustificación dende o mundo real, mais posibilitaba o avance da historia, ás veces de forma miragrosa.

Imos completando a serie de contos populares e maravillosos coas súas impredecibles versións galegas (Carapuchiña vermella = A peeira dos lobos, Barbazul = O siñor el rei e a vella, A sereíña = Dona Mariña) ofrecendo agora a versión de Cincenta, que como nos casos anteriores conserva moito mellor as trazas da súa orixe prehistórica e explícanos perfectamente o motivo do zapatiño, de ónde xurde a necesidade de incluir este elemento aparentemente tan extraño no conto.

A lenda galega de Tareixa do Ceo atópase nunhas notas que recolleu Santiago de la Iglesia en 1893 nunha visita a Moeche, logo usadas pola súa irmá Eladia para redactar un conto inédito (Tareixa do Ceo: leyenda del castillo de Moeche, manuscrito no Arquivo Galiciana). A lenda ambiéntase no castelo de Moeche a finais do feudalismo no momento en que se desenvolven as Guerras Irmandiñas. 

Tareixa, orfa de nai, é filla dun labrador acomodado do val de Lamas. O señor do castelo préndase dela e, aínda que a nena se opón xa que está namorada de Xaniño (pobre labrador có que se criou dende que era nena), ordena o seu rapto. Ó ser arrebatada polos homes do señor feudal, é conducida primeiro a unha cova, e logo a unha pequena dependencia pechada do castelo. No camiño Tareixa perde unha zoca. Días despois o seu canciño, xa recuperado das feridas, atopa a zoca e lévaa para casa. Xaniño e mailo can adícanse a buscar a Tareixa. Xaniño achégalle a zoca ó can: "Busca!". O canciño olfatea a zoca e vai seguindo o rastro ata o castelo. Por medo ó lume prendido polos Irmandiños, que nese intre queimaban o castelo, e temerosa do futuro que lle esperaba ó servizo do señor feudal, a prisioneira Tareixa pídelle axuda á Virxe: "Nosa señora, ven e váleme!". Pola mediación da Virxe o corpo de Tareixa cae fulminado no chan, e alí quéimase, mentras que a súa alma ascende ó Ceo.

Zocas no museo de Grandas de Salime. (C) Dolores González de la Peña, 2017.

Vemos entón como se adapta a estrutura do conto ATU 510A ás nosas particularidades culturais, por exemplo ó amosar o zapatiño (de cristal nas versións máis modernas) coa forma dunha antiga zoca tradicional. O máis importante é que no desenvolvemento desta versión conservamos a xustificación da presenza da zoca no relato maravilloso de Cincenta, o zapatiño non é o símbolo da muller e da súa sexualidade (nas interpretacións freudianas do obxecto): o calzado é a prenda persoal que sirve para rastrexar polo olfato, e que viu substituír seguramente o rastrexo do simple cheiro e das pegadas cando íamos espidos e descalzos. Estes dous elementos, o cheiro e a pegada na persecución dun rastro, da caza, lévanos a tempos moi recuados da nosa liña evolutiva como especie.

Non é menos importante a aparición dunha divindade feminina no auxilio de Tareixa-Cincenta, que ven sendo a fada madriña da versión máis coñecida. E... eu tampouco deixaría de lado ós Irmandiños, que poderían ser unha adaptación do recordo lonxano das tribus ou clans prehistóricos habitantes das covas (como a cova á que é conducida Tareixa). En fin, Tareixa do Ceo ven sendo a lenda da máis antiga Cincenta, que perdeu unha zoca, grazas a cal foi atopada a súa propietaria, aínda que convertida en cinzas.

domingo, 18 de abril de 2021

La transición en Ferrol (2001), de Enrique Barrera Beitia

O libro que vou comentar é un deses libros que só se podería ter publicado nunha cidade como Ferrol, vella vila de provincias carcomida polo medo e o rencor, na que todos somos "Sospeitosos habituais", como na película.

En xeral é un libro de cotilleos onde non queda títere con cabeza e morre ata o apuntador. Os bos e xenerosos convértense en malos por obra e graza da manipulación do autor, e os malos en boísimos (ou nin se fala deles); isto sucede con algunha frecuencia ó longo da obra, e unha xa non sabe que é certo e que non. A modo de exemplo, que credibilidade ten o autor cando di que nunha foto cuxo fondo está tan escuro que non se distingue a ninguén, está sentado, e para máis INRI complemetamente oculto tras un periodista, Fulano de Tal que foi visitar a Fraga a Perbes? Eu non o vexo; e se non o vexo, non o creo.

O máis chamativo do libro é quen non sae nel. Certamente resulta moi interesante ver, por exemplo, que non sae o que fora delegado do Goberno en Galicia, logo director da Guardia Civil; suxeito que a Barrera lle daría para explaiarse moito máis nun dos temas transicionais ferroláns típicos que desenvolve no libro, o do grupo de falanxistas do que tería formado parte, que saían de noite a facer batidas para moer a paos ós "rojos y maricones" armados duns nunchakus (fonte: escoiteno eu mesma en varias ocasións). Cecais Barrera é aquí cauto ó non dispor de testemuñas e probas? Non é tan sinxelo.

O segundo máis relevante é quen sae sempre ben parado no libro: todo o estamento militar do posfranquismo, que resulta que, unha vez morto Franco, abriuse pouco a pouco á sociedade dunha forma modélica e exemplar, dando cursiños de galego nas súas asociacións, admitindo ós fillos de civís nos seus colexios, renunciando ós seus privilexios, etc.

Dándolle á volta ós versos de García Lorca queda claro que Barrera é blando con las espuelas e duro con las espigas. Sométese á vontade dos poderosos dándolles o que queren escoitar, regalándolles os ouvidos, e ocultando o que non queren que se saiba, empregando para elo un falso envoltorio de esquerdas que cae á primeira análise. 

Veño de chegar á conclusión de que Barrera, polo seu proceder, é unha toupia infiltrada entre os ideólogos de esquerdas da bisbarra cunha crara misión intoxicadora, ou sexa, manipuladora da realidade (non só tería a labor típica de toupia que se limita a dar o soplo). A súa estratexia de demolición das bases conceptuais da esquerda pode comprobarse lendo a defensa inmoral e torticeira que fai do persoeiro Amancio Ortega (Amancio Ortega y el árbol que no deja ver el bosqueGalicia Ártabra Digital, 18 de maio de 2020).

Para que eu me meta a falar destes libros de pseudohistoria actual ten que pasar algo... E así é: neste caso o Barrera Beitia tocoume unha febra familiar e ideolóxica, pois indicaba no seu libro que un dos meus tíos estivera no 68 en Francia, pagado polo franquismo, estudando na Sorbona e vivindo a todo trapo có obxectivo de infiltrarse entre os estudantes comunistas, localizar a Rafael Pillado e delatalo. Nunha operación que, segundo o autor, foi das más ambiciosas da época. Digna, supoño, de que a novelara John Le Carré. E que probas ten ou presenta o historiador da transición? Nengunha. Conta, se entende, coa declaración que fixo Caladiño (o actor de "Sempre Xonxa") na comisaría, cando foi buscar o pasaporte para reunirse có meu tío en Francia. Caladiño falou, operouse a miragre ante a presión que sufriría, e confesou unha rocambolesca historia que o deixaba ben parado. É comprensible. O que xa non é xustificable é a realidade que constrúe Barrera coa confesión de Caladiño obtida baixo presión. E moito menos, a súa negativa a concedernos o beneficio da dúbida, cando rexeitou falar con miña aboa despois de que saíra o libro.

O meu tío, socialista de carné, logo casado cunha socialista ben célebre, estivera en Francia no 68 sobrevivindo de calquera forma, e ó mellor ata pisou a Sorbona nalgunha ocasión para participar nalgún mitin dos estudantes. Con el estivo o seu amigo o Príncipe Galín, rebelde bohemio da época, comunista de pro e amigo de Rafael Pillado. Como é posible que ámbolos dous quixesen delatar a Pillado ou cousa semellante? Asimesmo, como se entende que eu, a sobriña do suposto infiltrado franquista, colaborase ata a extenuación con Pillado na coordinación dos primeiros movementos cidadáns en contra da ubicación no interior da ría de Ferrol da Planta de Gas de REGANOSA? Daquela organizara varios concertos (Miki Nervio & The Bluesmakers, McKuin), recitais de poesía (Eva Veiga) e xogos populares que animaban o entorno da Praza de Armas mentres Xaime Quessada pintaba o seu mural a prol da vida. Entón case nengún cidadán participaba na plataforma contra a Planta de Gas: tiñan medo de perder o seu posto de traballo polas represalias que se podían tomar, derivadas dos contactos entre Toxeiro (GADISA), a Xunta de Galicia e os estamentos que detentaban o poder na cidade. Eu mesma perdera o meu traballo na Estación Naval da Graña como profesora de Lingua Española, a pesar do aperturismo que caracterizou sempre á casta militar posfranquista, segundo Barrera Beitia.

(C) Dolores González de la Peña, 2021.

Unha mostra da inexistencia dun procedemento investigador e de contraste de fontes na metodoloxía que emprega o historiador Barrera Beitia pode atoparse nun dos exemplares da Revista de Fuco Buxán onde publica unha fotografia das esvásticas das reixas dos xardíns de Capitanía (Ferrol). Segundo el son nazis. Probas que aporta? Nengunha. En realidade as reixas datan de 1898, ano da construción dos xardíns. Calquera que se moleste en investigar poderá atopar fotografías da época coas mesmas reixas e as esvásticas.

miércoles, 14 de abril de 2021

Os Maios en Galicia. Descrición do festival dos Maios e Maias en torno a 1870.

Transcrición dalgúns textos do manuscrito sobre Os Maios en Galicia, no cartapaz de Alfredo de la Iglesia (Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia - Fondos da Real Academia Galega).

Trátase do primeiro estudo sobre os Maios en Galicia, aínda que permanece inédito. Grande parte del foi empregado por Inzenga no seu estudo Cantos e bailes populares de España. Galicia (1888). Do manuscrito entresaco a descrición xeral do traxe dos Maios e Maias (dos Maios humáns ou viventes, exclusivos do noroeste do noso país), e as particularidades do festival en catro concellos: Monforte, Pontedeume, A Coruña e Ferrol. O autor tamén describe en detalle os Maios en Santiago, mais preferimos non trasladar o fragmento correspondente por coincidir en gran parte có dito para os outros concellos. Ó final van algunhas cobriñas que se cantaban nos Maios e que recolleu de la Iglesia vencellándoas ó culto do deus Príapo.

Maio sobre andas feito con fiuncho (Canido - Ferrol). (C) Andregoto Galíndez, 2015.

  1. Una vez elegido el rapaz que ha de hacer de Mayo, y recogidas, por grado o por fuerza, el fiuncho (hinojo), espátulas de lirios (espadanas) y toda clase de flores símbolo del mes de los amores, se procede a la confección de su traje: se enhebran o ensartan en un bramante frondas de hinojo, espadañas y ramas de rosa lunaria y otras ramas floridas, y a falta de estas nunca faltan las de los nabos y las del saúco, que abundan por todas partes. Esta ristra constituye la rica y aromática faldamenta del joven histrión. Del mismo modo se teje una a modo de esclavina o capisayo para cubrir sus hombros y que desciende hasta más abajo de su cintura. Únense por sus cabos varias frondas atándoles un penacho o búcaro de las mejores flores, y a falta de este, una cruz improvisada con ramas para formar su coroza, de suerte que sus verdes flecos oculten por completo el rostro [...], y con su tirso de flores a manera de Baco ya está nuestro Mayo en disposición de recorrer las calles del vecindario cantando: "Cantarán ó Mayo", a cuya voz de llamada va respondiendo el coro de sus compañeros: "E máis ben cantado!".
  2. En Monforte el traje de Mayo se compone de quimas delgadas de los árboles negrillo (álamo montano) y amieiro (alnus glutinosa) y betula pendula, pero siempre revestidas de flores.
  3. En Puentedeume hay Mayo de niños y de niñas: ambos van sentados sobre unas andas a modo de palanquín en hombros de cuatro jóvenes de doce a catorce años (o a pie y también bajo de un arco de flores). El primero es un niño de cinco años vestido de blanco con cinturón rojo de cinta de raso cuyas puntas descienden hasta la mitad de la falda, calza botinas encarnadas o azules, lleva un búcaro de flores en la diestra y va coronado de rosas. Los cuatro arcos que forman la glorieta del andar también van adornados de hinojo, mirtos y rosas. La Maya va vestida de mirto y rosas entrelazadas con varias otras hierbas aromáticas. Al Mayo le sigue un grupo de niños.
  4. En la Coruña he presenciado una comparsa de unos 12 niños vestidos de pantalón blanco, chaquetilla de azul claro y coronados de flores tirando de un carrito con arcos de rosas, dentro del cual iba otro niño como de 6 años mucho más engalanado que ellos, y todos cantando y pidiendo las mayas por las principales calles de la población. El niño representación del Mayo fue sustituido al día siguiente por una cruz florida [...]. Antes aún se solían ver algunos altares improvisados por las calles de 2ª y 3er. orden, pero ahora hasta eso va desapareciendo.
  5. En Ferrol hace pocos años tuve ocasión de ver el crucero llamado de Canido revestido de hinojo y flores, y cubiertos los brazos de la cruz con dos arcos de flores cruzados y una rueda de niñas cogidas de las manos dando vueltas alrededor del mismo al son de una sonata semejante a la del canto tradicional.
Anque son o Maio
E visto estas froles
Eí ven San Jüan
Que as traerá mellores

Eu pedinlle o Maio
A unha doncella
E non tivo máis que darme
Se non deitarme con ela

Este é o Maio
O Maíño é,
Este é o Maio
Que mexa de pé.
E viche-lo Maio?
E víchelo ben?
Pois perinola
Tamén vola ten!

lunes, 12 de abril de 2021

Entre brujas - As meigas de San Xurxo da Mariña

Entre brujas (novela comprimida), é a historia inédita dunha linaxe de mulleres meigas orixinaria de San Xurxo da Mariña (Ferrol) que pasou a asentarse na veciña parroquia de Serantes, e dos problemas que lles ocasionou dito traslado precisamente por ser de San Xurxo, lugar moi vencellado á meiguería. A vella señora Nemesia, a súa filla Calixta, e a neta, Rosiña, de vinte primaveras.

O doutor e arqueólogo don Santiago de la Iglesia Santos conta en primeira persoa o extraordinario caso de bruxería do que fora testigo na súa xuventude, cecais o que foi o último caso de bruxería coñecido no noso país. El mesmo protagoniza a historia cando, recén licenciado e destinado á cidade de Ferrol para ocupar o cargo de médico rural de Serantes, ten que atender de urxencia á vella señora Nemesia, a meiga filla do demo que fora moída a paos pola muller e as fillas dun rico labrador da veciñanza.

O relato curto, baseado en feitos reais e autobiográficos, foi redactado en decembro de 1919, corenta e seis anos despois de que tiveran acontecido os feitos (1874).

A noveliña mergúllanos de cheo na tradición literaria do naturalismo; na corrente naturalista máis dura. Como médico e científico que foi o seu autor, enfróntase ó enigma das feiticeiras tentando explicar a crenza popular no fenómeno paranormal da bruxería, que para el estaría causado pola suxestión, hipnose ou mesmerismo, seguindo así a outros especialistas da súa época que analizaron do mesmo xeito o caso de licantropía que supostamente afectaba ó noso home-lobo Manuel Blanco Romasanta. Lembramos aquí como un tal Mr. Philips no ano 1853 influíra no caso de Romasanta aducindo que a súa enfermidade viña provocada pola electro-bioloxía ou hipnose (Torres e Mariño: "El caso de Blanco Romasanta, el hombre-lobo gallego desde la perspectiva psiquiátrico-forense actual", Estudios penales y criminológicos, 2007).

Neste aspecto, dentro do relato as referencias do doutor de la Iglesia acomódanse perfectamente á bibliografía da época sobre o tema da hipnose, e por certo á dos máis famosos literatos naturalistas: "la señora Nemesia poseía el don de la proyección de lo que llama Balzac la fuerza de la voluntad [...] a la que dio expresión y fuerza científica Charcot en sus inolvidables experiencias de la Salpêtrière, creando el hipnotismo médico".

Entre brujas pasa a ser, entón, o primeiro estudo de etnomediciña ou mediciña forense de Galicia, no marco literario do naturalismo máis ortodoxo. Máis non só é relevante por esta razón.

O que me resulta máis fascinante aínda é a nota folklórica ou etnográfica que insire sobre as xentes de San Xurxo da Mariña e Covas, de onde procedían as mulleres: "de todos estos pueblecillos, ninguno más curioso y original que San Jorge de la Mariña; diríase arrancado de la costa de la Normandía, de tierra de piratas [...] pidiendo al cielo les conceda naufragios".  E continúa, facendo que o lector se sinta como na Pousada do Almirante Benbow: "la tradición secular habla allí de refugios de hombres del norte, de Nor-mands feroces en sus luchas  [...] trayendo en sus naves cuchillos y armas de calidad excelente, bebidas fuertemente embriagadoras, útiles y enseres variadísimos y llevándose carnes saladas y frescos quesos, y mantecas y granos". Unha xa os imaxina cantando aquelo de "ron, ron, ron, a botella de ron!". Stevenson quédalle moi preto ó doutor de la Iglesia.

Delo despréndese a certeza dos contactos entre os de San Xurxo e Covas e os piratas e corsarios normandos dende tempo inmemorial, cos que practicarían un intercambio comercial ata achegarse ó moderno contrabando de bebidas alcohólicas, logo tabaco, etc.

Neste outro aspecto da noveliña tambén é salientable a descrición que fai do costume dos veciños de San Xurxo de aproveitar as crebas arroxadas polo mar tras os naufraxios. Os obxectos máis nobres atopábanse nas chozas máis miserables: camas ou portas de cedro, fermosas pezas de porcelá e vidro. Tamén valiosos produtos químicos, como o cloruro áurico, e as bebidas máis escollidas, como o ron e o champán que tivo a oportunidade de beber o mesmo doutor nas súas visitas médicas, tiñan a mesma orixe.

Espolio dun naufraxio na praia de Marmadeiro ou da bruxa Santa Comba (Covas). A embarcación no momento da súa reaparición tralo temporal que arrastrou a area que a cubría foi obxecto de suposicións un tanto a fume de carozo, antes de que as mareas voltaran a cubrila de novo: chegou dicirse que tiña certo ar vikingo. (C) Dolores González de la Peña, 2014.

Entre brujas pode lerse completa no manuscrito do Arquivo da Biblioteca Galiciana, entre os fondos da Real Academia Galega (Fondos Persoais - Eladia de la Iglesia). A obriña dá para contar moito máis, historia de amor incluída, polo que dá tamén para unha película. Sen intención de ser exhaustiva e destripala totalmente, só vou indicar que a vella señora Nemesia morreu, pero non morreu polos paos recibidos (dos que curou polo bo facer de don Santiago), morreu de rabia. Non vou dicir que ou quen lle ocasionou semellante estado anímico (o cal é moi relevante), senón onde está enterrada a última meiga de Galicia: "frente a la puerta de la capilla en ruinas, cerca del sarcófago del hidalgo Alfonso de Serantes, cuyo sepulcro conocen tan pocos ferrolanos". Respetade a súa tumba porque as facultades da señora Nemesia son as dunha bruxa de verdade.

"La señora Nemesia era bruja de verdad"


Diante da porta, non sei se cara dentro ou cara fóra desta capeliña, moi preto do sarcófago de Alfonso de Serantes, xaz o corpo da última meiga galega. (C) Dolores González de la Peña, 2014.

Meigas ferrolás


Nun artigo de 1900 publicado en El Correo Galego, titulado "Brujerías Ferrolanas", dase traslado dun manuscrito de nigromancia da "monxa de Filgueira", con remedios para os encadelados, as malas fadas, a tiña do liño, o mal da paletilla, os nenos quebrados, diversas plantas máxicas como o xenxibre, o trovisco, o codeso, a xesta, o visgo e o trébol, e a técnica da ovomancia ou adiviñación mediante a clara de ovo (practicada na noite de San Xoán). O autor finaliza así o texto: "esta es la relación verídica y exacta de las paparruchas practicadas por las brujas que, para vergüenza nuestra, ejercen en Ferrol su profesión, con grave detrimento del buen sentido y del bolsillo de los inocentes".

martes, 6 de abril de 2021

A capeliña de San Lourenzo (Limodre - Laraxe)

Ofrendas e prendas personais xunto ó marco de San Lourenzo. Abogoso para os problemas de infertilidade, a miudo atópase roupa interior xunto del. (C) Andregoto Galíndez, 2021.

O famoso culto litolátrico que aínda se desenvolve en torno ó marco de San Lourenzo, así como as referencias á capeliña hoxe desaparecida (disque voou polos aires nunha explosión*) que albergaba a imaxe do santo, están recollidas pormenorizadamente no excelente traballo de Eva Loureiro Souto: "Límites parroquiais, límites simbólicos, conmemoracións rituais: o marco de San Lourenzo", Cátedra, nº 10, 2003). No seu estudo atopamos a cita que precisamos, que nos vai servir para asentar a nosa opinión sobre a capeliña ou ermida de San Lourenzo; segundo pensamos non se trataría dun edificio cristián, xa que, logo, estaba situada nun bivium e no medio do túmulo de terra que hoxe acolle o marco. O mesmo Vales Villamarín sospeitaba da existencia dun túmulo prehistórico no lugar: "la «chanta», clavada en el mismo lugar, donde presumimos tiene su emplazamiento el túmulo prehistórico" ("El marco del monte Medela", Anuario Brigantino, 1999, px. 14).

Eva Loureiro menciona unha entrevista a José Prego Mesías (El Ideal Gallego, 4 de agosto de 1961), un dos organizadores das festas de Laraxe. O xornalista preguntáballe a José se a imaxe do San Lourenzo era moi antiga, e este respostaba: "é bastante, pero aínda o era máis a que existía nunha cova situada precisamente no centro de catro parroquias: Laraxe, San Martiño do Porto, Limodre e Maniños".

Unha ermida ou unha capeliña rara vez son equiparadas coas covas, mais con frecuencia os megálitos si se denominan así (v. gr. Cova da Moura; Marco da Cova do Tesoureiro); ademáis, pola súa situación nos límites territoriais foron reaproveitados como marcos parroquiais. Temos polo tanto un bo fundamento para supoñer que o marco é resto dun megálito case totalmente destruído nunha voadura, cecais na procura dos míticos tesouros dos mouros, ou cecais, destruído pola Igrexa (e non sería a primeira vez), coa finalidade de atallar os cultos litolátricos pagáns.

Bivium ou bifurcación do camiño, visto dende a parte dianteira do túmulo que alberga o marco de San Lourenzo, con algún anaco de seixo branco característico das coirazas das mámoas. Un dos ramais conduce direitamente ó castro de Prismos.
(C) Andregoto Galíndez, 2021.

Temos que ter en conta a propia advocación a San Lourenzo. Como viramos xa noutra entrada (Un lucus en San Lourenzo de Niveiro) Blanca García Fernández-Albalat desenvolveu a conexión (tamén lingüística) entre o deus celta Lug e San Lourenzo (Las rutas sagradas de Galicia. Perduración de la religión celta de la Galicia antigua en el folklore actual, 1999). Mais na miña opinión a advocación a San Lourenzo podería partir dun culto previo que tiña lugar no recinto dun lucus ou bosque sagrado.

Así pois, a chamada capeliña de San Lourenzo semella ter sido un túmulo cristianizado, como o dolmen baixo a Capela da Santa Cruz (Cangas de Onís), ou o túmulo de Santa Eugina de Solano (Alt Urgell) e o de Saint Michel en Carnac, sobre os que se construíron capelas.

_________________________

*Francisco Vales Villamarín (apud Eva Lourenzo): "desapareceu por completo debido a unha grande explosión de foguetería ocorrida no seu interior".


domingo, 4 de abril de 2021

Pena da Elección, da Lección ou da Lición? (Cabanas - A Coruña)

Vistas dos meandros do Eume preto xa da súa foz, dende a Pena da Lición (Cabanas - A Coruña). No cumio de arriba á esquerda, intúese a silueta do castelo de Andrade recortada contra o horizonte. Entre os dous sectores de musgo da pena, o podomorfo de orixe natural sobre o que tería lugar a investidura real segundo o estudo de Quintela e Santos Estévez ("Petroglifos podomorfos de Galicia e investiduras reales célticas: estudo comparativo", Archivo Español de Arqueología, 2000). (C) Anxo Martínez-de Alegría, 2021.

Segundo a referencia bibliográfica que me facilita o arqueólogo XMª Bello, o folklore asociado ó penedo viña recollido no traballo La arqueología en la gasificación de Galicia 14. Corrección de Impacto de las redes y ramales de A Coruña, Xesús Amado Reino, Patricia Mañana Borrazás e Paula Ballesteros (Tapa 21, 2001):

Una señora aseguró que en esa piedra se elegían los alcaldes del pueblo, recalcando que el topónimo era Pedra da Elección y no Pedra da Lección, como aparece en los mapas. Por otro lado, un señor contó que los viejos decían: "que allí, en la madrugada de S. Xoán se oía tocar a un gaiteiro" (px. 117).

Segundo o parecer de XMª Bello, a forma do microtopónimo que presenta a informante como verdadeira podería ser resultado dunha corrección erudita motivada pola lóxica mental. O que se chama etimoloxía popular. A forma corrixida (Pena da Elección) contería xa o xérmolo dunha lenda etiolóxica que viría xustificar o sentido dun nome que a informante non lle vía aplicación no contexto no que aparece o penedo: pois que resulta imposible que na rocha se dera ningunha Lección, corríxese a Elección [dos alcaldes]. É, dende logo, unha posibilidade a ter conta. 

Sobre todo, porque fai pouco que un dos netos do propietario da finca onde se sitúa a Pena da Lición, Iago IF, tivo a amabilidade de informarme de que no Catastro de Ensenada atopou o nome do penedo como "Pena delizión", e de que o seu avó sempre chamaba ó lugar "Pena da Lición". Asimesmo, me indicaba que nunca lle escoitara ó seu avó lenda algunha vencellada ó penedo.

"Pena delizión" no Catastro de Ensenada; recorte enviado por Iago IF.
(C) Libro real de leigos de Santo André de Cabanas e Santo Estevo de Irís (1752), px. 81 do visor da Biblioteca Galiciana.

Se partimos do feito de que a forma máis antiga e mellor conservada é a do Catastro, que ven sendo a mesma ca que lle transmitiu a Iago o seu avó, podemos fornecer outra etimoloxía para o microtopónimo Lición, do latín laesus, "ferido, mancado, quebrado", que ven dar no galaico-portugés antigo lijom, "mancadura" (Cantigas de Santa María), ben nunha acepción orográfica relativa ó propio penedo que semella quebrado, á paisaxe fendida polo río Eume, ou ós lindes parroquiais que pasan por esta paraxe un pouco máis arriba (marco do Salto).

No Libro Real de Leigos da parroquia de Santa Cruz do Salto altérnanse pronuncias con seseo (Serdeiras / Cerdeiras; Fonte Siega / Fonte Ciega), o que fornece unha boa base para supoñer un orixinal Lixón > Lisión, despalatalizado, que se transforma logo en Lizión ó hipercorrexir unha s etimolóxica tomada por pronuncia seseante.

A elección dos alcaldes en Santa Cruz do Salto e Santo Estevo de Irís


  1. "el alcalde de dicha felegresía [...] es igualmente nombrado por el vencindario a maior número de votos, y el que en esta conformidad sale electo, le expide su título de nombramiento para el uso y exercicio de su empleo, el Juez de dicha jurisdición de Calaveiro" - Libro interrogatorio de Santa Cruz do Salto, 1752.
  2. "a excepción del alcalde pedáneo y persona de Cavildo, que estos son eleitos por el Pueblo a maior número de votos" - Libro interrogatorio de Santo André de Cabanas e Santo Estevo de Irís, 1752.

Pode comprobarse que se describre con detalle o proceso de votación, elección e nombramento dos alcaldes sen facer alusión algunha ó lugar da Pedra da Lición.

Os petróglifos da Pena da Culler (Pedroso - Narón): un trifinium parroquial


No Catastro de Ensenada (PARES) atopamos os límites de Pracente con respecto a Sedes e Pedroso (Narón); pasaban pola Pena da Culler, que tivemos a oportunidade de coñecer grazas ó arqueólogo Eloi Saavedra.

A continuación trasladamos os límites de Pracente segundo o Catastro de Ensenada: "principiando por el Levante, con el Puerto llamado de Loureiros, división con la Felegresía de San Salvador de Pedroso, siguiendo al lugar que se dice de Pena Blanca, y de esta al Riego de Cantalarrana así a la Cumbre del monte y fuente llamada dos Mojós, de aquí a la Peña nombrada da Culler, y de ella a un marco que se dice das Quintas, caminando desde él por la división de la Felegresía de San Esteban de Sedes hasta llegar al lugar nombrado de Eira Vedra [...]" (Catastro de Ensenada: procura por "Placente").

Pena da Culler. No sector da esquerda vese claramente no centro unha das tres coviñas, e na zona do fondo, as formas creadas pola erosión natural de pedra, que lembran unha culler e o que chaman popularmente o tenedor (segundo me informa Eloi Saavedra). (C) Andregoto Galíndez, 2021.

Na Pena da Culler, polo tanto, as tres coviñas de orixe antrópica aparecen vencelladas ós marcos territoriais parroquiais, que periódicamente percorrían os alcaldes e homes bos das respectivas feligresías, na Idade Media, para vixiar e renovar se for preciso as marcas de linde dos penedos. Neste caso, o feito de que sexan tres coviñas viría dado por ser a Pena da Culler un trifinium ou límite entre os territorios de Pracente, Pedroso e Sedes. En relación con este afloramento granítico consérvase aínda folklore que o liga á presenza dos alcaldes na súa contorna, segundo me indica Eloi Saavedra.